Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

Silvanus, o deus dos bosques

Espertou moi canso o Xoán Caran dun dos seus soños astrais; coma ben sabedes nun soño astral un sae do seu corpo e, é quén de viaxar ó pasado, ó futuro, ou a calquera galaxia, ou a calquera planeta deserto ou habitado; e tamén pódese falar con calquera persoa morta ou viva; que segundo di o Xoán, habitan en forma de ente enerxético noutro espazo, conservando a súa aparenza física ca aquela que estiveron máis guapos en vida.
Pois ben, o Xoán dista volta ordenou de viaxar ó pasado da aldea dun coñecido seu, o senlleiro Brais do Candais que, andaba moi preocupado por unhas pequenas pedras que aparecían na súa carballeira; estes croios graníticos adoitaban estar moitos deles cicelados por unha cara, unhos tiñan facianas humanas, outros figuras de animais, outros de aves; estas pedras a maioría eran do tamaño da palma da mau, pero outras eran máis grandes, e podían atoparse nas paredes dos peches das leiras, e mesmo na parede da súa propia casa, tanto por drento coma por fora aparecían as devanditas figuras. Tamén, sacáballe o sono o seu paisano outro enigma; coma era que as terras de varios pobos do Corgo, tivesen pechados os seus leiros con paredes de cachote granítico formando polo regular, a unión de todos eles un grande rosetón, coma se cada leiro fose unha folla dunha margarida, semellando un sol celta, ou un rosetón dunha catedral. Asemade, andaba preocupado o Brais do Candais por outra incógnita; unha pedra granítica alongada tipo chanto, cun burato ovalado nunha das súas caras.
E tod-êste misterio dáballe moito que cavilar o patrón dista propiedade, coñecida pola casa do Candais, no Monte da Silva, aló nunha pequena parroquia do concello do Corgo, arrodeada por montes, penas broulleiras, carballeiras, e tréfegos prados regados polo río Candaira. Tamén hai moi perto do caseirío dúas penas redondechas moi grandes, mesmo semellan dous bolos de pan, poderán ter máis de dous metros de outo e o pé dunhos quince metros de perímetro cada unha, no meio de ámbalas dúas hai catro carballos; e segundo contoulle o Brais que, viña sendo un dos donos da facenda, parece xa que seu pai aquelas penas tíñaas por meigas; porque nunha certa ocasión un veciño pedíralle pedra pra facer un alboio, e aquelas dúas rochas graníticas eran o tal pra obriña, xa que estábanlle estorbando no meio da leira; por certo, un pouquiño costaneira pre polo demais moi boa, sendo nesa terra onde botaba o trigo, e despois os nabos. Tal foi a cousa que, agarraron de picos, cuñas, e marras pra esnaquizar as penas, pre en canto comezaron a partir nelas escomenzaron a sentir unha pavoría por tod-ô corpo que deixábaos sen forza ningunha, e non foron quen de sacarlles un só anaco. En vista disto, fóronse pra casa cunha grande temerona, e fixeron xuramento de que nunca máis voltarían tocarlles as boas das rochas, dicindo: ¡-Se Deus as fixo esí, e as puxo equí, por algo será.-! Dende aquel día, correuse por tod-â rodeada o conto dos esféricos pedrolos; unhos dicían que as penas do Candais eran meigas, outros que serían sagradas, tal e que sei eu...e utro retal.
O caso é, co Xoán Caran enterouse de todo no seu soño astral. E vóullelo contar deseguidiño, segundo oínllo eu:
—¡Con istes ollos vino todo meu neno, o mesmo que te vexo e ti agora. Vin os homes do paleolítitico nados facería purehí unhos 25.000 anos antes de Cristo, pintando animais nas súas covas, e facendo figuras de barro. Vinos gravando con ósos afilados, e logo coloreando con sangue centos e miles de plaquetas; sí, unhas pedras pequeneiras nas que pintaban caras humanas, e tamén ós animás que vían por elí. Olleinos facendo pindiricos e colares con ósos, con dentes, e con cunchas do río. Vinos facendo puntas de lanza, unhas de óso, e outras de pedra sílex, vinos facer mocas de madeira; vinos cazar, comer, e reproducirse.
Vin despois máis pra có, aqueles homes do neolítico nados habería unhos 2.500 anos antes quê Xesús; vinos facendo diversos megálitos polos montes do Corgo, polo visto pra facer as súas cámaras funerarias, e máis outros ritos do enterramento; eran unhos pedrolos moi grandes chantados de pé, e cubertos por outros linteis tamén moi grandes e despois tellados con terra; que logo, ó longo do tempo fóronse cubrindo todos de maleza; isto sería asemade, o que hoxe chamamos as medorras. Estes homes xa tiñan as súas crenzas, e cando viñan por esta zoa de caza sempre paraban ó carón destas penas, andaban orredor, cofábanse êlas, arrimaban as lanzas e mailas mocas o seu pé; logo baixaban lavar as maus e maila cara ó río Candaira, collían un coio de por elí, ollaban pra él, e despois tirábano na carballeira, e proseguían a andaina. -Isto era onde está hoxe o muíño-. O caso é, c-aqueles homes do neolítico xa chamáballes moito a atención este lar vindo êl con moita frecuencia, e facendo sempre o mesmo.
Máis pra có, orredor duns 400 anos antes do Xesucristo estiven tamén cos celtas; vinos xa máis organizados; e falei cunhos que fixeron un castro moi preto d-equí; aínda ben pode verse o hoxe a súa forma. E sorprendéronme moito, porque seguían facendo case os mesmos ritos cos do neolítico. Pro neste período xa me fun enterando d-algo máis, porque estiven conversando cun xefe druida; preguntándolle primeiriño de todo por aquel chanto cun burato ovaloide. Díxome qué podería ser o couzón dunha cancela, ou sexa, a pedra que se pon no chan pra introducir o eixo dunha porta ou dunha cancela pra que ésta faga o xiro de abrir e pechar. Asemade, pregunteille porque facían aqueles ritos coas pedras; e respostoume qué cando algunha parella quería ter un fillo, polo menos elí, era tradición pasar primeiro as almas dos mortos pras dos vivos; as voltas que daban orredor das dúas penas eran pra poder entrar en contacto cos seus deuses; llas pedras que collían da carón do río, e logo tiraban na carballeira eran pra acadar ese anceio; polo visto, grazas a maxia dos seus deuses aquilo daba resultado. Se as pedras debuxaban rostros humanos na súa superficie era entón cando os desexos estaban concedidos; ou sexa, ca alma do morto xa trafegaba pra do recén nado; e cando a pedra reflectía algún animal, ou ave, era cando o desexo non estaba acadado; entón, os parentes dos falecidos deberían tirar outra pedra pasado un tempo se querían acadar o desexo da transfusión da ialma; xa que se non conseguían traspoñer a alma pensaban que o neno non ía ser ben listo, ou mesmo traer algunha tara. As pedras había que tiralas sempre na carballeira, porque os carballos eran as árbores máis altas de tódalas árbores, e axudaban a que a ialma pasase do ar a terra e esí entrase mellor no feto. Se cadra, por tal devoución entre outras cousas, os carballos eran sagrados pros celtas, e tamén pros románs.
Despois vin coma chegaron os con quistadores romanos a estas terras do Corgo; e cando ollaron este grande bosque que abarcaba parte do que hoxe é: Baleira, Baralla, Castroverde, O Corgo, Lugo, Guntín, Friol, outeiro de Rei, Castro de Rei, O Páramo, e, Portomarín, digamos, legua arriba ou abaixo; decidiron poñerlle por nome, Mont Silvanus. Silvanus na súa mitoloxía era o Deus dos campos sen cultivar e das selvas; tamén era protector do gando e dos rabaños. Parece ser que Silvanus representábase moitas veces en forma de animal, lleles sabíano recoñecer, porque cando era o propio Deus Silvanus o animal fitaba mirando un bocadiño pra eles fixamente; - ¡diso dou eu boa fe, xa que aínda segue pasando hoxe; algunhas veces un corzo, un xabaril, ou unha lebre, olla pra un quedamente sen espantarse nada, e de seguro qu-ese animal é o mesmiño Deus Silvanus.-!
