Allariz_ Xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta
A Fundación Vicente Risco de Allariz organiza o vindeiro fin de semana as “Xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta”, coñecido como o “Home Lobo”, o caso de licantropía máis famoso dos documentados na historia de Galicia, e que foi obxecto de estudos científicos, publicacións de libros, e mesmo foi inmortalizado no cine coa película “El bosque animado” (1975).
|
Con este motivo, e coa finalidade de abordar dunha maneira multidisciplinar a figura de Romasanta e o que deu e si este suceso acontecido entre 1852 e 1854 –abranguendo crímenes e proceso xudicial-, os días 29, 30 e 31 de outubro a Fundación Vicente Risco presenta en Allariz exposicións, mesas redondas, proxeccións de cine e a recreación do xuízo a Romasanta.
Hoxe tivo lugar a presentación deste evento no Centro Cultural da Deputación de Ourense, na que estiveron presentes Luis Martínez-Risco, presidente da Fundación Vicente Risco; Antonio Blanco, coordinador das xornadas; José Luis Quintana, director da recreación do xuízo; e o alcalde de Allariz, Francisco García.
Martínez-Risco destacou que a importancia do caso Romasanta “foi máis aló do mero suceso, pois Vicente Risco, en 1929, no acto de ingreso na Academia Galega, pronunciou o discurso “Un caso de lycantropía – O home lobo”, no que abordaba o caso de Manuel Blanco Romasanta, veciño de Esgos e xulgado en Allariz “por matar e comer xente convertido en lobo”. Precisamente, esta preocupación de Risco pola figura de Romasanta é o que move á Fundación Vicente Risco a celebrar estas xornadas, nas que se pretende analizar as distintas perspectivas dende as que se ten estudado o caso de licantropía más famoso da cultura galega”, explica Luis Martínez-Risco.
Os organizadoras gaban a aceptación que tivo este proxecto en Allariz dende o seu comezo, en maio pasado, pois son máis de 50 as persoas que desinteresadamente apuntáronse a colaborar nas xornadas e mesmo na recreación do xuízo.
O programa de actos comezará o vindeiro sábado ás 19.00 horas cun cantar de prego de cordel, a cargo de Pancho Álvarez, na praza de Abaixo, de Allariz. De seguido, ás 19.15 horas, terá lugar a inauguración dunha exposición sobre Romasanta, que se complementa cunha mostra de libros e publicacións sobre este personaxe. Os visitantes poderán ver tamén o sumario do caso -2.000 folios-, que se garda no Arquivo Histórico de Galicia.
Posteriormente, ás 20.00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre “Aproximación ao fenómeno Romasanta”, que contará coa participación de: Luis García Mañá, quen abordará o tema “O personaxe Romasanta”; o xornalista Xosé Domínguez, autor do libro “O home do unto”, quen falará sobre “O contexto histórico”; Antonio Roma, quen fará un percorrido polo “enclave xurídico”; Félix Castro, quen falará sobre “A expectativa popular”, e Roberto Bustillo, quen analizará a figura de Romasanta dende “O debate científico”.
O domingo, no segundo día das xornadas, terá lugar ás 21.00 horas, na Casa da Cultura de Allariz, a proxección da película “El bosque del lobo”, que contará coa presenza do seu director Pedro Olea, e finalmente o luns ás 21.00 horas, na Casa da Cultura, desenvolverase a recreación do xuízo a Romasanta, na que participan uns 30 veciños de Allariz.
Francisco García, alcalde de Allariz, dixo que o feito de poñer en valor este evento “é tamén un xeito de seguir dinamizando a cultura, a etnografía e patrimonio histórico de Allariz”, e dixo que dende o concello “faremos todo o posible para que esta actividade teña a continuidade que se merece para seguir promocionando a nosa riqueza material e inmaterial”.
[Informacion de mundoourense.com]
Enviar comentario a este artigo: