Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

DICIONARIO

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Ponte Pedriña

A Ponte Pedriña, a vella ponte romana que unía os concellos de Muíños e Lobeira (Ourense), dorme baixo as augas do encoro das Conchas. Era paso da Vía XVIII, Itinerario de Antonino (A Vía Nova). Esta ponte foi declarada Monumento Nacional o ano 1944 e cinco anos despois, sen atender a tal distinción, foi anegada baixo as augas do encoro.

A historia fantástica popular é outra ben diferente. Un mozo de Santa Cruz rondaba unha moza da outra beira do río. Para ir xunta dela cruzaba polas poldras pero unha vez unha enchente de auga que arroiaba impediulle atravesar. O mozo botaba xuramentos e maldicións, tantos e tan fortes que se presentou o demo e propúxolle un trato. Lucifer comprometíase a traballar toda a noite para construírlle unha ponte; o mozo, a cambio, tería que entregarlle a alma cando morrese. O mozo, vese que era o amor quen gobernaba a súa conciencia, aceptou o trato e o demo en chegando a noite púxose a facer a ponte.

Pero cando xa amencía e aínda lle quedaba unha pedra por colocar. Vaia; non deu rematado a obra. Contrariado polo contratempo o demo seica dixo:

-Por culpa dunha pedriña nunca me fuches pagada. Vivirás sempre maldita e morrerás afogada.

Coa maldición deulle nome á ponte. O curioso é que sen a pedra que lle faltaba a ponte foi de moita utilidade desde os tempos romanos ata que os argalleiros do encoro cumpriron a maldición.

El non será o demo o que tamén constrúe os encoros?

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: