Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Lendas da Illa Coelleira

A illa Coelleira (de cunicularia, coello) , a pesar de non ocupar máis de 0,26 km2 é, sen embargo, a maior das illas galegas do Cantábrico. Actualmente deshabitada, está situada na ría de Viveiro, en fronte á Punta do Embarcadoiro, no concello d’O Vicedo ao que pertence, na provincia de Lugo. Nalgunhas zonas da provincia, e mesmo nun documento do Cabido mindoniense do Século XVI tamén se lle chama Cualleira. Parece que no século XI, sen descartar ocupacións anteriores, había alí un mosteiro, o Mosteiro de San Miguel de Quonicularia de monxes bieitos, que logo foi ocupado por agostiños, e que a finais do século XV o edificio estaba en ruínas e a illa xa deshabitada.
Os antigos monxes da Coelleira navegaban ata Viveiro en barcas de coiro para dicir misa nunha capela que había onde logo se construíu a igrexa dos franciscanos desta localidade.
Tamén serían os templarios da illa os que levaron á igrexa de San Román do Val un cadro coa imaxe de Santo Estevo. Outra versión asegura que o cadro apareceu na praia de Xilloi, no lugar do Altariño -outros sitúano na coñecida como a Fonte do Santo-. Os veciños, para poñela a bo recaudo, colocárona sobre un carro, mais, os bois que tiraban del non detiveron a marcha ata o sitio onde despois se erixiu a igrexa de Santo Estevo do Vicedo.
Sabemos que máis adiante foi cultivada (parece que o trigo que producía moía unha fariña dun branco extraordinario) ; e tivo faro con fareiro, e agora sigue tendo coellos, gaivotas, corvos mariños, araos …, auga potable e ata unha valiosa herba que chaman “da fertilidade” ou “herba empreñadeira”.
Entre a toponimia menor da illa destaca Fraguas, lugar onde ao parecer hai restos dunhas fraguas propiedade dos frades que alí viviron.

A degolación dos templarios e a Casa do Paisano
A persecución e extermino da Orde do Temple tamén chegou aos monxes-guerreiros que habitaban no cenobio da illa da Coelleira.
Unha lenda relátanos o triste final: Escoitouse unha noite tocar a rebato a campá da espadana do mosteiro, e varios verdugos sen entrañas comezaron a degolar aos monxes, que sufriron o martirio con valor e resignación. Trinta e cinco templarios dormían xa o sono da morte. Escomezaba a albear e só quedaba por sacrificar unha vítima. Era un xove de nobre continente, de cabelos roibos e ollos azuis e morriñentos. Presentouse ás portas do convento onde o esperaban os verdugos cos aceiros tinguidos en sangue: "Aquí estou, son o derradeiro templario da miña Orde", dixo.
E, axeonllando no chan, levantou a mirada ao ceo... Logo exhalou o derradeiro suspiro. Poucos anos máis tarde, morreu en Viveiro un nobre pertencente á familia de Bernaldo de Quirós, señor da contorna, e baixo cuxa dominación se perpetrara a estarrecedora matanza. E afirma a tradición que para descargar a súa conciencia, agoniado polo crime, ordenou que se escribise esta cláusula no seu testamento: "E tamén mando que se digan trinta e seis misas polas almas dos templarios que matei e fixen matar por orde do Noso Señor o Rei en San Miguel da Coelleira".
Verbo do derradeiro templario, hai outra lenda que narra o seu tráxico fin: Un mozo, de nome Guillelme da Torre, namorara dunha fermosa rapaza, Rosalía, a quen lle declarou o seu amor, pero dicíndolle que sería un amor imposible xa que debía ingresar no Temple. Ela respondeulle: "Ti templario, ai!, talvez deixe fóra do meu cadaleito a man de desposada; se é así, estréitaa pero pronuncia tamén o meu nome antes de morrer". Guillelme partiu para os Santos Lugares e cando regresou viu que na igrexa estaba a celebrarse o funeral por unha muller. Entrou e pousou os ollos sobre o cadaleito: del pendía unha man, unha branca e suave man: a de Rosalía. Estreitouna e chorou de dor e logo retirouse ao mosteiro da Coelleira para orar o resto da súa vida. Alí asasinárono xunto cos outros trinta e cinco freires.
Unha derradeira lenda conta que da matanza salvouse un monxe que, vestido de paisano, refuxiouse nunha casa do barrio de Baltar que aínda hoxe en día conserva o nome de "Casa do Paisano".


[Información elaborada con información de Xabier Moure Salgado, de Pontide, Suegos, O Vicedo (Lugo), en abril de 2009]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: