ÁREA RE-CREATIVA
O fillo do xastre e o Velagullas
© Antonio Reigosa
Artigo publicado orixinalmente en “Mondoñedo”, nº 113, xaneiro 2013 (número extradordinario homenaxe a Ricardo Pedreira Pérez).
_________
Descúlpeme, señor Pedreira, se non lle parecese oportuno contar isto que vou contar. Atrévome, se cadra, porque non teño a honra de coñecelo persoalmente ou porque son moi partidario das fantasías do noso veciño, o fillo do boticario. Ademais, ao fixarme no seu rostro en fotografías recentes paréceme que non lle han parecer mal estas chiscadelas. Permítame, pois, esta licenza que non ten máis intención que saúdalo e felicitalo con ocasión desta oportuna e merecida homenaxe que lle preparan as asociacións, autoridades, amigos e amigas mindonienses.
Non sei polo qué pero eu a vostede cando neno imaxínoo entre teas, enredando co Velagullas na xastrería do seu pai. Supoño que vostede e os seus irmáns xogarían cos retallos de pano sobrantes, e supoño tamén que o seu pai, home precavido, tería que ter de man ao trasno Velagullas co encargo de recuperar as agullas e os alfinetes derramados, máis ca nada para evitarlles aos seus picariños, a vostede e aos seus catro irmáns, picadas ou danos maiores.
Como sabe, o Velagullas é un trasno creado, e criado, pola imaxinación de Álvaro Cunqueiro. Disque estaba ao servizo de xastres e modistas, ocupado en apañar as agullas extraviadas. Non cobraba pero a cambio tomaba vacacións desde o san Xoán ata As San Lucas. A necesidade dos seus servizos decaeu coa invención do acerico e tivo que buscar definitivamente vida fóra do noso país cando invadiron os obradoiros de corte e confección as máquinas de coser. Di Cunqueiro que o Velagullas, unha vez desterrado do mercado laboral, emigrou, que fixo as Américas como as fixeron o seu pai e a súa nai, ou coma vostede, aínda que o seu continente de acollida quede aquí ao lado e se chame Asturias.
Cheguei a esta fantasía sobre o Velagullas vendo os anuncios que se publicaron no semanario Vallibria entre o 23 de marzo de 1930 (nº 4) e o 14 de xuño de 1931 (nº 65), avisando do traslado da xastrería de Ricardo Pedreira á rúa Templarios, 11, altos, fronte ao Seminario e á Praza de Abastos. E dos anuncios gustoume especialmente o reclamo que reza “Corte y confección irreprochables. Visite este taller y saldrá complacido”.
Agrádanme estes textos porque penso que da compensación recibida por aqueles “irreprochables” acabados, da “complacencia” dos clientes da xastrería e, sobre todo, da vontade dos seus proxenitores resultou que os cinco irmáns, homes e mulleres, tiveron ocasión de ir á Universidade, de formarse e de acadar os títulos correspondentes. Un milagre para a época que lles tocou vivir, especialmente extraordinario se temos en conta que nin elas, as súas irmás mulleres, Pepita e Elena, quedaron discriminadas.
Sei da súa vasta formación e dos seus incontestables méritos profesionais. Sei do economista, do profesor, do funcionario, do xestor, do político, do investigador e do escritor, do divulgador de economía en La Voz de Asturias cando dirixía este xornal o noso paisano e seu amigo, Xosé Díaz Jácome … Sei da súa intensa vida que comeza en Cuba (aínda que vostede non o lembre) e que se fai corpo en Mondoñedo, que madura intensa e con proveito en Asturias e noutros moitos lugares do mundo.
Tamén sei doutros méritos máis privados, familiares, afectivos, de veciñanza, e entre todos conforman unha longa listaxe que o fan merecedor desta homenaxe que lle brindan os mindonienses en agradecemento a tanta xenerosidade como amosou durante toda a súa vida coa patria de nacenza.
Despois de ler con moito interese as tres entregas das súas memorias publicadas recentemente en La Nueva España tamén estou convencido de que vostede, estando onde estivese, sempre estivo aquí, en Mondoñedo.
Cando o seu pai, o xastre, lles dicía que procurasen a vida por outros camiños, el era coñecedor de que, tristemente, o destino non ten volta, que está escrito pois el mesmo sentira a necesidade de se ir a Cuba “aínda que morrese”. El fórase pero, afortunadamente, volveu para facelos a vostede e aos seus irmáns mindonienses, e para que agora os que aquí nacemos, aínda que teñamos que ir e vir, coma vostede, saibamos que a roda do destino, a cada volta, sempre fai unha paradiña onde un nace.
Permítame para rematar, señor Pedreira, que lle pida desculpas por traer aquí un anaco da memoria virtual da súa infancia e por, de paso, homenaxear tamén a aqueles homes e mulleres que coma o seu pai e a súa nai, en tempos moi difíciles, traballaron arreo para que o mundo soubese de nós, os mindonienses.
E, xa por último (nisto pídolle que me garde o segredo), ten que saber que tamén o Velagullas vai e vén, e a cada volta para en Mondoñedo, aínda que xa non haxa xastres nin modistas que lle dean que facer. O seu pai, o do Velagullas, o fillo do boticario, tamén era mindoniense e xa se sabe que “Nace o corvo na pena e tira sempre para ela”.
___________
Ilustracións:
-Anuncio "Ricardo Pedreira. Taller de sastrería", Vallibria, nº 4, 23 de marzo de 1930.
-Velagullas (ilustración de Santy Gutiérrez para Galicia Encantada).
-Ricardo Pedreira (debuxo de J. Puchades), Mondoñedo, nº 113,xaneiro de 2013.