NOVAS / INICIATIVAS
V XORNADAS DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL: Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular
V XORNADAS DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL
Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular
Lugo, 19-20 outubro 2012
Salón de actos da Deputación de Lugo
Entrada de balde
PROGRAMA
19 de outubro, venres
• 17.00 h. ACTO DE INAUGURACIÓN
• 17:15 h. CONFERENCIA: Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos, Rafael Quintía
• 18:30 h. CONFERENCIA: Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementaridades, Alexandre Parafita
• De 20:00 a 21:00 h. MESA REDONDA:
Imaxinarios compartidos, historias separadas, Rafael Quintía e Alexandre Parafita
Modera: Antonio Reigosa
20 de outubro, sábado
• 10:00 h. CONFERENCIA: Mouras e mulleres: as imaxes femininas na mitoloxía popular galega, Mar Llinares
• 11:30 h. CONFERENCIA: Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano, Jesús Suárez López
• De 13:00 a 14:00 h. MESA REDONDA: Mito e realidade: sexo e poder na cultura popular, Mar Llinares e Jesús Suárez López
Modera: Isidro Novo
• 16:30 a 18:30 SEMINARIO DE CONCLUSIÓNS: Unha sesión práctica na que –mediante o diálogo, a intervención e participación de Relatores/as, asistentes e organizadores– se poñen en común os coñecementos adquiridos sobre o tema. Atenderanse aspectos como a didáctica e a investigación, así como a narración de lendas relacionadas con mouros e mouras.
Moderan: Isidro Novo e Antonio Reigosa
• MATRÍCULA
www.as-pg.com ou www.aelg.org
• HOMOLOGACIÓN
Solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 10 horas
• PREZOS
Matrícula gratuíta, preferente para socias/os da AS-PG e AELG
_____Imaxe cartaz: "A moura”, ilustración de Lázaro Enriquez para o Dicionario dos seres míticos galegos, Edicións Xerais de Galicia.
___________________________
Moitas e moitos, sobre todo aqueles que temos algún tipo de vencello coa Galicia rural, nos viñemos preguntando desde ben pequenos quen eran esas mouras e esas mouros dos que tanto nos falaban os vellos. A moura, dicíannos, fía, asolla o ouro que posúe, lava, tende, pode ser vella e xigante, aínda que case sempre é nova e boa moza. Está encantada e encanta, pois ofrece amor e riqueza a aquel que ouse desencantala.
Os mouros son os construtores, ou iso se di, de case todo o que nos deixou o pasado: castros, mámoas, petróglifos, castelos, túneles …, viven so a terra que nós pisamos, teñen moito ouro e poden agasallar con el ao afortunado que se cruce no seu camiño.
En Galicia existen infinidade de topónimos relacionados con penedos, fontes, pozos, pontes, outeiros e, en xeral, case todos aqueles lugares con pegadas dos nosos devanceiros … que “deberon” pertencer a algún mouro ou a algunha moura.
Mais, quen veñen sendo esas mouras e eses mouros? Serán as pegadas que se agochan na memoria colectiva de antiquísimas deidades? Serán os espíritos dos nosos devanceiros mortos? Serán un paradigma de nós mesmos, un retrato do ideal que anceiamos e non dámos acadado? E por lle chamamos mouras e mouros se quen os viu os describe coa figura dun humano, aínda que máis feita, de pel branca e beleza delicada?
Os mouros e as mouras non son coma nós, son seres míticos, máxicos e enigmáticos, pertencentes a unha realidade, ou dimenasión, diferente á nosa, dos que sempre falamos cunha mestura de medo e respecto, a medio camiño entre a incredulidade e a esperanza na súa verdadeira existencia.
Os múltiples traballos de recompilación realizados ata o de agora por diferentes investigadores en épocas distantes achégannos retratos bastante precisos sobre onde moran, que fan ou que comen, como visten, cómo van e veñen, gustos, afeccións, habilidades, que artes e maxias dominan … e tamén os males que os afectan, as penas que os deprimen … Reflíctese neles todo o humano, pero non son humanos, así que nos seguimos preguntando, quen veñen sendo esas mouras e eses mouros?
Sempre que un mouro ou unha moura tratan algo con un humano, aparecen dúas condicións que para eles son innegociables: hai que gardar o segredo e hai que cumprir o acordado. Mais o humano, ou sexa nós, cada un de nós, endexamais somos quen de cumprir ese mandado.
Será por iso, polo que non acabamos de entender en realidade quen son eses mouros e esas mouras?
Só os poñentes que interveñen nestas V Xornadas de Literatura Oral, que son todos eles especialistas moi recoñecidos tanto en Galicia, como en Portugal e Asturias, son quen de darnos as respostas precisas. Só eles son quen de desvelarnos o misterio que envolve a figura destes máxicos enigmáticos que chamamos mouros e mouras.