Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

O raposo e o lobo na roza [AT-15: The Theft of Food by Playing Godfather]

O raposo e mailo lobo axustaron, non, aparcearon pa cavar unha finca de monte. O lobo podia máis que o raposo, cavaba moito, e levaban unha miguiña de leite e mais a comida pra comer. E taban cavando, o raposo non daba andado ó lobo; o lobo iba diante e logo dixo o raposo:
—¡Eh! ¿Quen vén?
—Berran por ti —dixo o lobo— ¿Que queren?
—Eu non sei que me queren; berran as mulleres por min.
—Vai aló a ver que queren; vai aló a ver que queren.
E foi. E foi á ola donde tiñan o leite e bebeu un pedazo. E veu pa cabo do lobo, o lobo taba cavando e dixo:
—¿Que é, ho?
—Era facer un bautizo, ho; era facer un bautizo, que non era outra cousa.
—¿E como lle puñeche?
—Comezado.
Bueno, vai o raposo colle de aixada, volveu a cavar tras do lobo e adiante outro pouquiño. De alí a un pedazo dixo o raposo:
—¡Eh!
—¿Pero, que tes, ho?
—Volvéronme a chamar —dixo—. Bo, bo, non lles faigo caso; non vou.
Dixo o lobo:
—Vai, ho, vai que —dixo— cavo eu un terrón máis, que é igual.
Volveu. Vai o raposo bebe outro pedazo da ola do leite. Volveu pa cabo do lobo, claro:
—¿E que era, ho?
—Era outro bautizo, ho.
—¿E como lle puñeche?
—Mediado.
Iba a ola a menos. Bueno, volveu a cavar outro pouco e tal, e logo volven a berrar.
—¡Pero, que é o que tedes, ho! ¡Setecentos demoños vos coman que sempre estades ...! ¡Non deixades traballar a un a gusto! ¡Non vou pa aló!
—Vai, ho, vai —dixolle o lobo—; vai pa aló.
E dixo, cando veu, dixo:
—¿E que era?
—Era outro bautizo, ho. ¡Que había ser!
—¿E como lle puñeche?
—Rematado.
Acabárase o leite. Bueno, cavaron dous ou tres terróns máis. O lobo taba cansado; o raposo non, que era de viaxe, que había tar cansado, e dixo:
—¿Vamos comer?
—Vamos.
Claro, iban comer pero, ¡o carallo!, non había que comer, que o leite bebérao o raposo. ¡Que habían comer! ¡Hostias!
—¡Me cago en dióster! —dixolle o lobo— ¡Bebícheo tu o leite!
Dixo o raposo:
—Eu non, eu non bebín nada, senón vámonos poñer á raxeira e ó primeiro que lle sude o cu foi o que bebeu o leite.
Moi ben, o lobo como taba cansado deitouse á raxeira e o raposo tamén. Pero o raposo en desque veu que adormecera o lobo, vai e saca de pirola e méxalle no cu.
E así que estaba mexado, que o tiña mollado, díxolle:
—¡Oi, ho, lovántate! ¡Ves! ¡Quen bebiche o leite fuche tu, namentras que fun eu face-los bautizos! ¡Ves como che suda o cu!



Recompiladores: Equipo Chaira (Mª Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba, Mercedes Salvador e Antonio Reigosa)
Informante: Rodolfo Caballero (56 anos).
Lugar e data de recollida: A Xesta, Quende. Xaneiro de 1993.
Proxecto: Transcrición extraída do “Inventario de lendas, contos e outras manifestacións da literatura oral do concello de Abadín”. Campaña 1992-1993.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: