Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

FLOR DE MESTRES

Angel Rivas Veiga

Ángel Rivas Veiga naceu no medio doutros cinco irmáns o 1 de novembro de 1924 no lugar de Eirexúa, parroquia de Xudán, concello da Pontenova (Lugo). Aquí naceu e aquí residiu ata que casou, hai agora uns doce anos, e se trasladou a Orxás, en Pousada, concello d'Pastoriza, que é onde vive, gozando dunha envexable saúde, na compaña da súa muller, pasando o tempo entre o coidado dun horto primoroso e as excursións programadas para os da súa idade.
A Ángel coñecémolo en 1996, cando os do Equipo Chaira andabamos cos traballos de campo para o Inventario de contos e lendas e outras manifestacións da literatura de tradición oral do concello de Pontenova. Recibiunos na súa casa de Eirexúa unha tarde de outono, convidounos a sentar arredor da cociña de ferro, e aos poucos xa estaba engaiolándonos coa súa sabedoría. Paseniño comezou a narrar uns fermosísimos contos que aprendera cando mozo, escoitados duns e doutros, sobre todo do seu pai, nas polavilas que se facían entón nas casas da aldea para mellor pasar as noites de inverno. Aqueles contos que os estudosos da materia chaman marabillosos ou ordinarios coma O Castelo de Irás e Non Volverás, O fardelo e a manta, O ferreiro e o demo, A gaita máxica...e outros moitos que despois publicamos no libro Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances (Lugo, 1998). Logo, estudando de vagar aquel tesouro literario, descubrimos que as versións dalgúns son únicas e as doutros constitúen unha aportación notable entre as que se recompilaron en Galicia e en toda a Península. Aquel día, e outros de despois que nos reunimos con el, tivemos a sorte de coñecer un mestre humilde, de gozar do saber dun exemplo vivo de narrador oral que aprendera o oficio, sen querer, escoitando aos vellos contadores da súa aldea.
A vida, a longa e saudosa vida de Ángel Rivas, deulle para ir vinte veráns seguidos segar a Castela, sempre á mesma casa, primeiro como mozo e logo como maioral. Traballou en mil e unha obras, na construcción de estradas e no campo, e ata quixo ser frautista e gaiteiro, pero non acabaron de entenderse  instrumento e instrumentista.
Como narrador oral, Ángel Rivas, é un mestre de voz rexa e pausada, dominador dos rexistros e das reiteracións inherentes á comunicación oral. Escoitalo é ter o privilexio de recuar aos tempos nos que a literatura só circulaba escrita coa boca e lida cos oídos.
Ángel, aínda que só momentaneamente, chegou a vivir do conto. Nunha das xeiras laborais traballou ao servizo dun panadeiro e houbo ocasións en que o patrón lle encargou ir contar contos ao seu fillo pequeno, doente no leito. Mágoa que non lle durase aquela ocupación; os calores de a carón do forno non lle sentaban e tivo que mudar de oficio. O que máis perdeu no cambio foi o fillo do panadeiro.
 A UNESCO na Convención para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial (outubro de 2003) acordou instar aos estados membros á creación de sistemas nacionais para a identificación e o recoñecemento dos chamados Tesouros Humanos Vivos, individuos que posúen en sumo grao os coñecementos e técnicas necesarias para interpretar ou recrear determinados elementos do patrimonio cultural inmaterial e así garantir que os seus saberes se perpetúen, transmitan e divulguen entre as novas xeracións.
Ángel Rivas Veiga é un Tesouro Humano Vivo; só falta que as institucións competentes fagan o posible por recoñecerllo.
Ángel Rivas Veiga é o único narrador oral galego escollido para o proxecto “La memoria de los cuentos”, patrocinado pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales no que participan só 8 narradores orais de todo o Estado. Consta dun documental conducido polo escritor Antonio Rodríguez Almodóvar e máis dunha publicación cos contos e datos biográficos dos narradores.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: