Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 110: San Brais

Brais vén de blaesus —tartamudo—. De orixe armenia, s. IV, foi curandeiro. Librou de morte a un neno en perigo de esganarse cunha espiña de peixe e invócase para os males da gorxa. Desbravou lobos como san Froilán.

En Vilaxoane, Foz, os devotos fregan a gorxa da imaxe do santo cun pano e logo, ao tempo que pasan o trapo pola propia, piden «San Brais bendito cúrame a gorxa e mais o apetito». Bendicen uns bolos que a xente come e leva para que tamén coman os da casa.

En Monforte, san Vicente do Pino, gardan un anaco dun óso de san Brais. Tamén bendicen roscas e as cintas coas que as atan —azuis os homes e rosas as mulleres— e logo lévanas ao pescozo nove días para que, por maxia de contacto, dean protección a esa parte do corpo.

Na Colexiata do Sar en Compostela bendicen bolos e roscas, e en San Paio de Antealtares o sancristán pon unha vela en forma de U arredor do pescozo do oferente.

Comer fabas o día de san Brais provoca treboadas e ventadas todo o ano, crenza que lembra o rito romano de acougar as perigosas ánimas dos mortos —lémures e larvae —botando para atrás e por enriba do ombro fabas negras.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 3 de febreiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: