Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O bautizo prenatal

Arredor da Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira, concello de Ponteareas (Pontevedra), existe unha lenda que asegura que foi construída polos mouros (os personaxes tan típicos da mitoloxía galega) nunha soa noite, e outra que di que os mouros (os que loitaban contra os cristiáns) non a podían atravesar e que caían ao río cando chegaban ao medio.
Pero nesta ponte, ao igual que na de Cernadela, concello de Mondariz (Pontevedra), faise tamén un vello rito, o do «bautismo prenatal», que siguen as mulleres embarazadas que, por algunha razón, corren o risco de perder ao bebé que levan dentro. Non consiste máis que en facer o bautizo do neno non-nato durante o embarazo, un rito que se atopa moi extendido por toda Galicia con lixeiras variantes. Nalgúns sitios incluso esixen que a ponte teña un cruceiro no medio. En Moreira estivo tan estendido noutro tempo que incluso hai quen a chama «Ponte das Paridas» por mor deste vello rito. Consiste, máis ou menos, no seguinte, segundo me explicaron varios veciños de Moreira.
A muller embarazada, en compaña do seu home e de algúns amigos ou familiares, deberá acudir á ponte pouco antes da medianoite, levando todo tipo de viandas como se naquel punto se fose celebrar un bautizo normal: comida en abundancia, viño, pan... Ao chegar á ponte, a muller entrará nela ata a metade, ata onde se atopa o arco grande, portando un caldeiro pequeno e una corda que chegue ata o río, e ficará alí, no medio, esperando. Os seus acompañantes deberán permanecer en cada unha das entradas da ponte impedindo por tódolos medios que ninguén a cruce. A calquera persoa ou animal que intente atravesala, deberán impedirllo, xa que iso suporía un risco de que o neno non nacese ben e trouxese canda el algún tipo de tara ou enfermidade. Estes «gardas» da ponte deberán convencer á persoa que pretenda cruzar de que participe no rito ou espere ata que este se faga.
Cando alguén acepte participar no «bautizo prenatal», deberá subir canda á muller, ao medio da ponte. Unha vez alí, co caldeiro e coa corda, deberá recoller un pouco de auga do río. Con esta auga, deixándoa esbarar polo ventre da muller, o home deberá repitir as mesmas palabras que o cura diría nun bautizo eclesiástico habitual: «No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo». Pero ollo: ninguén deberá dicir a palabra «Amén», xa que iso queda unicamente reservado para o cura cando, xa na Igrexa, se faga o ritual cristián do bautizo. Din que desta maneira, pronunciando a palabra «Amén», tamén se corre o risco de que o neno non naza ben.
Unha vez feito este rito do bautizo, queda a celebración. Todos deberán xuntarse á beira do río e dar cumprida conta da comida que levaron da casa: o xamón, o queixo, a mel, o viño... Unha vez rematada a celebración, deberán voltar ao medio da ponte e, dende alí, tirar á auga todo o que sobre, para que tamén o río participe da celebración. Seica non pode voltar absolutamente nada para a casa, nin o mantel, nin os vasos, nin os garfos, nin restos da comida... ¡Nada! É o tributo que se lle paga ao río por permitir o bo nacemento do neno.
E di a tradición que é aconsellable poñerlle ao neno o nome do seu «padriño prenatal» cando se bautice polo rito tradicional da Igrexa. E aínda din algúns que se esa persoa acepta ser o «padriño eclesiástico» do neno, con toda probabilidade ese neno será agraciado pola fortuna.

[Texto remitido polo escritor Manrique FERNÁNDEZ, natural de Cospeito (Lugo) e residente en Ponteareas (Pontevedra)]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

A miña tía que é de Moreira contoume outra variante desta lenda, pero é normal que existan diferentes variacións xa que o contalas oralmente vanse cambiando algúns datos. Escríboche brevemente o que me dixo por se é do teu interés.
As mulleres que non quedaban en cinta tiñan que ir á ponte ás doce da noite cando a lua estivese chea. Colocábase no arco máis alto e un home botáballe a auga polo ventre. Este sería o futuro padriño, e os demáis colocábanse nos extremos para que nos pasase ningún animal

Enviado por Alba Barros Guerrero o 04/05/2009 ás 18:25:28


Enviar comentario a este artigo: