Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A pedra da Ra de Palmeira

En Palmeira, Ribeira (A Coruña), tamén se apareceu en certa ocasión a tendeira coa súa tenda marabillosa, e miña avoa, que me contaba o caso, aseguraba que quen a atopou foi unha tía-avoa dela, nun lugar onde, agora o sei, hai unha pedra zoomorfa chamada a “Pedra da Ra” con varias marcas cruciformes, seguramente dalgún rito de cristianización ou polo menos de exorcización; e, curiosamente, falando desa lenda cun amigo, aseguroume, con exemplos claros, que todos os veciños orixinarios dese lugar acabaron montando algún tipo de negocio.

A pedra da Ra é un antergo lugar de culto precristián, onde os nosos antepasados, moito antes de que san Pedro puxese o seu pé na Pirilla, celebraban o renacer da natureza. Un vello lugar onde os primeiros poboadores de Palmeira festexaban a chegada da primavera a carón deste penedo zoomorfo que, segundo desde onde se mire, nos lembra a un xigantesco batracio mirando cara o solpor, cara ese punto do horizonte polo que se di que escapa a vida. Un antigo santuario do que temos noticia polas lendas que se conservan e se foron transmitindo ata os nosos días, como a da moura que ó seu carón estendía un chafariz de cousas preciosas e ofrecía, a quen na tenda entraba, o que máis lle gustase para outorgarllo. É o famoso conto das tesoiriñas de ouro, que se narra en moitas zonas de Galiza, xeralmente asociado a lugares de veneración precristiá para evocar a fartura, pero non a riqueza, facendo unha distinción que ás veces non é doada de entender, pois a fartura nace cada ano, e é froito do traballo diario, mentres que a riqueza é un golpe de sorte que como vén se vai; iso que sabían moi ben os esmolantes, que mellor preferían pedir en casa farturenta ca en casa rica.

Nesta lenda, a fermosa tendeira pregúntalle a quen entra polo que máis lle gusta do seu bazar, e o máis lóxico é que a mirada se deteña nunhas tesoiriñas de ouro que están sobre o expositor, e daquela a moura do encanto ameaza ó cliente, que llas vai cravar para que as teña para sempre con el, ó tempo que toda aquela marabilla desaparece e se volve carbón, mentres que, se o que se lle di é que o máis bonito da tenda é a tendeira –frase propia dun visitante masculino-, a moza casa co cliente facéndoo dono da formidable dote e abríndolle un futuro de prosperidade.

 

Unha ra, á fin e ó cabo, é a anunciadora da vida que renace. O canto da ra é o canto da primavera, é o son que anuncia a morte do inverno, a chegada do bo tempo e do renacer da natureza, por iso esa forma zoomorfa que vemos indo para Moldes convocou na antigüidade, nese primeiro santuario de Palmeira, a cantos querían celebrar a vida. E a lenda contouse como única maneira de manter a memoria do que un día foi lugar de evocación e romaxe, a pesar de que coa chegada do cristianismo se quixera desterrar tal veneración poñéndolle unhas cruces que esconxurasen o antigo culto e desviasen cara outras crenzas as primixenias maneiras de entender a relación do home co cosmos.

Pero aínda me contaban, contemplando esta pedra, unha fermosa fábula encol da permanencia do amor sobre os estragos do tempo, que é unha maneira de facer permanente a primavera dos nosos anos mozos, e facíano a través do conto daquel sapo presumido que un día casou cunha ra, e tras un duro inverno metido nunha furna a carón da súa compañeira, mirando cada noite para ela, e véndoa toda enrugada, -el que non tiña espello e se sentía rexo e forte- canso, ou aborrecido de ver sempre a mesma cara, dicía para si que por que estaría perdendo a vida a carón dunha vella; e entón, coas primeiras raxeiriñas dos días longos foise de troula, a procura de mozas que o gorentasen, pero as novas víano e fuxíanlle, e tirábanlle pedras, e escoitaban os seus galanteos e o seu croar groso e rudo para rirse del, facerlle burla e chamarlle vello potrudo; ata que, canso de esmorga sen festa, o sapo desenganado volveu á casa, con tanta vergoña, que antes de abocar o camiño da porta ficou a recuperar folgos e a pensar que lle contaría á súa compañeira sobre a aventura; e cando a viu, xa de lonxe, para que ela non o vise canso e fracasado berroulle fachendeando:

—Vaite daí muller vella, que estou na primavera.

Ó que ela, fiel, amante e comprensiva, lle contestou co sorriso nos beizos.

—Vente, meu velliño presumido, que se non son eu, ¿a ver quen che vai quecer do frío?

Texto e fotografías de Francisco A. Vidal, de Palmeira (Riberia (A Coruña). Febreiro de 2019


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: