Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Por Santa Lucía mingua a noite e medra o día?

Celebramos a Santa Lucía o día 13 de decembro. Aínda faltan oito días para o solsticio de inverno, para que verdadeiramente se invirtan as horas de luz e de noite, e sen embargo seguimos a dicir: Por Santa Lucía mingua a noite e medra o día.

O refrán tivo sentido pois como consecuencia dos desfases do calendario xuliano, o día de Santa Lucía, o 13 de decembro, chegou a coincidir co día do solsticio de inverno entre 1325 e 1350; e no s. XVI o día do solsticio chegou a ser incluso o 11 de decembro.

Estes dez días entre o 11 e o 21 de decembro suprimironse en 1582 coa reforma gregoriana, de maneira que o día de Santa Lucía quedou situado a 8 días do solsticio. O dito, sen embargo, en vez de esquecerse, aínda segue varios séculos despois na boca da xente.

A igrexia ao dedicar o día do solsticio a Santa Lucía cristianizou unha festa pagá anterior. Lucía é o feminino de Lucius, da raíz latina lux, lucis; ou sexa, luz. Os suecos chámanlle a Raíña da Luz, visten a imaxe cun manto branco e unha coroa de velas na cabeza, e fan que presida a procesión do día 12 de decembro para celebrar a volta dos días luminosos.

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

En torno ao día de Sta. Lucía tamén se da outra situación que xustifica o refrán. En decembro cada día o sol metese antes, pero a partir do 13 de decembro empeza a porse o sol mais tarde. Polo tanto, mingua a noite ou comeza mais tarde a noite, ainda que a duración da noite sigue a crecer ata o solsticio. Iso e debido a que o amencer sigue sendo mais tarde.
Esta é a explicación que me deron a min cando era pequeno.

Enviado por Eloy Díaz Dorad o 14/01/2020 ás 13:41:29


Enviar comentario a este artigo: