Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

MEDIATECA

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Pozo do Ollo

Do Pozo do Ollo, concello de Begonte (Lugo), dise que serviu de foxo dos soldados franceses derrotados, que para buscarlle o fondo usaron sete adibais e un pote de ferro cheo de coios e non llo atoparon, que a auga sobe e baixa coas marés, que caeron animais dentro e nunca máis se soubo, que hai cónchegas de peixes e que alí viven mergulladas tres irmás encantadas. Unha vez pasou polo Pozo do Ollo un home moi pobre e viu na tona da auga unha moza montada nun cabalo branco. Se fas o que eu che diga, disque lle dixo a moza, serás rico. E deulle tres bolos de pan coa advertencia de que nons llos vise ninguén e de que volvese por alí cos bolos un tempo despois. O home chegou á casa e gardou os bolos na artesa; mais a muller, que estaba á espreita, colleu un e cortoulle a correcha; o bolo sangrou pola ferida e ela, asustada, devolveu o anaco de pan ao seu sitio. Cando chegou o día da cita coa moza do Pozo do Ollo, o home levou os bolos e botounos na auga. E a seguir viu como emerxeron tres cabalos con cadansúa moza dacabalo; dúas das cabalerías enteiras, sans e briosas pero á terceira, o cabalo branco, faltáballe unha perna. -Agora daríache moito ouro, pero como o bolo vén encetado e así nós non nos podemos desencantar, toma esta cinta para a túa muller. E mentres que as tres mozas coas súas monturas se sumían de novo na auga, o home quixo ver o galano e envolveuno nun carballo. E ao instante, tal bomba, a cinta estoupou, prendeu lume e arrincou a árbore do chan.
Ver mapa más grande APUNTES Este tipo de lenda son moi comúns e repítense en toda Galicia arredor de moitas fontes, pozos e lagoas: tres donas, mozas ou mouras privadas de liberdade por mor dun encanto ou feitizo requiren a un mozo humano para que execute o ritual de desencantamento. O mozo non cumpre coa súa parte, ou acovárdase, e a operación fracasa. Referencia: O Licenciado Molina xa fai mención do Pozo do Ollo en Descripción del Reino de Galicia (Mondoñedo, 1550). 8 versións diferentes desta lenda foron recollidas polo Equipo Chaira(O. Carnero, M. Salvador, X. Cuba e A. Reigosa) entre 1992 e 1995, todas no concello de Begonte (Lugo).


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: