Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

Rodrigo de Canaval

Era daquelas cando estaba vixente o chamado "dereito de pernada". O pobo asumíao a regañadentes, como aceptada era a condición de cada quen na sociedade: algo inmutable saído da vontade de Deus. Non era este privilexio unha lei escrita, nen sequera unha norma consuetudinaria recoñecida que permitía ós señores feudais deitarse coa noiva a mesma noite de vodas, mais algúns nobres reclamábana para sí en moitas ocasións.
Rodrigo gobernaba por aquelas o pazo de Camporrairo, en Canaval, Sober (Lugo), unha pétrea construcción cun inmenso xardín á beira do río Cabe, do que gustaba desfrutar como o facía aquela fermosa mañá de primavera. Non lonxe, na igrexa parroquial, noutro tempo pertencente á bailía templaria de Canaval, casaban dous mozos do lugar rodeados polos seus. Casar por amor, ás veces, non era doado, pero eles conseguiran, non sen certas trabas, levalo adiante; e as estreiteces da vida campesiña, derradeiro eslabón que todos os demais exprimían, víase docificada cunha boa compañía coa que aguantar os trafegos da existencia, na que non faltaban, a pesar de todo, a ledicia e a felicidade, malia que algúns só a centraran nun alén prometido do que nadie dera conta.
Xa estaban os noivos na casa, cando chegou un criado de Rodrigo:
―Di o conde que esta noite veñas polo pazo― díxolle á rapaza cun ton autoritario.
O mundo botouse entón enriba dos noivos. Xa non poderían pasar aquela noite xuntos e levarían consigo, para sempre, a mágoa da inxustiza roendo no corazón. Pero, ¿que facer? Non ir era pecado, así o quería Deus, repetía a rapaza. Mais o noivo non estaba disposto a deixala marchar, aquelo era un abuso e, por moi conde que fora, iso excedía os seus dereitos. Non iría, ¡non e non! Ela insistía que non podía ser, que era pecado non acudir á chamada do conde, que mirara as consecuencias, que si mira que os señores sonche vingativos, dicía a rapaza envolta en bágoas. Pero o afoutado rapaz non cedía. Cando xa era hora de marchar díxolle á noiva:
―¡Non te preocupes que isto arránxoo eu!
Era ben noite pecha cando a rapaza, cas súa mellores roupas, petou na porta do pazo. Xa estaba o conde agardando na alcoba, iluminada pola luz tarabela dunha vela. Mandouna espirse e, así o foi facendo, a modo, no rincón máis escuro da estancia. Tan tímida e candorosa lle parecía, que acendía aínda máis a súa paixón. Desexoso, achegouse para axudala cando, de súpeto, a rapaza, ata de agora recatada, cun movemento rápido, sacou un látigo de entre as roupas e deulle con el ó conde con tanta forza que o esbarrigou no chan.
―Non era quen ti pensabas ―díxolle, poñéndose a cabalo del coas mans apertando as gorxas do conde―. Non des a alarma, senón mátote aquí mesmo. Perdóoche a vida se me prometes non volver a abusar así de ningunha noiva.
Prometeullo Rodrigo e marchou o mozo, disfrazado de muller, pasando diante da mirada burleira dos gardas sen que ninguén se dera conta do engano. Din que tan avergoñado quedou Rodrigo, e tan impresionado pola valentía e o amor do noivo que, contra o que soe suceder, cumpriu a palabra, non volvendo nunca reclamar o "dereito de pernada". E din que aquelo quedou en segredo; só os fillos daqueles mozos recén casados recolleron a historia e a foron transmitindo de xeración en xeración ós seus descendentes, algúns dos cales, aínda hoxe, viven en Canaval.

[Recreación de Alfonso Campos Pérez, de Proendos, Sober (Lugo). Recollida de Carme do Vidal (17-X-2006), de Camporrairo, Canaval. Marzo de 2010]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: