Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 054: O pé do arco da vella

No libro As covas de Vincios editado en 2005 pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios, Gondomar, veñen varias lendas, entre elas unha fermosa e sorprendente que, polo que coñezo até o día de hoxe no mare mágnum mítico-lendario arredor do arco da vella non se rexistrara en Galiza nada así.

O suceso tivo lugar no Porto de Bouzas, Ribadelouro, concello de Tui. Unhas mulleres andaban apañando na herba cando se presentou o arco da vella. Víase ben que unha das súas bocas bebía no río Grande e que esa auga, canalizada pola canle azul do arco, acabaría regando os campos de arredor.

Unha daquelas mulleres, crendo que o arco ía descargar sobre ela e mollala, decidiu cortarlle un pé ao arco co fouciño co que estaba segando.

Como consecuencia o arco quedou descompensado, perdeu equilibrio, cimbrou e acabou por baleirar a auga que tiña na barriga sobre o Aloia.

A arroiada foi tan descomunal que provocou que todos os penedos que se ven hoxe no cumio do Aloia fosen dispersados como hoxe o están.

Un milagre!

SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 13 de novembro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: