Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

NOVAS / INICIATIVAS

Día Internacional da Narración Oral 2020: Antonio Reigosa alenta á recollida da tradición oral coa súa Guía de campo da Galicia encantada

Antonio Reigosa alenta á recollida da tradición oral coa súa Guía de campo da Galicia encantada

O escritor escolma para culturagalega.gal cinco lugares fundamentais da tradición oral galega

Ao coincidir co Día Internacional da Narración Oral, celebrado hoxe, chega ao público a nova publicación do escritor e etnógrafo lugués Antonio Reigosa, a Guía de campo da Galicia encantada, publicada por Xerais. "Non é unha antoloxía no sentido das mellores historias", explica nunha entrevista Reigosa, "senón un mostrario que tenta ser representativo do país, cunha intención divulgativa e que sae nunha colección de prezo asequible". A intención de Reigosa con esta escolma dos milleiros de historias publicadas no web Galicia Encantada é "alentar aos máis novos e os non tan novos" a recoller pola súa conta historias. "Cada capítulo conta con exemplos de contos e unhas propostas para facer recollida. Os apartados "E agora tócache a ti, séguelles o rastro" está pensado por se queres ir máis alá, ver o noso contorno e rastrexar se hai seres das características que explico nos capítulos". Trátase de axudar a ter materiais, a como preguntar, e que procurar nas nosas localidades, e que "sirva de modelo para dar a entender que este patrimonio está vivo". Reigosa reivindica a necesidade de que moito do patrimonio recollido nos colexios e escolas do país nas últimas décadas carece dun centro de referencia no que poder ser arquivado.

Antonio Reigosa selecciona para culturagalega.gal cinco lugares da Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres e dos lugares que habitan

Para visitar, cando sexa posible:

1. Pena Molexa (Vilasuso, Santa María do Val, Narón, A Coruña)
Fermosa formación pétrea e síntese case ideal do imaxinario popular con referencias a tesouro, encanto, moura e descrición de rituais de desencantamento.

2. Igrexa de San Xoán dos Vaos (Ribeira de Piquín, Lugo)
Un monumento enigmático e singular aos devanceiros mortos e á Morte como deusa que nos agarda. Cinco caveiras incrustadas na parede do adro falan, ou preténdeno, con nós.

3.- As ruínas malditas da fábrica de puntas da Capela (Santa María da Capela, Toques, A Coruña)
Sobre as ruínas dun antigo mosteiro, reutilizadas no s. XIX como fábrica de puntas, elaborouse unha lenda que mestura o sobrenatural coa xenofobia e o odio relixioso. Un tema, por desgraza, sempre actual.

4. Illa e capela de Samertolomeu (Meira, Moaña, Pontevedra)
Fantástica historia que, coa desculpa de xustificar a presenza dun demo na imaxe de San Bartolo, narra unha viaxe transoceánica marabillosa.

5.Pepa a Loba en Valdaporca (Nogueira de Ramuín, Ourense)
O mito da bandoleira xenerosa, que ten en Galicia como heroína mítica a Pepa a Loba, enténdese mellor se coñecemos as múltiples aventuras que se lle atribúen. Ler o texto de X. Fernández Ferreiro e visitar este espazo natural co lugar de Val da Porca xa deshabitado pode resultar unha experiencia emocionante.

+ info

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: