Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

NOVAS / INICIATIVAS

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017

27 de maio de 2017, 18:00 h.
Co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo
 

A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 27 de maio no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, na Avenida Alcalde Anxo López Pérez, 34 (como chegar).

O obxectivo principal da Gala é a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.

O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás. 
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: