Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

FLOR DE MESTRES

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A memoria aletargada

O intelectual malinense Amadou Hampâté Bâ (1901-1991) foi quen pronunciou a frase que se lembra con máis ou menos fidelidade (sen saber de onde nin de quen vén) e que di literalmente: «En África, cando un vello tradicionalista morre é como se unha biblioteca inexplorada ardese». A atinada sentenza pronunciouna en 1960 na Conferencia Xeral da UNESCO, reunión á que asistía Hampâté Bâ en representación dun país que estreaba entón a independencia da metrópole.

Amadou pertencía á etnia peule e, por consideración aos desexos da súa nai, negouse a asistir á escola colonial. Xa de mozo tomou conciencia da necesidade de compilar e conservar os chamados contos iniciáticos do seu pobo, relatos que equivalen a enciclopedias que en clave simbólica contan a historia dos peule e, por extensión, de todas as culturas orais indíxenas da África occidental. O inmenso traballo realizado por Amadou Hampâté Bâ nos seus noventa anos de vida librou da pira do sacrificio moitas memorias, moitas bibliotecas da chamada civilización da oralidade.

A obra de Amadou Hampâté Bâ salvagardou da desmemoria unha cultura predominantemente oral, subordinada e marxinal, e evitou que se transmutase en cinsa irreversible na cacharela do esquecemento. El representou, como outros moitos, un modelo a imitar que inspirou en 2007 a creación no seo da AELG da sección de Literatura de Tradición Oral.

Os obxectivos principais eran e seguen sendo habilitar espazos físicos e virtuais para acoller a nosa cultura oral, ademais de contribuír a manter vivo o facho dunha lingua en grave risco de extinción.

Unha das primeiras actividades que se puxo en marcha foi o proxecto Polafías, neoloxismo que define as reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios, históricos ou musicais co obxectivo de representar e poñer en valor, no seu propio medio e a través dos xenuínos axentes transmisores, un patrimonio volátil. En definitiva; representar, salvagardar e divulgar o sempre fráxil patrimonio oral.

Polas 35 Polafías que organizamos e gravamos por toda a xeografía galega desde novembro de 2007 (a primeira tivo lugar en Serra de Outes) pasaron ducias e ducias de persoas sabias, moitas xa lamentablemente desaparecidas, que deixaron en herdanza para o ben común 860 arquivos de vídeo, accesibles gratuitamente na web da AELG.

Desde a sección puxéronse en marcha outras moitas actividades como os Xornadas de Literatura de Tradición Oral, con doce edicións xa vencidas (poden consultar as actas na web), xunto con obradoiros, revistas orais e outras iniciativas, entre as que resalta polo significado social a creación duns premios anuais denominados Mestra e Mestre da Memoria. Seguíamos as directrices da UNESCO cando recomenda aos estados membros crear sistemas nacionais de Tesouros Humanos Vivos.

Desde a primeira edición destes galardóns, que tivo lugar en 2013, foron recoñecidas, ano tras ano, como Mestras e Mestres da Memoria 17 persoas; 9 mulleres 8 homes. Todas e todos reúnen en sumo grao os coñecementos ou dominan as técnicas necesarias para interpretar ou recrear determinados elementos singulares do noso Patrimonio Cultural. Todas e todos dispoñen dun andel virtual na web da AELG onde se poden ver entrevistas, datos biográficos e manifestacións do seu saber. Na edición deste 2019 editouse unha publicación coas súas memorias.

Algúns destes Mestres e Mestras xa non están entre nós. O tempo borroulles o alento pero non as pegadas. Grazas a estes proxectos patrocinados por varias institucións sensibles e coa axuda imprescindible de colectivos e individuos implicados na conservación da memoria cultural gardamos a súa preciosa semente.

Sirva este artigo, que goza da honra de ver a luz no primeiro número dun proxecto xornalístico que auguramos de longa vida, para lembrar a todas estas persoas, ás que lles debemos lingua e fala, memoria e historia, pasado e ilusión nun porvir, a pesar de todo, esperanzado. Elas e elas son os nosos Amadou Hampâté Bâ, como o foi Isidro Novo, ausencia inesquecible.

A sección de literatura de tradición oral da AELG creouse e mantense viva para espelir a memoria aletargada que aniña en todas e todos nós.

© Antonio Reigosa, vogal responsable da sección de Literatura Oral da AELG

*Artigo publicado en Nós Diario, nº 1, 2 de xaneiro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: