Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A Noitevella, algunhas 'tradicións'

A ‘tradición, das doce uvas

Neste século XXI xa non debe quedar casa onde non se despida o Ano Vello e se reciba o Ano Novo tomando doce uvas, unha por cada mes, sempre ao compás televisado das badaladas do reloxo da Porta do Sol de Madrid. Semella que foi así toda a vida e que se trata dunha vedraña “tradición”, ou  como se nos repite unha e outra vez, consecuencia dunha ocorrencia dos viticultores alacantinos que non sabendo que facer cun excedente de uva de mesa do ano 1909, tiveron a intelixente iniciativa de promover exitosamente o seu consumo masivo

Pois non. Na tradición oral da comarca alacantina de Viñalopó queda memoria de que algún labrego conseguiu gardar uvas en óptimas condicións para tomar na noite de fin de ano, pero non foi ata os anos corenta do século XX cando se xeneralizou a técnica de embolsado de acios para retrasar a maduración da uva de mesa.

Sen embargo, as familias da aristocracia e a nobleza española xa tomaban uvas (non se sabe de certo se eran doce ou tan só tres, e se debían ser negras para ter mellor sorte) e champaña ou cava na noite do 31 de decembro desde uns cantos anos antes, polo menos desde 1880. A moda traíana os aristócratas madrileños que pasaban as vacacións en Biarritz ou viaxaban a Francia con algunha frecuencia.

Houbo intentos de popularizar entre a xente do común o consumo de uvas nesta noite. Na derradeira década do século XIX abundaban os anuncios na prensa nos que se podía ler “Uvas da Sorte”, “Uvas Milagrosas”, Uvas da Fortuna”. E paseniñamente si que se foi impoñendo o costume entre as clases medias ao tempo que se difundía a crenza de que comer uvas atraía cartos ao peto. En 1909, houbese ou non excedente de uva de mesa, xa era habitual tomar as uvas pola Noitevella, polos menos nas cidades e vilas de importancia. Mais o consumo masivo deste produto, chegara por outro motivo ben distinto.

As badaladas do reloxo da Porta do Sol de Madrid

A orixe do costume de tomar as doce uvas ao compás das doce badaladas do reloxo da Casa de Correos na Porta do Sol de Madrid aínda é máis curiosa.

A mediados do século XIX era moi popular en Madrid unha festa chamada a Recepción dos Reis Magos. Celebrábase o 5 de xaneiro e durou ata 1882.

Consistía en que un grupo de persoas, acompañados por gardas, procuraban atopar algún forasteiro para obrigalo a percorrer as rúas e facerlle subir aos balcóns para comprobar se os Reis Magos deixaran algunha moeda ou outros regalos de valor. Era unha festa na que os madrileños das clases populares rían e troulaban a conta doutros inocentes recén chegados, entre os que eran escollidos como vítimas preferentes asturianos e galegos.

No ano 1881 foi nomeado alcalde de Madrid o liberal-progresista José Abascal y Carredano. Era de Los Pontones, Ribamontán, en Cantabria, e non gustaba daquela festa na que se ridiculizba, entre outros, a humildes paisanos seus. Mais, en vez de prohibir a xoldra, tivo a feliz ocorrencia de publicar un bando no que esixía a todos os que desexasen participar na chacota da Recepción dos Reis Magos o pago dun “duro”, un peso, o equivalente a cinco pesetas que na época supoñían un capital.

A Recepción dos Reis Magos acabou pero os que participaban nela precisaban alternativas. Que se lles ocorreu? Pois rir dos madrileños de clase alta que entón, imitando aos franceses, xa tomaban uvas e bebían champaña na noite de fin de ano.

Así foi como na Noitevella de 1882 se reuniron espontáneamente diante do reloxo do Ministerio de Gobernación na Porta do Sol (hoxe sede da Comunidad de Madrid) moitos madrileños coa intención de ridiculizar aquel costume aristocrático. Tomaron uvas e beberon champaña, ou algo que se lle parecese; e o tempo convertiu a burla en tradición, e a chanza, en rito.

O rei Alfonso XIII acudiu á Porta do Sol na Noitevella de 1930 para celebrar entre o pobo a chegada do ano 1931. Foi a primeira e a última vez que tal fixo, pois no mes de abril do ano seguinte proclamouse a República e, como é ben sabido, tivo que fuxir do país para non regresar endexamais.

A partir de 1962, TVE comezou a retransmitir para todo o Estado as badaladas de fin de ano desde a Porta do Sol, o que popularizou de vez, agora si, o de tomar as doce uvas; badaladas dun reloxo que comezou a funcionar un 6 de novembro do ano 1866 e que segundo se anuncia vai ser substituido por un dixital en 2012.

Permitáseme unha curiosidade sobre o reloxo da Porta do Sol de 1866 que foi fabricado e doado, con motivo do santo da raíña, por un reloxeiro inglés chamado José Rodríguez Losada. O inglés era natural de La Cabrera, en León, e está considerado o primeiro cronometrista de Inglaterra. A súa aventura vital, cóntao Carlos G. Reigosa en A agonía do león, comezou cando, sendo rapaz, andaba de pastor polos perigosos montes do Teleno. Nunha ocasión perdéuselle no monte unha xata que comeron os lobos e por medo ás represalias do dono do animal, fuxíu. A súa capacidade e unha serie de coincidencias levárono a casar coa viúva do dono dunha gran reloxería e a dirixir unha prestisiosa empresa reloxeira.  

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: