Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

Lenda da cidade de Brea e a Cova do Rei Cintolo

LENDA DA CIDADE DE BREA E A COVA DO REI CINTOLO
© Antonio Reigosa
______________________

Onde agora está a Cova do Rei Cintolo, en Supena de Argomoso, Mondoñedo, houbo noutrora, cando os animais falaban, unha cidade chamada Brea.
A cidade semellaba un castelo empoleirado, as vivendas e todos os demais edificios íanse superpoñendo en sucesivos andares ata o curuto onde, nunha torre esvelta e esverdecente, vivían el-Rei Cintolo e a súa filla, a princesa Manfada.
As vistas desde a torre da homenaxe eran extasiantes. Aos pés da cidade acastelada verdegaba o Val de Brea fendido por dous ríos, o Valiñadares e o Masma, e máis alá, tras os montes que coutan o paso das néboas húmidas nacidas no mar, gobernaba un azul mesturado de ceo e auga salgada.
Cantas tardes pasaría El-Rei naquel mirador imaxinando que algunha daquelas aves que planaban por diante dos seus ollos se transmudase na súa defunta esposa! A raíña fórase e non había regresar endexamais!
Malia estas horas melancólicas, en Brea os días transcorrían sen grandes sobresaltos. El-Rei e a princesiña tiñan riquezas dabondo para non ter preocupacións, e todos os demais veciños gozaban dunha vida plácida e tranquila, cadaquén entretido nos seus quefaceres.
Manfada, a princesa de cabelos loiros e ollos riseiros que imitaban a nai en todo, andaba en idade de mocear. Moitos eran os que a pretendían, moitos os que chegaban de xalundes coa intención de namorala e case todos tiñan que regresar coa cabeza abaixada e o corazón ferido. Ela non se comprometía con ningún pois disque agardaba sen saber a quen.
Un día chegou á cidade de visita un conde chamado Holvrudet que, xa o nome o delata, viña do norte na compaña duns poucos escudeiros. O conde era mozo, educado, simpático, cortés, atento, galante e elegante e, aos ollos de Manfada, o rapaz máis fermoso de todos cantos a pretenderan. El-Rei tampouco lle víu defectos así que cada día organizábanse banquetes e festas para celebrar tanta harmonía; todo parecía indicar que aquel romance ía encamiñado ao matrimonio.
Mais, dun día para outro, todo se revirou co de dentro para fóra. Nos arredores da cidade acamparon uns soldados e un cortexo de bruxos dun rei chamado Tuba de Oretón. Viña de terra de mouros coa pretensión, coma todos, de pedir a man da princesa.
Soldados e bruxos chegaran en tropel, armando barullo e meténdolles o medo no corpo a todos os que atopaban ao seu paso. Tuba era un home gordo e xa vello, ademais de maleducado, antipático, descortés e desatento e, aos ollos de Manfada, o ser máis feo o horroroso de todos cantos a viñeran requerir. E como a El-Rei tampouco lle gustaba aquel rei chamado Tuba como xenro, todo parecía indicar que aquel asunto ía ter un mal final.
Tuba de Oretón, ademais de feo e malvado, era vedoiro, un mago capaz de ver o que está lonxe e incluso o que non está neste mundo; e o que era peor, era quen de provocar con malas artes grandes desgrazas.
Tuba mandou recado a El-Rei dicíndolle que se non lle concedía a man da princesa polas boas tiña a intención de arrasar o castelo e a cidade, e de paso matar a todos cantos se interpuxeran nos seus propósitos. O Rei Cintolo dixo que non e, coma xa estaba anunciado, tambores de guerra atronaron o val. Un groso manto de cor gris foi cubrindo a cidade de escuros presaxios.
O conde Holvrudet, envelenado polo ardor do amor que sentía por Manfada, ofreceuse para pelexar el soíño contra Tuba mais o vello rei, vedoiro e mago, cangado de carraxe, convocou aos seus bruxos e mandoulles preparar un poderoso meigallo.
Comezou a pelexa. Horas de combate entre os dous contrincantes ata que, como era de supoñer, o vello rei fincou o xeonllo a mans do mozo Holvrudet. Mais cando o conde atravesaba o corpo do rei Tuba coa súa espada para rematalo, o val estremeceuse e estourou un enorme trono.
Holvrudet, dsorientado, buscou coa vista a cidade acastelada pero xa non viu mais cá porta de entrada do que parecía ser unha cova. Todo desaparecera por arte de encantamento. Brea, a cidade empoleirada e coroada por un castelo esverdecente, esvaérase no aire coma un lóstrego. Brea, a cidade da xente feliz, desaparecera con todos os seus habitantes e no seu lugar apareceu unha cova que Holvrudet comezou a percorrer desesperado na procura da súa amada.
A cova, chamada desde entón Cova do Rei Cintolo, semella un enorme pazo de case oito quilómetros de lonxitude. Contén ducias de estancias e galerías que se comunican entre si. Dánlle frescor ríos e regatos, lagoas e ata fonteliñas que gurgullan ao son de músicas que fan sentir aos que entran que é un lugar encantado. De cando en cando escóitase o asubío dun vento frío e desacougante.
Hai quen din, isto é un supoñer, que todos os homes e mulleres da desaparecida Brea se convertiron en estalagmitas, que son as estilizadas columnas calizas que se erguen desde o chan das estancias. E tamén supoñen que os que aínda eran nenos e nenas cando o cataclismo provocado polo rei Tuba se foron transmudando en estalactitas, as columnas invertidas que penduran, caprichosas, dos teitos da cova.
Cando se atopan o vigor da estalagmita que nace do chan e o fráxil atrevemento da estalactita que pendura do teito forman poderosos piares que sosteñen os soños dos que aínda buscan superviventes de carne e óso na Cova do Rei Cintolo.
Holvrudet buscou por moito tempo a Manfada dentro da cova mais as lendas din que non foi quen de dar con ela. Co tempo, o conde deixou de ser mozo, perdeu a xuventude e a memoria pero aínda debe andar por alí, coma sonámbulo, sen saber que fai nin onde está.
Hai quen di que dentro da cova se escoitan laios, e que hai un monstro vixiante alí dentro, e que Manfada sigue alí encantada, agardando a que alguén se atreva a desencantala.
Pasaron moitos anos desde entón, tantos que os animais xa non falan e Holvrudet apenas ten quen o recorde. En cambio, Manfada, a princesiña encantada, aínda soe aparecérselle a aquel se achegue ao amencer á boca da Cova do Rei Cintolo. O curioso, ademais de mozo, ten que ser inocente e se pretende desencantala non pode ter medo a nada.
Hai quen di que a viu, que se achegou á boca da Cova do rei Cintolo e que se lle presentou peiteando os seus cabelos loiros cun peite de ouro ao tempo que goza da súa propia beleza nun espello de prata.
A vida dun encanto, seica, é aborrecida e moi mala de levar. Algúns din que a viron pero os poucos que a intentaron desencantar fracasaron. O medo ao monstro puido máis que a forza do sue amor por Manfada.
Probablemente xa non hai ninguén que saiba a maneira de desencanatr a Manfada. O risco en caso de trabucarse é importante; o monstro, se cadra a pantasma do vello Tuba, non tería reparos en acabarlle coa vida.
Se algún día alguén conseguise desencanatar a Manfada, a cova recuperaría a figura da cidade acastelada de Brea co seu torreón esverdecente no alto, o valente desencantador convertiríase no esposo da princesa e compartirá con ela as moitas riquezas que lle pertencen.
Mais, se cadra, Manfada xa foi desencantada hai tempo. Hai quen asegura que a viron saír da Cova do Rei Cintolo na compaña dos homes e das mulleres, dos mozos e das mozas, dos nenos e das nenas que, sorrintes e felices, renunciaron ao seu dereito a refacer a cidade de Brea para non estragar a Cova do Rei Cintolo, e que esa xente ergueu unha nova cidade no medio do val esverdecente que hoxe se chama Mondoñedo.
E que O Rei Cintolo se fixo bispo co nome de frei Antonio Guevara, que Holvrudet se reencarnou en Álvaro Cunqueiro, e mentres que Tuba de Oretón sigue exercendo de monstro dentro da cova, as casas e o castelo da antiga Brea son agora os humildes edificios mindonienses que arrodean a catedral, o pazo bispal e os outros pazos, capelas e prazas da cidade.
E é case seguro que Manfada deixou de ser princesa para volverse fonte, e que agora se chama a Fonte Vella, e que os que beben desde entón auga nos seus canos soñan cada noite groliños frescos de fantasía.
____________
Nota:
Este texto foi elaborado para o concerto "O pequeno lume", estreado na Praza da Catedral de Mondoñedo o 19 de xullo de 2011, ás 20:30 horas, con motivo da inauguración do V Curso Interdisciplinar Internacional de Música e Musicoterapia, promovido por AIMPNE (Asociación Interdiscipilinar Músico-sensorial para persoas con necesidades especiais).

CONCERTO
Autor da música: Michael P. Mossman
Luz e son: Rafael Moya
Danza: Mayte Vicens
Deseño gráfico: Mauro Leivas
Interpretación: Banda Municipal de Lalín, baixo a dirección de Bram Sniekers.
____
© As imaxes que ilustran este texto foron cedidas polo autor: MAURO LEIVAS.



Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Querido maestro y amigo; un trabajo brillante ,rompedor ,original y mágico por otra parte como siempre . Tu obra y tu persona ha luchado siempre frente a la mediocridad de la mayoría de tus colegas , pero tú te apartas de la norma siempre luchando por el bien común y te solidarizas con los que sufren ,oprimidos,marginales .Tú lo vives día a día en silencio tus dolores fisicos ,tu falta de proyección internacional ,tu modestia y resignación ante el panorama actual , enfin todo combiará a mejor . Tu admiradora y amiga Belén Mozo Escrig , Bicos y apertas y salta ,vuela y corre por doquier

Enviado por Mauro leivas Rivas o 03/09/2011 ás 9:22:07


Enviar comentario a este artigo: