Contos da tradición oral de Galicia
As vodas no ceo [AT-225: The Crane Teaches The Fox to Fly]
O raposo estaba a porta dun galiñeiro, sentado co seu bastón zarandeando, esperando a que saíran as galiñas para collelas. Entón veu a águia e sentou ao lado do raposo, e este díxolle:
-Ai señora águia, que milagre andar vostede por aquí! Eu estou esperando a que saían esas da capoeira pa janchalas.
E a águia díxolle :
-Eu ben che sei onde hai unhas vodas de galiñas, haiche doce canastas.
-Oi, pero onde son esas vodas?
-Esas vodas son no ceo.
-Quen che me dera ir alá....
-Pois se queres lévote eu, eh? Ti sabes montar ao cabaliño?
-Monto aínda que sexa no cabalo do demo.
Montou, andaron e andaron unha chea de tempo.E a águ díxolle:
-Que tal vas ho?
-Eu al pelo, pero o peor es ti.
- Pois eu cando me canse xa te pouso.
-Ti, tira pa diante e que non te tente o demo, non vaias dar unha volta e me tires ao chan.
Andaron máis un pouco e cando lle deu a gana a águia deu unha reviravolta e aí vén o raposo desde alá riba, a rolos.Mirou unha cancela e dixo:
-Fuxe cancela que te fendo.
Nisto mirou un palleiro e dixo:
-Escapa palleiro que non quedas enteiro.
Grazas ao palleiro foi rodando polas pallas abaixo, ata o chan. Levantou un ollo para arriba e dixo:
-Si de esta salgo y no muero, no quiero más bodas al cielo.
[Texto de autoría anónima. Abril de 2011]