Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Historias encantadas

En Aranga, confunden unha aviadora francesa con un escoler

Do xornal “El Compostelano” de 28 de agosto de 1927 (» documento orixinal) entresacamos esta información tan curiosa referida ao avistamento dun suposto escoler (tempestario, tronante, nubeiro …) entre Betanzos e Aranga alá pola segunda metade do século XIX.
Nunha columna asinada por Manuel J. Lema titulada “Crónica de aviación. El Escoler”, logo de referencias a diferentes pioneiros da aviación, cóntase un sucedido que tería acontecido un verán da segunda metade do século XIX entre Betanzos e Aranga.
A protagonista foi a aeronauta francesa Madame Bertrhand que se ergueu co seu globo Montgolfier sobre o ceo de Betanzos.
Os betanceiros “cultos” (enténdase urbanos) aplaudírona moito, amenizouse o acto coa música municipal e ela, ao tempo que se elevaba co seu globo, respondía con saúdos cariñosos desde o aire.
Nas aldeas, en cambio, como consecuencia dun verán caloroso, moi seco, apenas había para comer. A terra ardía e a xente padecía as consecuencias dunha seca que provocaba fame e miseria.
Así as cousas, cando Madame Bertrhand descende co seu globo sobre os campos de Aranga, a xente reúnese e, crendo que, en realidade, quen baixaba do ceo era un escoler (o espírito causante das treboadas), reúnense, tocan as campás “a somatén”, e todos, mozos e vellos, armados con paos e ferramentas, agardan a aterraxe da “gentil” Madame Bertrhand.
A inxenua aviadora francesa, crendo que se trata dun recibimento entusiasta, sorrí e reparte bicos desde o aire. Sen embargo, os paisanos berran:
Aí vén o Escoler, o acabador do centeo, o acabador das patacas!
E en canto pousa o globo no chan, a xente esfarrápao e deixa moribunda a forza de golpes á intrépida aeronauta.
Segundo nos conta o autor do artigo, o vecindario “reo de superstición y de salvajismo, cayó bajo el peso de la Ley, dando con sus cuerpos en lóbrega prisión”.

© Galicia Encantada
_____________________________


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: