Contos da tradición oral de Galicia
O labrador, os cans e o raposo
[ATU 154: The Fox and his Members]
_______________
Aló polas terras de Zoñán vivía unha familia labrega moi pouco amiga do raposo pois comíalles todas cantas galiñas tiñan. Non sabían como habían facer para que isto non ocurrise.
E, matina, matina, deron coa solución.
Un día que estaban apañando nas patacas, acordaron esconder aos cans debaixo dun cesto e poñelo ao pé do carro, para enganar ao raposo. E así foi, ao pouco tempo achégase por alí o raposo e pregúntalle ao labrego:
—Ei, labrador, que é o que tés ao pé do carro?
—É unha galiña coa súa larada.
Entón o raposo ergue o cesto e saltan os cans correndo tras del. Tanto corría o raposo que chegou ao cimo dun teso dende onde xa non vía aos cans. Sentíndose máis tranquilo sentou e fregando os pés, dicía:
—Ai meus peíños, meus peás, se non fosen os meus peíños comíanme os cans!
—E logo eu? Preguntoulle o rabo.
—A ti, mal raio te parta, que tirabas por min para atrás.
E veu un raio e matou ao raposo.
[Versión achegada por Mª Celina Cruz Rodríguez, de Lugo. Agosto de 2014]