Augas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
As lendas da Torre da Moa
A Torre da Moa, ou Castelo de Traba, é unha espectacular penedía situada en Traba, concello de Laxe (A Coruña), a escasos metros do mar. Este conxunto pétreo compite en altura e fermosura, e vistas sobre o val e a lagoa (con lenda de cidade asolagada), cos curutos da Cachucha e Pena Forcada, e está coroada pola rocha chamada Moa.
Nos arredores hai abondosas pegadas de interese arqueolóxico.
Debaixo da Moa hai un burato que chaman Capela ou Cova dos Mouros, que sería o lugar onde vivían os nosos míticos devanceiros.
Luz Vila Rivera, nun artigo publicado en La Noche o 21 de febreiro de 1948, refire o que lle contaron uns veciños sobre o lendario daquel máxico lugar.
Dixéronlle que os restos de muros eran dunha antiga capela dos “xentiles”, e que unha das pedras se chama “Pedra dos xentís”, e que ten un espazo reservado ao Asento do Rei. Nesta pedra hai un encanto, descrito polos informantes como unha muller que andaba cunhas cabras e que se peiteaba no río, e que un día se lle foi o peite polo río abaixo.
Debaixo desta pedra hai unha canle de máis de media legua de longo que chega ata a aldea de Arantiña, aínda que xa daquela estaba completamente tapada.
As 14 razas e a Xiganta Meota
Un dos informantes contoulle que na Torre da Moa estiveran os celtas, unha das 14 razas anteriores a nós, e que despois veu a Xiganta Meota, unha muller con aspecto de home que mandaba nos homes. Despois virían os mouros, que levaban beber os cabalos ao río dos Lodeiros.
Carlomagno en Galicia
Tamén lle contaron dun manuscrito, que tivera unha vella da aldea pero que se perdera, e que contaba da visita de Carlomagno a Galicia. Carlomagno era poderoso, cristián, encargado polo apóstolo Santiago de converter á nova fe aos xentís de por aquí. Viña cun exército moi ben armado, composto por homes elegantes e bonitos, que facían a instrución no Campo do Reino, que hoxe é a aldea chamada Campo do Reiro.
O asolagamento de Valverde
Cando Carlomagno quixo conquistar Valverde, cidade amurallada, non puido. Entón, púxolle de xeonllos sobre a área e pediulle ao apóstolo:
—Señor Santiago; xa que me mandaches convertelos, fai que poida pasar!
E en acabando o prego a muralla derrubouse instantánea, e Carlomagno aproveitou para tentar bautizalos pero os adultos negáronse.
Debido a este contratempo, Carlomagno saiu da de Valderde e desde o alto de Nande mirou atrás. E o que ve xa só é a auga da lagoa que afogou para sempre aquela xente. Din que cando a auga está clara aínda se ven os tellados das casas.
O mesmo informante contou que o famoso manuscrito de Carlomagno tamén falaba dunha aldea chamada Lucerna, que estaría situada onde hoxe chaman Sarnado?
Outra variante do asolagamento de Valverde: As tres Virxes
Outra versión sobre a desaparición de Valverde conta que un día chegaron nunha barca tres Virxes, que ademais eran irmás: Nosa Señora da Barca, a Virxe do Espiño e a Virxe dos Milagres.
A Virxe dos Milagres desembarcou mentres as outras seguiron cara os seus destinos, a da Barca para Muxía e a do Espiño para aparecérselle a un pastor sobre un espiño.
A Virxe dos Milagres comezou a pedir esmola para o neno que ía canda ela pero como ninguén lla quixo dar, incomodouse e ordenou que a vila quedase para sempre debaixo das augas.
BIBLIOGRAFÍA