Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

OUTRAS FANTASÍAS

A historia do náufrago [Antigo Exipto]

Un príncipe exipcio regresa dunha expedición na que houbo unha gran perda; a nave na que partira naufragou durante a travesía e o príncipe teme o castigo do soberano pois, con seguridade, hao culpar do desatre. Un dos seus servidores, para darlle ánimos, cóntalle a seguinte historia.
««Escoita. Agora vouche contar unha aventura que me ocorreu a min mesmo cando fun ás minas do soberano e descendín ata o mar nun navío de cento cincuenta codos de eslora por corenta codos de manga. Ían comigo cento cincuenta mariñeiros que xa viran o ceo e a terra, e eran máis valentes cós leóns.
Nunca pensamos que pasase o que pasou. Ninguén agardaba vento ningún, pero, de repente, cando estábamos en alta mar, desatouse un furacán e cando nos achegábamos á terra un brisa fresca ergueu do mar unha onda de oito codos. A nave afundiu e dos que ían a bordo só quedei eu con vida. Arrinquei unha táboa do barco, agarreime ben a ela e unha onda conduciume ata unha illa.
Pasei tres días só. Recollido no oco dunha árbore, abrazado á escuridade, sen outra compañía que a do meu corazón. No amencer do cuarto día fun na busca de algo para comer, e atopei figos e uvas, magníficas peras, baias e grans, melóns cantos quixer, peixes, paxaros; non había nada que non se puidese atopar naquel lugar. Farteime e tirei polo chan o que me sobrou. Despois busquei a maneira de prender un lume e ofrecinlles un holocausto aodeuses.
Pero, de repente, escoitei coma un trono e pensei: é unha onda do mar. As árbores renxeron, a terra tremeu, destapei o rostro e vin o que se achegaba; unha enorme serpe de trinta codos de longo cunha cauda de dous codos. O seu corpo tiña inscrustacións de ouro e as súas cellas eran de auténtico lapislázuli. Vista de lado era aínda máis perfecta aquela cobra. Abriu a boca fronte a min, eu enfronte dela, deitado sobre o meu ventre, e díxome.
—¿Quen te trouxo, vasalo? ¿Quen te trouxo? ¿Quen te trouxo? ¡Se non me dis inmediatamente quen te trouxo ata esta illa, ensinareiche como, reducido a cinsa, te convertes en invisible!
Eu, tomado polo medo, tratei de responderlle algo para acalmala:
—Fálasme e non te escoito; estou diante de ti pero perdín o coñecemento.
Entón a serpe tomoume na súa boca, trasnportoume á súa morada e pousoume sen facerme ningún mal. Estaba san e salvo e, o que é mellor, con todos os meus membros no seu sitio. Logo, eu aínda estaba boca abaixo diante dela, abriu a boca e díxome:
—¿Quen te trouxo, quen te trouxo, vasalo, ata esta illa do mar coas dúas beiras batidas polas ondas?
—Descendía— respondinlle coas mans estendidas cara ela— ás minas nunha misión do soberano nun navío de cento cincuenta codos de eslora por corenta codos de manga, levaba cento cincuenta mariñeiros que xa viran o ceo e a terra, e eran máis valentes cós leóns. Ningún agardaba o vento, pero o vento chegou cando estábamos en alta mar, e antes de que chegásemos á terra a brisa refrescou e levantou unha onda de oito codos e o navío naufragou. Ninguén quedou con vida, agás eu que puiden arrincar unha táboa e unha onda tróxome ata esta illa.
—Non temas —díxome a serpe—; non temas, vasalo, non temas. Que o teu rostro non se entristeza. Se chegaches ata min é porque deus permitiu que arribases a esta illa das almas benaventuradas, onde non hai nada que non poida atoparse e onde abundan as cousas boas. Vivirás catro meses nesta illa, logo virá un navío do teu país con mariñeiros que che son coñecidos, e regresarás con eles e morrerás na túa cidade. Agora vouche contar como é a vida nesta illa. Estou aquí cos meus irmáns e os meus fillos; somos setenta e cinco serpes entre fillos e irmáns sen mencionar a unha moza que me trouxeron por arte de maxia. Unha vez que caeu unha estrela fugaz saíron os que estaban dentro do lume a apareceu a rapaza. Menos mal que eu non estaba entre os que andaban no lume, senón morrería queimada. A moza apareceu entre os cadáveres, soa. Ti, se es valente, abrazarás os teus fillos, bicarás á túa muller, volverás ao teu país e vivirás alí entre os teus irmáns.
Entón deiteime sobre o meu ventre, toquei o chan coa fronte diante dela e díxenlle:
—Contereille de ti ao soberano, falareille da túa grandeza e farei que che traigan afeites, perfume de aclamación, ungüentos, cañafístula, incenso dos templos co que se gaña o favor de todos os deuses. Contarei o que me pasou e o que vin grazas a ti, farei que te adoren na miña cidade. Degolarei para ti touros, entregareinos ao lume, estrangularei paxaros e farei que che traian navíos cargados con todas as riquezas de Exipto, como se fai cun deus amigo dos homes nun país afastado que os homes non coñecen.
A serpe riuse de min e díxome:
—¿Cres que non hai aquí abundante mirra e incenso? Eu son o rei do País de Punt e teño de todo; nesta illa só escasea ese perfume de aclamación que prometes enviarme. Pero ocorre que unha vez que marches deste lugar, endexamais volverás a esta illa porque desaparecerá.
Tal e como a serpe me dixera chegou o navío. Cando o vin subín a unha árbore alta e, efectivamente, recoñecín aos mariñeiros; eran os mesmos que se afundiran cando o noso barco naufragou. E corrín comunicarllo á serpe, pero ela xa o sabía e díxome:
—Boa sorte, vasalo, volve á túa casa, reúnete cos teus fillos e deséxoche que o teu nome teña boa fama na túa cidade.
Boteime boca abaixo coas mans estendidas cara ela, e ofreceme mirra, perfume de aclamación, ungüentos, cañafístula, pementa, afeites, pó de antimonio, semente de ciprés, algo de incenso, caudas de hipopótamo, dentes de elefante, de lebrato, de babuinos, de xirafas, e toda caste de fantásticas riquezas. Cargueino todo no barco e despois aínda, botándome boca abaixo, volvín a adorar a serpe. Ela díxome:
—En dous meses chegarás ao teu país, abrazarás aos teus fillos e logo irás renovarte á túa tumba.
Despois achegueime ao barco, e chamei aos soldados. Repetín o agradecemento ao señor da illa, os que estaban no navío fixeron o mesmo e zarpamos. Tomamos rumbo ao norde, á residencia do soberano, e chegamos ao palacio ao segundo mes, tal e como a serpe me anunciara.
Presenteime diante do soberano e ofrecinlle os regalos que traía da illa, e el adoroume en presencia dos homes de todo Exipto. Fixo de min un servidor e recompensoume con fermosas escravas.»»
Esta é a miña historia, príncipe. Escóitame, pois é bo para os homes escoitar.
O príncipe dixo:
—¡Non perdas o tempo, meu amigo! ¡Quen daría auga a unha oca a véspera do día que a van degolar!

__________
Conto extraido do libro de A. Reigosa "►Os dous irmáns e outros contos populares do antigo Exipto, Edicións Morgante, 2008.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: