Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

NOVAS / INICIATIVAS

Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral

24 de outubro de 2015
Biblioteca Pública de Lugo
R/ Ramón Ferreiro s/n
Co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo
Aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para socios/as da AS-PG e da AELG. Desde o 29/09/2015 até o 22/10/2015
O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que queiran o certificado homologado pola Consellaría de Educación, terán que facer a matrícula a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, aquí. E aquí, máis información sobre a Xornada.
As persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (horario de 9 a 14.30).
Hai temas que aínda padecen o estigma do tabú como este do que imos falar na VIII edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral a celebrar en Lugo o próximo 24 de outubro.
A literatura do sexo, tan presente nas súas diferentes formas e manifestacións na comunicación oral, forma parte dos asuntos censurados secularmente, social e academicamente. Que dicir, xa que logo, do obsceno e do escatolóxico! 
A transmisión, de predominancia oral, de chistes, ditos ou recitados onde o sexo, as partes pudendas ou os excrementos son protagonistas quedou restrinxida a ámbitos de confianza (adolescentes, amizades,…), e poucas veces chega aos gabinetes de investigación, e moito menos aínda a ter difusión impresa, a pesar de que tivo unha grande influencia na literatura de creación chamada libertina ou alegre que cultivaron numerosos escritores na antigüidade e, máis recentemente, desde o século XVI en adiante.
O vocábulo obsceno, que normalmente interpretamos como sinónimo de impúdico, indecente ou inmoral, ten etimoloxía dubidosa e significados diferentes segundo a adscrición cultural ou relixiosa da persoa. En todo caso, obsceno é aquilo que se esconde, que se considera que non se debe ver ou dicir en público porque pode ser ofensivo ou ter categoría de vicio. O obsceno é fillo da represión cultural e relixiosa exercida polos poderes sobre os desexos sexuais das persoas e conta cun amplo e moi variado repertorio de manifestacións. É por iso polo que estes relatos adoitan ter por obxecto de burla cregos, frades, monxas e, en xeral, todos aqueles personaxes que exercen ou representan poder represivo sobre o pobo. 
Por tanto, contar de sexo e de escatoloxía puido ser unha maneira de rebeldía contra censuras, tanto dos máis cativos contra os adultos como dos sometidos contra os opresores. Un recurso social contra a alienación que, ademais, ten o engado do prohibido.
Nesta xornada contamos co saber de especialistas na materia que van tratar e debater sobre estes temas desde diferentes puntos de vista así como analizar a súa presenza e supervivencia nos diferentes xéneros da literatura de tradición oral. A música, a poesía e o conto de tema erótico ou escatolóxico forman parte da nosa bagaxe cultural e, só por iso, debemos afrontar o seu estudo con criterios científicos e, podendo ser, espidos de toda clase de prexuízos.

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración

10.30-11.30 Conferencia: Sexo e obscenidade na canción popular galega
Rubén Aramburu
Mini e Mero ilustrarán musicalmente o relatorio
11.30-12.30 Conferencia: Na cona da vella non manda ninguén
Olga Novo
12.30-14.00 Mesa redonda: E dálle que dálle! O erotismo como sátira fronte á represión social
Rubén Aramburo  e Olga Novo. Coordina: Antonio Reigosa
 
16.00-17.00 Conferencia: A poética do noxo: excrementos e outras repugnancias na literatura oral galega
J. Luis Garrosa
17.00-18.00 Conferencia: Os contos eróticos galegos
Xosé Miranda e Xoán Cuba
18.00-19.30 Mesa redonda: Cuarta máis, cuarta menos!  Escatoloxía, prexuízos e tabús
J. Luis Garrosa, Xosé Miranda e Xoán Cuba. Coordina: Isidro Novo
 
19.30-20.30 Ti contabas as estrelas, eu as areas do chan
Luís “O Caruncho”
Percorrido polo repertorio popular baseado en experiencias propias, cantigas, contos e romances


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: