Micromitos 103: A nubeira francesa
A noticia aparece en El Compostelano o 28 de agosto de 1927 pero refírese a acontecementos de mediados do s. XIX. A inopinada protagonista é a aeronauta francesa Marie Bertrand Senges —viúva de Mr. Arban, piloto falecido pouco antes—.
Marie entretivérase en Betanzos facendo demostracións moi aplaudidas co seu globo aerostático Montgolfier. Mentres os vilegos se divertían con espectáculos tan novidosos, nas aldeas, consecuencia dun verán caloroso, apenas había para comer. A terra ardía e a xente padecía as consecuencias dunha seca que provocaba escaseza, fame e miseria.
Mme. Bertrand despídese de Betanzos e ao cruzar por enriba de Aranga ve xente reunida, sente o tanxer das campás e decide descender co seu globo. Entende que a queren saudar pero, en realidade, aquela xente, armada con ferramentas, agardaba a aterraxe para mallala a paus pois crían que se trataba dun escoler, nubeiro ou tronante, o ser mítico causante das temidas treboadas.
O globo acabou esfarrapado, a intrépida aeronauta magoada e a veciñanza, «víctima de la superstición y del salvajismo», deu cos óso na cadea.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 23 de xaneiro de 2021.