Entroido de Val de Francos 2009
O Entroido en Val de Francos, Ansemar, Castro de Rei(Lugo).
AUTORES: J. Manuel Blanco Prado / Carme Pernas Bermúdez
__________
Desde o ano 1992 as parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno, pertencentes ao concello de Castro de Rei (Lugo), celebran o seu entroido no Val de Francos.
O día 24 de Febreiro do 2009, martes de Entroido, o Meco (nome que se lle dá nesta zona á representación do Entroido) foi levado enriba dunha barca desde unhas casas de Ansemar ata o próximo campo de Carril, sendo acompañado por un conxunto de máscaras e o grupo musical “Os Valuros” de Castro de Rei. Alí, unha parella formada por un home e unha muller pronunciou o famoso “Sermón do Entroido”, consistente nun conxunto de estrofas que tiñan como finalidade criticar diferentes eventos e actitudes non só da vida cotiá destas parroquias senón tamén doutras da comunidade galega. Logo, o secretario do xuiz, acompañado de dous empregados do xulgado, leu a sentenza do Entroido, na que se condenaba ao Meco a ser queimado.