Augas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A caída da paletilla
Chámase paletilla, espinela ou espiñela a un suposto óso ou cartilaxe que segundo crenza xeralizada se sitúa na boca do estómago, aínda que tamén hai quen opina que está nas costas, entre os ombros. Se este óso sae do seu sitio natural a enfermidade denomínase “caída” ou “mal” da paletilla ou da espiñela e só se pode curar coa operación chamada “levantar a paletilla“.
Paletilla i espinela
vólvanse ó sen lugar,
como os santiños ó altar
e as ondiñas ó mar.
A caída da paletilla
Dentro das enfermidades consideradas frecuentes e moi graves pola nosa cultura popular tradicional houbo unha, e aínda se menciona, que tivo grande predicamento e que se denomina “caída da paletilla“. Tamén se lle chama “caída” ou “mal” de espinela, espiñela, espinhela (Port.) e incluso calleiro ou cualleiro, aínda que estes nomes fan referencia á caída do estómago.
Para a descrición da sintomatoloxía, causas e remedios seguimos, sobre todo, ao médico, escritor e etnógrafo, X. Rodríguez López (Lugo,1859–1917). O seu libro Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, un razoado ensaio e, ao tempo, un ardente discurso contra as crenzas e supersticións, que lle valeu incluso a censura da igrexa por considerar que criticaba ritos ortodoxos practicados pola igrexa, é un referente para o estudo da nosa cultura popular. A descrición precisa e detallada de Rodríguez López das enfermidades e dos ritos de curación, aínda que o fixese para combatelas desde a ciencia médica, permítenos agora coñecer como, quen, cando e onde se realizaban moitas destes rituais.
Nun artigo publicado polo propio Xesús Rodríguez López en El Regional, xornal de e Lugo, nº 1321, de 28 de abril de 1888, baixo o título "La Paletilla", explica con detalle a casuística desta doenza que, xa o avanzamos, é absolutamente imaxinaria.
A enfermidade aparece cando o óso chamado paletilla ou espiñela “cae“ do seu sitio natural e o enfermo non curará ata que se lle practique a operación coñecida como "levantar a paletilla", unha operación reservada a especialistas, homes ou mulleres.
Sábese que está caída se aparecen algúns destes síntomas. Cando a persoa perde o apetito, cansa ao andar ou sen razón coñecida, ou cando transuda ou ten frío, pesadez de cabeza, sono excesivo ... Tamén cando ten aspecto de tísico, palidez, tos, opresión no peito...
No Dicionario Gallego de J. Cuveiro dise que a paletilla ou espiñela é unha cartilaxe que está na boca do estómago para protexelo de golpes. Cando se relaxa é cando se dí que alguén “ten a paletilla caída“.
Como se comproba se o enfermo ten a paletilla caída
O curandeiro ou curandeira o primeiro que fai é comprobar se, efectivamente, o enfermo ten ou non a paletilla caída. Un dos procedementos consiste en sentar ao paciente no chan ou nunha cadeira, fanlle poñer o corpo de fronte e logo cólleno polas monecas e estíranlle os brazos o máximo que se poida. Logo tratan de xuntarlle as mans por enriba da cabeza; se os brazos non igualan é evidente, conclúe o entendido, que ten a paletilla caída.
Outro método consiste en medir cunha cinta métrica desde a boca do estómago ata o espiñazo por ambos lados e se un mide máis que o outro, confírmase a sospeita: ten a paletilla caída.
Como se levanta a paletilla
En caso de confirmarse que a paletilla está fóra do seu sitio, hai que levantala; único remedio posible para curar desta enfermidade e para o que tamén se poden usar varios métodos.
Un deles consiste en apoiar as dúas mans do enfermo no correspondente lado da cabeza, e despois levántalo colléndoo por detrás, de maneira que as costas do enfermo apoien sobre o xeonllo do curandeiro. A continuación dánlle unhas sacudidas ata sentir o estalar dos ósos, sinal definitivo, sobre todo se “estalan como unha póla”, de que a paletilla queda levantada. Hai que ter moito tento e non deixar que a paletilla volva caer polo que se lle fan beber ao doente inmediatamente uns tragos de auga fría.
Outro método consiste en curar “por palabras”; ou sexa, mandar o paciente para a casa e prometerlle que a curandeira dirá unhas oracións durante o transcurso dunha misa. Rodríguez López di que na misa, entre a hostia e o cáliz, hai que rezar varios días, normalmente faino a curandeira, oracións como estas:
«Paletilla y espinilla, tente fuerte, como Jesucristo se tuvo en la cruz con el poder de Dios y de la Virgen María. Un padrenuestro y un avemaría.»
«Un curta de la sacristía sale a decir misa va, y un hombre le va a ayudar. Así como estas cousas son verdad, paletilla y espinilla, tripas e cualleiro (de fulano de tal) se volvan ó seu lugar. Con el poder de Dios y de la Virgen María. Un padrenuestro y un avemaría.»
Nun manuscrito de nigromancia titulado “La Monja de Filgueira” que se publica en El Correo Gallego de 23 de xuño de 1900 veñen outras palabras que se din para curar este mal:
«La paletilla, mal de tripas, bazo, madrío y calleiro curarán y sanarán por el poder de Dios y de la Virgen María y del bendito San Juan cuando dijere el ministro después de morder la cola de un gato negro y gritar por tres veces ¡Meigas fóra! esta oración sagrada: «Espinilla, paletilla, asaduras y calleiro, volveros á vuestro lugar como as galiñas al poleiro y los cregos al altar y el capeludo á ó inferno é as ondiñas á ó mar. Aquí persignese y bendiga y diga con devoción:) «San Juan y Santa María fueron juntos á una romería y dijo San Juan; «Se me cayó la paletilla», y le respondió la Virgen yo te la levantaría y séate levantada por el poder de Dios, la virtud y la fe mía. Amén.»
Outro remedio consiste en “correr” (masaxear) os membros do enfermo coas mans secas ou untadas en aceite e friccionar con forza todo o corpo, e outro máis coller o enfermo polas pernas e levantalo, cabeza abaixo, ata tres veces.
Tamén se lle podían dar ao doente cocementos de varias herbas durante sete días, ou metíanselle nove plantas chamadas estrelas de mar (fentos?) entre a pel e as medias que debía manter durante nove días sen sacar as medias.
Tamén se practicaba, segundo se explica en El Bien, nº 73 (19/07/1903), tirar da pel que recobre o estómago de abaixo a arriba e que por tres días non colla pesos nin nas mans nin na cabeza.
J. Cuveiro apunta un remedio diferente para levantar a paletilla. Consiste en poñer unha moeda sobre a boca do estómago e sobre a moeda un misto acendido, cóbrese cunha ventosa ou cun vaso en forma de campá, calcando coa man durante un cuarto de hora para que non entre aire. Cando se retira a ventosa, ponse un emplasto confortante sobre a zona. Neste mesma obra dise que a planta chamada chantaxe, levándoa algún tempo debaixo da planta do pé, favorece e cura a paletilla.
R. Quinía Pereira recolleu na parroquia de San Martiño de Salcedo, concello de Popntevedra, outro método que consistía en que o sandador poñía as mans na cabeza do enfermo e dáballe un golpe na testa; así volvía a paletilla ao seu sitio.
Outros remedios
«Había unha veciña miña que a levantaba. Sentaba a persoa nunha cadeira, igualáballe as mans cara arriba e logo había que tomar 9 graos de nabiña de nabo nunha culleriña de café con mel durante 9 dias. Non vexas os que pasaron por alí!»
Antonio Fernández. A Fonsagrada (Lugo). Febreiro de 2019.
«Na miña casa era moi común. Meu pai padecía diso. Tiña que cruzar os brazos diante do peito e una persoa por detrás levantalo para que se lle colocara!»
Dolores Flores Fernández. Lugo. Febreiro de 2019.
«Se estás canso, sen ánimos, con malestar ... e queres saber se tes a "paletilla caída" é tan fácil como sentar no chan coas costas apegadas a unha parede, levantar os brazos e xuntar as palmas das mans sen separalas, baixalas ata velas. Se está caída unha das mans estará máis alta que a outra; se é así, dar 9 golpiños no ombro da man que estaba máis alta. Volver a repetir para mirar se xa están iguales as mans e se é así, o malestar desaparecerá rapidamente».
Manuel Gómez Martínez. Febreiro de 2019.
«Pola comarca dos Ancares era moi frecuente. Rezaban unhas oracións que nunca souben e pasaban polas sofraxes, dunha á outra, e por todo arredor do tórax, un nobeliño de lá».
Helena Villar Janeiro. Becerreá (Lugo). Febreiro de 201
Ensalmo para levantar a paletilla, recollido en Cubelo, Palas de Rei (Lugo)
«A curandeira leva ao doente ata o pé dun sabugo que nacera espontaneamente, é dicir, que non teña sido plantado por ninguén. Unha vez alí envólvelle unha póla da árbore arredor da cintura, sen que esta se desprenda do sabugo e recita tres veces o seguinte ensalmo: "Sabugo que fuches nado e non plantado, cérralle a paletilla a Fulano de Tal (dise o nome e os apelidos) cun pai noso e unha ave maría, coa graza de Dios e da Virxe María».
María José Gómez Alvite, de Ligonde,Monterroso (Lugo).
Xavier Costa Clavell, en artigo publicado en La Voz de Galicia o 30 de marzo de 1992, escribe:
«Conocí en Chantada una «curandeira/menciñeira» muy singular. Vivía en la calle de los soportales de abajo de la villa. Aquella mujer pasaba por ser muy hábil a la hora de curar el «Mal de la Espiñela». Yo fui como acompañante de una prima de un amorío mío —sería por el año 1941 o 1942— y recuerdo que la «curandeira», mujer vieja, sucia, casi harapienta, que tenía todo el aspecto de una bruja y olía pestíferamente — aunque no a azufre, sino simplemente a mugre antigua y de variada composición— , me causó una deprimente impresión.
Como no tuve oportunidad de entrar en el sórdido tabuco en el que llevaba a cabo sus manipulaciones, no pude comprobar en qué consistía su «ciencia» ni qué tipo de ensalmos recitaba. Pero recuerdo que mi amiga pareció salir muy reconfortada de la visita y convencida de que la «paletilla caída» que decía tener se le iba a poner muy pronto en su sitio».
© Antonio Reigosa
BIBLIOGRAFÍA
COMENTARIOS ENVIADOS