Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

Contos de mouros e mouras (1)

Á memoria do meu amigo, Pepe, alias, señor Curro
.
__________
Unha vez un mouro que vivía moi preto da fonte de Corvos onde as mulleres ían lavar a roupa e falar das cousas da aldea, achegouse para latricar con elas.
-Moito falades -dixo.
Elas ollaron e non viron a ninguén.
-Non ouvistes unha voz -dixo unha.
-Ouvimos -dixeron as outras-. Quen será?
-Son eu. Estades cegas?
-Nós non te vemos. Quen es ti?
-Un mouro.
-Pero non te coñecemos. Desde onde nos falas, acaso es tan feo que non te queres deixar ver? -dixeron.
-Estou aquí no camiño, a carón da fonte, asomádevos -dixo o mouro.
E asomáronse.
-O demo me leve que es ben pequenote -dixo unha.
-Eu serei pequeno de corpo, pero ollade o que teño aquí.
Súpeto o mouro baixou os pantalóns e deixounas asombradas. As mulleres botaron a correr tras del tirándolle pedras e paus, pero como era pequenote escondeuse entre as herbas e deitouse nelas, aos poucos asomaba por riba das herbas un pau que semellaba coa cáscara mondada.
-A próxima vez heille pór unha bandeira na punta a ver se lles gusta máis -dixo.
E así foi que o mouro seguiu indo á fonte e sempre o escorrentaban. Unha vez pillárono e case o capan, doutra metérono na auga e case o afogan.
Eu pregunteille a unha muller se sabían como se chamaba o mouro e díxome que se chamaba Curro, pois cando o escorrentaban saía dicindo: xa curro, xa curro, pero el talvez quería dicir: xa corro, xa corro.

Texto: Vicente Piñeiro González
Lugar da lenda: Fonte de Corvos, barrio de Castelo, concello de Lugo.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: