Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 06 (2010).-SOLLA, Calros: O “Xan Fiz” e o ciclo de Nadal en Cerdedo

Artigo publicado previamente polo autor en Faro de Vigo (28-12-2010) e no blog O EMBIGO DO BECHO. __________ Non podía ser doutro xeito. Cerdedo tamén pode presumir de ter unha alternativa aborixe ao alleo, materialista e cocacoleiro Papá Noel. Congratulámonos pola recuperación da tradicional noite do apalpadoiro, a noite de ano vello, onde o apalpador –tamén chamado pandigueiro–, o mítico leñador ou carboeiro das serras orientais do país, abandona o seu fragoso retiro, baixa ás aldeas, pasa revista ás barrigolas dos nenos, deséxalles fartura no novo ano e agasalla os pirreliños cun pucho de castañas. É o entrego apalpador metáfora do ano xa amortizado e pervivencia de antigos cultos vencellados co solsticio de inverno. Mais, hoxe, celebramos a entrada na escena festiva dun outro personaxe, rescatado tamén do ostracismo no que o recluíu esta urbana exaltación do consumismo globalizado. Traballo custou, mais, a por de preguntar, chégase a Fisterra. Paso a relatarlles o que recadar puiden do personaxe Xan Fiz, espírito do Nadal galego en Terra de Montes. Quen coñeceu o Xan Fiz di que é home velleiro, alto, fraco e barbudo. Quen o viu sabe máis ca calquera, pois viste o chamado traxe de asiandes, confeccionado con exótico e máxico pano, que o fai invisíbel á común ollada e lle outorga o don da ubicuidade. Xan Fiz é o parente rico e solteirón na procura do sobriño vinculeiro, unha sorte de indiano adiñeirado. Xan Fiz é un ancestro cordial. Xan Fiz volve cada ano polo Nadal e faino cargadiño de presentes e ventura. Xan Fiz representa a fartura e a prosperidade. O nome “Xan” correspóndese ao hebreo Yohanan “Deus é bondadoso”, e “Fiz” é acurtamento patrimonial do antropónimo culto Félix, do latín felix-cis “fértil, fecundo”. X. Feixó Cid, no seu Dicionario galego dos nomes, e respecto de Fiz, engade: Despois pasou a indicar “favorito dos deuses”, e de aí chegou a “feliz, contento”, que na época cristiá fíxose un cognome bastante común, chegando logo a ser nome independente, con sentido augural, de bo augurio, ou de desexos de felicidade para alguén. Xan Fiz reside durante o ano en Macao, no afastado Oriente. Marchou para terras chinesas de mozo e alí, na antiga colonia portuguesa, fixo fortuna. Cecais, estean pensando vostedes que o moito diñeiro lle choveu polos chopes pirotécnicos, os xogos de azar ou o tráfico de porcelana, mais non tal. Segundo me confesou a señora Manuela Cortizo (80 anos), memoria viva da aldea de Barro, Xan Fiz enriqueceu por ter atopado ou adquirido, quen sabe onde ou a quen, a chamada pedra de Gilardillo (Xil + esquío?), o mesmiño corno da abundancia, e por atinxir o bo dispor do forno para, como arranxan os mouros, transformar as arañeiras en fíos de ouro. Sospeito que os “fornos” aos que fai referencia a lenda non son os panificadores, senón as antas, arcas, casotas ou fornos megalíticos. Convídase a Xan Fiz á mesa festeira do Nadal, reservándolle ao noso carón unha cadeira baleira (tamén, prato, copo, culler, garfo e coitelo). O retornado agradecido favoreceranos cun quiñón da súa inmaterial riqueza, envolveita na abstracción dos bos desexos. No lugar de Cerdedo, identifican o Xan Fiz con outro persoeiro da nosa enchente mitolóxica: o Rabelo, home langrán de barbas brancas e saco ao lombo. Home misántropo, pasou a vida a espulgar na polpa branca duns coíños coñecidos por pesetas de ghato, alfaias, para quen as saiba apreciar. Pola súa banda, a señora Laura Branco (78 anos), veciña de Chamadoira, recoñece o Xan Fiz na figura de Noso Señor quen, baixo as humildes roupaxes de camiñante aterecido, pon a proba a nosa xenerosidade, demandando pousada nesta selleira noite de inverno. Tal identificación é unha clara cristianización da vedraña ritualidade, pois escusamos lembrar que o noso hóspede chegou ao mundo esa mesma noite. A señora Laura engade que os comensais nunca poden ser trece, xa que o décimo terceiro (o número do Iscariote) finará ese ano. En Meilide, median na controversia, aducindo que é a Sagrada Familia a que peta á nosa porta, aburada polo inminente parto. Quizais, a lenda de Xan Fiz se remonte ao século XVI, momento no que os portugueses (ano 1557) fundan un asentamento estábel en Macao. Quizais, este noso Xan Fiz, estea relacionado co mítico Preste Xoán, patriarca e rei cristián do Oriente, descendente dos Reis Magos, nomeada figura da Europa dos séculos XII-XVII. Quizais, amálgama ou sincretismo. Sexa como for, nos estudos sobre mitoloxía portuguesa arredor do ciclo do Nadal nada achei verbo do noso singular personaxe. Engadiremos amais que, en Cerdedo, a tradición da Noite Boa prescribe non recoller a mesa tras a cea, pois, en deitándonos, acudirán as almiñas dos devanceiros a ripar nas faragullas. O pan debe deixarse coa codia para arriba. Antes de cear, cómpre varrer ben varrida a pedra lareira e facer lume de novo –o lume novo de Nadal–. Mentres se cea, debe arder o chamado tallo de Nadal. Á medianoite, retirarase a torada do lume, aplacando as brasas con auga. A borralla esparexerase polas cortes e cortellos e mesmo polo lombo dos animais domésticos, para preservalos das doenzas ou malogreiras. A porción do tallo non consumida ou un tizón –o tizón de Nadal– gardarase para esconxurar as treboadas do ano vindeiro. De acometer o trono, aconchegarase de novo ao lume, sempre aceso na casa labrega, acompañado dunhas pólas de loureiro bendicidos o Domingo de Ramos. Deixarase que o fume invada todas as estancias da casa, resolvendo a profilaxe interior. O fío de fume que fuxa pola cheminea tecerá un escudo protector sobre a edificación. Tras sermos visitados polo Xan Fiz (noite do 24) e polo apalpador (noite do 31), acoden os Reis (noite do 5 de xaneiro). Interpretará a rapazada os cantares de Reis porta a porta, en troco do aguinaldo: Vinde, vinde rapaciños,/vinde todos a mirar/o nacemento do Neno/que o ten nos brazos súa Nai. Conviden vostedes ao noso Xan Fiz, fáganlle un oco na súa abondosa mesa galega; coido que non hai mellor xeito de esconxurar a galgante crise (de valores).


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: