MEDIATECA
O Pozo Bastón
Do Pozo Bastón, no río Te, en Araño, concello de Rianxo (A Coruña) cóntase a seguinte lenda.
Un mouro achegouse a un mozo de Araño que estaba facendo o servizo militar en África e preguntoulle de onde era. E como lle dixo que de Araño, o mouro preguntoulle se sabía onde quedaba o Pozo Bastón; o mozo díxolle que si, que o sabía, e entón o mouro faloulle así:
—No Pozo Bastón están encantadas tres das miñas fillas. Se me fixeses o favor de ir alí e facer o que eu che diga para desencantalas daríache o que me pedises.
Como o rapaz estivo de acordo en facerlle aquel favor, o mouro explicoulle ben o que tiña que facer cando se achegase ao pozo e deulle tres bolos de pan. Mais, insistiu o mouro, non perdas os bolos, non lle contes nada disto a ninguén, e, sobre todo, tes que chegar con eles alí sen que llles falte farangullo ningún.
Cando o mozo regresou a Araño antes de ir ao Pozo Bastón pasou pola casa e pousou os bolos enriba da mesa da cociña. Mais a muller, curiosa, quixo ver o que había naquel envolto, destapou e levou á boca un anaco dun deles.
O mozo moito lle rifou pero xa non había remedio. Colleu cara o Pozo Bastón e ao chegar, tal e como lle dixera o mouro, botou á auga un dos bolos. De contado víu saír da auga unha moza dunha fermosura nunca antes vista por el. Logo tirou o segundo dos bolos e saíu do pozo outra rapaza tan bonita como a primeira.
Faltaba o terceiro dos bolos, o encetado pola muller. Tirouno e víu como pelexaba por saír da auga unha terceira moza, tamén moi fermosa, pero coxa. Moito turrou a moza mais como ela non era quen de saír do pozo por sí soa agarrouse ás súas irmás e... volveron as tres para a auga.
E alí estarán aínda, entre os cachóns de auga batida daquela fermosa fervenza que se chama Pozo Bastón.
BIBLIOGRAFÍA