Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

NOVAS / INICIATIVAS

Okupa Mondoñedo

Este artigo publícase tamén na edición impresa de El Progreso – A Mariña o martes, 30 de abril de 2013

Mondoñedo ten febre e xa tose; semella que se deixa ir. Pésalle o pasado como os anos a un vello patrucio que, impedido por mor da artrose ou da demencia senil, xa non lle queda ansia nin ilusión por vivir. Agora por Mondoñedo rolda a fame como noutrora, ao parecer, asexaban as ánimas; de aí, seguramente, aquela inflación de cregaxe que xa denunciaba no seu tempo o ilustre médico e escritor republicano Leiras Pulpeiro. Porén, un lugar ou comarca, unha vila ou cidade non poden nin deben deixarse ir. A sangría migratoria baleirou a comarca mindoniense de xente moza. A industria cerrou, as aldeas van pechando e o comercio ... a velas vir. Pensións e subvencións non dan máis de si. Cando eu era un picariño, miña nai levábanos algún que outro domingo á vila. Baixabamos desde Zoñán, ela coa cesta con ovos, manteiga, queixos, algún becho para vender... E tamén regresaba cargada, desta volta con aceite, azucre e outros produtos necesarios para o goberno da casa. Daquela tocaba sobrevivir, aquel sistema económico prolongouse demasiado no tempo e para Mondoñedo a autarquía, como o ditador que a comandaba, morreu na cama e sen recambio. Convertémonos, coma tantos outros, en carne de canón. Para combater este cancro estrutural, esas inercias suicidas, que son consecuencia do abandono que padecemos por parte da “alta política” deseñada en Compostela, Madrid ou Bruxelas, temos que tentar poñer en valor as fortalezas polas que Mondoñedo ten un nome ben sonoro no mundo. Temos un patrimonio histórico e cultural singular, único; e personaxes de renome universal. Hai materia prima e imaxinación, os ingredientes base imprescindibles para botar a andar.. Ademais, hoxe Mondoñedo conta cunha infraestrutura cultural suficiente (Auditorio, Casa da Xuventude, Alcántara, Centro de Interpretación do Camiño Norte ...) para poder desenvolver moitas actividades deste tipo. A cidade mesma pode ser, xa o é de cando en cando, unha escenario ideal para a representación de calquera arte, exposición ou comercio de calquera produto cultural. Só a obra e a figura de Cunqueiro abondarían para atraer a Mondoñedo aos milleiros de persoas que o len, estudan e admiran. Provoquemos con decisión a okupación dos excesivos baleiros que hai en Mondoñedo, desde as casas ata as tendas. Inventemos algo que nos faga atractivos; unha alternativa ao letargo crónico. Copiemos o mellor dos mellores modelos; entre Urueña e Stratford-upon-Avon hai un camiño que só podería fracasar se lle temos medo ao futuro. Os nacidos ou vencellados a Mondoñedo que andamos polo mundo temos que ser os embaixadores naturais dos proxectos que se poñan en marcha. Este primeiro de maio temos que ir da man, okupar a Alameda, cantos máis mellor, para borrar da realidade e do futuro mindoniense todas as palabras que negan a esperanza. Nin desalento, nin rendición. Que Mondoñedo ten febre é certo, e fame e tose tamén. Poñámonos pois á obra, que urxe medicar. ©Antonio Reigosa


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: