Como era o meu Antroido: Zoñán (Mondoñedo)
Época: 1965-1975
Idade da persoa informante nesa época: Entre 8 e 15 anos
Lugar: Zoñán (Mondoñedo).
Contexto: Rural.
Denominación local: Antroido.
Máscaras: Eran invariablemente de confección propia. O normal era a inversión de sexos; que os mozos se vestisen de mulleres vellas e as mozas de homes tamén vellos. Aproveitábase a roupa inservible, colchas rotas e outros trapos que houbese pola casa, desde panos a mantelos, cadaquén coa súa capacidade para disimular a súa verdadeira identidade. Uns facíanse os coxos, outros os chepudos, os máis facíanse mudos e os que tiñan capacidade para mudar de voz simulaban ser muller ou home en función do disfrace.
As caretas facíanse ou de tea ou de cartón (caixas de zapatos, o que houbese); ás veces tinguíase a cara cun tizón e non se usaba careta.
Correr o Antroido: Dependendo un pouco de cando cadrase o Martes de Entroido, máis cedo ou máis tarde, as Máscaras comezaban a circular polas casas pouco despois de Reis, sobre todo nas noites de fin de semana.
Xeralmente formábanse grupos, non moi numerosos, de mozos e mozas adolescentes aos que acostumaba acompañar algún adulto. Ás veces levaban un moneco de palla, vestido con roupas vellas que representaba ou personificaba o Antroido.
Petaban nas portas das casas. Se os da casa recoñecían a alguén dos enmascarados, este descubríase e a partir de aí o grupo era convidado a entrar e agasallado con comida (xeralmente filloas e outras sobremesas propios da época) e bebida.
Se ninguén do grupo se daba a coñecer, xeralmente non se lles deixaban entrar, aínda que se lles podía dar algún agasallo. Chourizos, carne ou filloas. Incluso cartos.
A gracia estaba en ir descubrindo quen integraban a mascarada ata que se descubrían todos, uns forzados porque foran recoñecidos e outros por propia vontade. E daquela casa, a outra. Tiña moito mérito descubrir todas ou a maioría das máscaras.
A ronda polas casas da aldea e incluso polas dalgunhas aldeas veciñas remataba co Martes de Entroido.
Non era raro que un par de grupos enmascarados, sobre todo se os compoñían mozos xa feitos e dereitos, rematasen a xornada a paus, correndo uns tras doutros polas corredoiras.
Comidas: “Alegría, alegrote, que está o rabo do cocho no pote”. O menú era, invariablemente, un bo cocido con carne de porco variada (chourizos, chanfainas, costela salgada, orella, dente, touciño....), incluído o rabo, que se reservaba para estas datas con uns bos cimóns. A sobremesa era invariablemente a base de filloas, chulas e orellas.
Imaxe: El Pueblo Gallego, 24 de febreiro de 1974.
Informante: Antonio Reigosa Carreiras