Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Contos do Mariano: A pantasma

Contos do Mariano” é o título dunha serie de relatos da autoría de Nilo Cea Rodríguez, mestre de Furelos finado no ano 1992, considerado polos melidaos coma o "noso Castelao", pola súa dimensión literaria e artística, entroncada co legado da Xeración Nós.Mariano é un personaxe fanfarrón, botado para adiante, narrador ficticio destes relatos sacados da tradición oral das terras interiores das bisbarras de Melide e de Arzúa. 

“A pantasma”  é o número 16 da serie orixinal (publicado o 8 de xuño de 1962). Texto e ilustración de Nilo Cea Rodríguez. 

***

Contos do Mariano: A pantasma

Un domingo, en que o noso home a saída da misa, estaba de conversa con outros dous ou tres máis sentín que lles decía, poñendo moito coraxe nas súas verbas e moita fereza nas súas olladas, que iban de esguello, duns para outros.

“Hai pantasmas, hai, e quen se astreva a me decir que non, respondereille que mente coma un testigo falso-; Téñoas visto moitas veces, ¡moitas, con estes meus ollos que ha de comer a terra- Hainas grandes e pequenas, e varean de feitura a cada paso que dan, cal se estiveran feitas de fume. O máis das veces, son longas e outras coma alciprestes, e van vistidas con sabas de liño, limpas coma a propia neve.

Cando camiñan non hai ouvido por fino que seña que poida sentilas; porque non pousan os pés no chan. Vense polas noites a carón dos ciminterios, nas encrucilladas dos camiños, ao pé dos cruceiros, ou paseando por enriba dos castiñeiros e máis dos piñeirales. Tamén adoitan a verse nas espadanas  das igresias e camiñando, sobor do día, pola cima dos salgueiros que medran nas ribeiras dos ríos. Saen, pola noite, das covas dos cimiterios para ver se atopan a un home de corazón que as requira e lles pergunte que é o que degoran, e máis o que lles fai falla; pois, o máis das veces son ánemas en pena que andan purgando algunha cousa que fixeron neste mundo e que non poden ter acougo no outro mentras non deriman con misas, esmolas ou responsos o mal que deixaron feito nesta vida.

Para requerir a unha pantasma, e lle preguntar o que desexa, hai que ter a concencia moi limpa; pois aquel que teña pouco sentido de facelo en pecado mortal, xa se pode ir preparando a que lle chovan disgracias sobor disgracias.

As pistolas, o rivólveres, os coitelos e máis as “gatas fouces”, ningún mal lle poden facer ás pantasmas; porque chuzar, ou tallar nelas, é o mesmo que cortar auga ou espetar cravos nun saco cheo de lan. Teñen o corpo de brétema, coma quen di ou falando máis propiamente non teñen corpo, anque paresza outra cousa.

Se lles peta a gana, poden enfuarse polo peche dunha porta, polo cano dunha palla, ou polo cú dunha agulla.

Agora que hai que andar con tino; porque co achaque do medo que meten as pantasmas de certo, tamén vos hai homes e máis mulleres; xente ladra, ruín e de mal vivir, que pra facer algunha das súas, cobren a cara cun pano, botan unha saba tamén de liño ou de estopa enriba do corpo, arrecadan nunha boa estaca polo que poida acontecer, e aló se van todos polos camiños e polos curros das casas pegando brincos, dando alaridos, roubando galiñas e capós, apalpando ás mozas e agachando debaixo da saba todo canto poden raspiñar.

Vou contarvos o que pasou na miña parroquia onde me eu criei, cunha desas pantasmas de “así coma quen”, con un rapaciño novo, de quen deran en decir por aló que era un cagán cheo de medo; pro a xente estaba nun erro ao pensar daquela maneira; porque en ves de medo, o que tiña o rapas era un corazón moi ben posto no seu sitio, como ides ver agora.

Era nunha fiada, e xuntárase moita familia.

Os mozos e máis as mozas estaban de broma, e pra rir un pouco e divertírense unha miga, trazaron de argallar algunha trangallada, das que é costume armas nas fiadas e máis nas tascas do liño. Bueno agora eso xa non se estila, pro no meu tempo sí.

Un dos mozos, o máis mofista de cantos había na fiada, dixo de pronto botando miradas maliciosas darredor de sí.

“Ímoslle decir a Fulaniño” que se nos vai por unha ola de viño pra todos, él, non entra no escote do que haxa que pagar. El há decir que sí; porque, do que é mal, non vos ten unha mala cadela e o viño... góstalle. E ao que marche, vou eu, e agárdolle á volta, no adro, diante da igrexia, vistido de pantasma cunha xesta na man e cun cabazo furado, en feitura de “calavera” enriba da cabeza. Dentro do cabazo ei meter unha candea accesa pra que saia a lus polos buratos das ventas, da boca e máis dos ollos, xa veredes que canguelo vai pillar ese “cú de medo”. Imos esbourar coa risa. ¿Que vos parece a miña idea?

¡Parécenos ben, parécenos ben! ¡Eres o demo, Farruco, eres o mesmo perello! Dixeron todos, dándolle golpillós uns ás outras, caendo mesturados na palla e aborcallándose nela coma bacuriños novos, mentres rían as gargalladas.

E sen agardar máis, dixéronlle a Fulaniño, inda non ben entrou na corte, que fora polo viño. E Fulaniño, que era ben guiado, foi e dalí a un pouquiño tamén saíu o mofista tras del vestido de pantasma, disposto a agardalo enriba da cerca do cimiterio; pois pra ir á taberna había que pasar forzosamente por alí.

Fulaniño, que inda era cuasemente un neno, non tardou en facer o mandado, pois ao cabo de media hora escasa, estaba xa de volta cunha xerra na man, que levaba xustamente unha ola de viño. Aínda ben non tripara o limiar da porta, e se metera dentro da corte, rodeárono os mozos e máis as mozas, e diron en perguntarlle, facendo grandes esforzos para non estoupar coa risa, se lle pasara algo no camiño pois parecía que trembaba un pouco e que non tiña moi boa cara, el respondeu, xurando que nada malo lle acontecera no tempo que estivera fora. E non faltou quen lle sentira rosmar polo baixo, cal se falara con el mesmo. “Din que teñen o corpo de brétema; pois, eu poñería o pescozo nun picadeiro asegurando que o teñen de carne e óso como calquera fillo de nai”.

Pasou un bo anaco, franquearon a porta outra ves, e nela... ¡Já, já, já,! Presentouse o mofista con dous potes coma dous puños, un de cada banda da testa, e de por partes, sangrando polas ventas, coma un carneiro.

Daquela, si, daquela si que foi cando esbouraron coa risa todos cantos estaban presentes na fiada.

O mofista, dixo pra se disculpar, que esborrexera ao querer baixar un pasadoiro, pro non houbo quen lle dera creto.

Eiquí rematou o conto o Mariano gardando no peto do chaleque unha punta apadada, e foise dicindo con moita proa. “O neno que foi polo viño, paresceume que non está moi lonxe de vos”.

[Transcrición do texto e imaxe remitidos por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Febreiro de 2016]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: