Contos da tradición oral de Galicia
Segredo de confesión
Manuel Vidal Roca era un crego que vivía na reitoral de Santo André, concello de As Nogais (Lugo), casa situada xunto a igrexa parroquial que aínda hoxe en día continúan a chamarlle A Casa do Cura. Na Festa da Cofradería facíase unha confesión xeral aos veciños polo que, para axudar á misa e ás confesións, ían curas doutras parroquias dos arredores. Unha mañanciña presentóuselle a un dos curas unha muller que lle contou a súa vida, incluída a parte máis "lixeira". O cura quedou apampado pola luxuriosa vida da muller.
Cando os curas se foron a xantar, o crego confesor non puído gardar o segredo e díxolles que a primeira muller do día que fora onda el confesar, non había outra no mundo de Deus que lle fixese sombra en menesteres. Mentres lles relataba aos da mesa o que lle contara a freguesa no confesonario, entrou a criada do párroco no comedor e, dirixíndose a el, soltoulle: "Tome vostede de primeiro, padre, por ser eu tamén a primeira a quen confesou".
[Texto remitido por Xabier Moure Salgado, de Becerreá (Lugo). Marzo de 2015]