Augas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
San Bartolomeu e o Demo
San Bartolomeu, que é santo avogoso e invocado desde antigo (foi apóstolo de Xesús Cristo) para situacións de perigo, ten un día ao ano no que hai que desconfiar. Ese día é o seu, o da súa festa, o 24 de agosto, por dous motivos que de seguido contamos. A primeira advertencia fáinola o refraneiro cando reza “O día de San Bartolomeu di o Demo: aló vou eu”. Unha verdade irrefutable. Os mineiros dos tempos antigos deixaban de traballar nesta data, pois tiñan medo a tropezar con Satán nas galerías soterráneas.
Eu mesmo fixen saír do Inferno neste día a Resalgario, un dos fillos do Demo, para que cumprise o castigo imposto polo seu pai que non era outro ca peregrinar a Compostela por camiños de quita e pon. Tampouco é casual que haxa centos de minas polo mundo bautizadas co nome de San Bartolomeu, entre elas as famosas de Potosí, no Perú.
En Pontevedra fan, recuperando unha vella tradición, a Festa do Demo, que sae á rúa como antes o facía o Centulo para incomodar e facer risa coa veciñanza.
Na Mariña festéxase moito a San Bartolomeu. É santo patrón con festas nos concellos de Xove e Barreiros, costa a onde chegou o apóstolo en barca sen vela e sen remo. Din en Xove, onde ten unha capela no Souto da Aldea, que o día 24 sempre chove, e que iso sucede polo abuso que fixeron no pasado pedíndolle, en rogativa con procesión, que chovese. Mollábanlle os pés onde houbese unha fonte cunha pinga de auga, e desde entón chove. A ver que pasa este ano!
Outra razón para non se fiar do santo é o que pasou na coñecida como Nuit de Saint-Barthélemy, masacre que entre o 23 e o 24 de agosto de 1572 lle custou a vida en Francia a milleiros de hugonotes. A rivalidade política entre católicos e protestantes calvinistas acabou en traxedia. Cunqueiro díxooo desta maneira: “os coitelos católicos buscaron facilmente as gorxas protestantes”.
Uns anos despois desta matanza, en 1679, os cregos Bartolomé e Pedro Mel das Goás, veciños do lugar, fundaron en Estelo unha ermida dedicada ao santo. Desde entón, ano tras ano, veñen celebrando os de Estelo e Tronceda unha festa que fai retumbar a fraga que derrega os concellos de Alfoz, Abadín e Mondoñedo. En 1966 fíxose capela nova e este ano, como teñen alí por costume, sabedores dos perigos que trae canda sí o día propio, xa lle fixeron a festa a fin de semana pasada. En Estelo e Tronceda saben ladaíñas que invocan a San Bartolomeu para escorrentar o “dentelongo”. Tamén exerce contra as nacidas (unha enfermidade da xente e do gando que provoca o bacillus anthracis), contra o trono e contra o bocio.
Na illa de Samertolomeu, en Moaña, cóntase esta historia. Unha noite alguén desamarrou unha chalana e dous individuos, un deles “feo como un can e con cornos”, poñían rumbo a ritmo de “unha palada, mil leguas”, ata unha praia exótica. A testemuña que tal viu, viaxeira involuntaria, fíxose cunha póla dunha árbore daquel país e tróuxoa canda si.
No amencer, xa de volta, o crego confirmoulle que o dos cornos era o Demo e que a póla da árbore era propia caribeña. Estiveran de aquelarre en Cuba, nada menos.
E tivo que ser verdade pois na illa moañesa que leva o nome do santo hai unha capela cunha imaxe deste agarrando ao Demo polos cornos.
©Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 25 de agosto de 2016, e en “Caderno de campo de Antonio Reigosa”