Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A Maruxaina

Ilustración de X. Manuel Segade Rivas

En San Cibrao, concello de Cervo (Lugo), celébrase desde 1985 e cada segundo sábado de agosto a Festa da Maruxaina na que se representa a captura, o desembarco e o xuízo da serea Maruxaina.
Normalmente a serea sae airosa da proba polo que a devolven aos illotes onde vive o resto do ano ata a próxima celebración onde volverá a someterse ao veredicto dos humanos.
Uns din que A Maruxaina era unha serea da Mariña de Lugo, e que os mariñeiros atraídos polos seus cantos melodiosos ou polos seus berros sufrían constantes naufraxios naquelas costas, especialmente nos cantís dos Farallóns.
Os mariñeiros de San Cibrao decidiron organizarse para acabar coa serea. Unha noite sen lúa embarcaron decididos a buscala e para contrarrestar a voz engaiolante dela facían soar música de cornas. En terra apagaron as luces e naquela escuridade os mariñeiros conseguiron prender a Maruxaina e conducila á vila onde foi xulgada e condenada.
Outros opinan que A Maruxaina é unha serea, nereida ou Afogada que berra para avisar ós mariñeiros dun posible naufraxio. É metade peixe e metade muller. Vive na Cova de Xan Bello, nas illas do Farallón, baixo o illote da Sombriza. Estes considérana unha protectora dos mariñeiros, que pasa o tempo fiando e cando vai mal tempo sobe a un penedo e desde alí ponse a berrar ou tocar o corno para dar aviso de que non se debe saír ó mar. É unha representación do mito antitética.
En San Cibrao asústase ós nenos coa Maruxaina do mesmo xeito que noutros lugares se fai co Home do Saco, Coco ou co Papón. Díselles que se non se portan ben, vén a Maruxaina e lévaos ós Farallóns.
Maruxainas é tamén o nome duns paxaros semellantes ós paíños que veñen anunciar que non se pode saír ó mar porque vai haber temporal. Non temos descrición e non sabemos de que ave se trata, pero cómpre lembrar que esta descrición fai lembrar á das sereas primixenias que eran aves.

[Pra a elaboración deste documento tívose en conta a información aportada por Marcial Fernández Bellón, de San Cibrao, Cervo (Lugo)]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: