Patrimonio inmaterial de San Martiño de Salcedo
“Patrimonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas” é froito dos anos de recollida nesta parroquia pontevedresa. Ducias de xenerosos informantes, horas e horas de conversas enriquecedoras, anos de recollida plasmados en 570 páxinas de lendas, historias, crenzas, tradicións, remedios, contos, xeografías míticas e outros tesouros orais da parroquia de San Martiño de Salcedo. Unha pequena mostra do noso patrimonio inmaterial, auténtica cultura dun pobo. Portada do amigo João Bieites, ilustracións de Francisco Sutil Barbosa e Miryam Quintía e se faltaba algo o ramo púxollo o querido antropólogo Buenaventura Aparicio Casado co seu estupendo prólogo.
DATOS TÉCNICOS:
Autor: Rafael Quintía Pereira
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: Branco e negro
Tamaño:20.5×15
570 páxinas
Ano: 2014
I.S.B.N.: 978-84-16121-16-8
San Martiño de Salcedo, a terra dos salgueiros, é unha parroquia con forte personalidade propia que afunde as súas orixes no pasado máis remoto. Os seus penedos agochan en silencio a milenaria linguaxe que gravaron os nosos devanceiros. Os seus cumios gardan a semente da nosa cultura. San Martiño de Salcedo é un universo mítico sobre o que se teceron historias, conto, lendas e crenzas construídas polas xeracións que habitaron estas fértiles terras penduradas sobre a vila de Pontevedra. O antropólogo Rafael Quintía recolle neste extenso traballo etnográfico unha boa mostra da riqueza cultural do patrimonio inmaterial desta parroquia pontevedresa que antano foi concello.