Monte da Silva aínda é o topónimo que hoxe conserva este pobo do Corgo; e mesmo pasa tamén con Lucus Augusti, levando aínda na atualidá case o mesmo nome, anque algo derivado pola evoloución das linguas ata ir quedando en Lugo; digamos que en latín sería logo bosque de Augusto, ou asemade, bosque do emperador.
Vin coma este castro foi conquistado doadamente polos romanos; e mesmo ollei as súas xentes suando a gota gorda traballando na costrución da muralla de Lugo. Vin tamén, os primeiros colonos saír das citanias, e formar novos pobos aló onde había boas terras; polo xeral en amplos vales, máis ben preto dos ríos, dos regatos, ou das fontes. Estes novos labregos repartían as terras entre as familias cos integraban; e coma case sempre xurdían conflitos, porque unhos eidos eran mellores ca outros, e xa que logo, darían tamén mellores cultivos; pero cavilando atoparon unha solución pacífica e equitativa: e ocorréuselles a idea de dividir as leiras de xeito que cada colono levase terra boa, regular e mala; por iso, fixeron os leiros en forma de folla de margarida, levando deste xeito cada casa a mesma proporción das distintas calidades do terreo. Ollei coma despois da repartición pechaban afotados os seus leiros con cachote granítico moi abondante na zoa.
Máis tarde vin coma comezaba a decadencia dos romanos ó chegar os suevos; lla destes cando viñeron os visigodos; lla destoutros cando chegaron os árabes. E esí sucesivamente case sen pousa ningunha; entre conquistadores e conquistados, guerriñas locais, guerras mundiais, e guerras civís, foron avanzando os milenios, os séculos, llos anos ata os nosos días; ¡-e paz teñamos de quí pra diante, meu neno.-!
Pre Monte da Silva foi aturando todo: conservando as penas meigas, os petroglifos, as plaquetas traballadas, algúns dolmens, algunhos castros, algunhos couzóns, algún miliario, e algún busto de guerreiro romano, algunhos tramos da calzada romana; e outras moitas pezas arqueolóxicas ca índa estarán por descobrir. Monte da Silva foi tamén pasando ó longo da hestoria dos ritos paganos os relixiosos; tal é esí, que aínda a día de hoxe hai quen ten esta imaxinativa e fermosa tese:
-As dúas penas con xeito testicular e falo intermedio formado por carballos que reverdean no maio, dóuranse no outono, e fican cincentos no inverno, seica foron en tempos ritos xentiles pra potenciar a fertilidade. A onde virían as mulleres pra conquerir fecundar, darían catro voltas orredor de cada pena, facendo unha paradiña de cada vez pra cofaren a vulva; ó remataren daríanlle un bico a cada carballo; e logo baixarían ó río Candaira collerían unha pedra e tiraríana na carballeira, e pedirían o desexo de quedaren preñadas; se saíse cara humán desexo concedido, e se saíse efixie animal ou de ave terían que voltar outro día. Pero so home fose infértil o conto xa cambeaba; tería que dar voltas a carón das dúas penas colloeiras pra entrar en situación, e logo meterse na caroca dun vello castiñeiro e regala co esperma; pensábase que deste xeito o seu seme ficaría purificado; asemade logo, tamén tirala pedra na carballeira.
Os vellos castiñeiros das carocas nas que metíanse os homes xa foron caendo case todos; pre en proba de todo disto, hoxe aínda podemos ver por elí algún policentenario castiñeiro agromando fillos, netos e bisnetos. As dúas penas testiculares elí están cos carballos fálicos no meio. E as plaquetas, ou pedras con gravados, hainas a centos na carballeira.
Segundo o maxín deste humilde relator; a estas penas viñeron senlleiras personaxes pedir fertilidade, seica viñeron: reis, marqueses e condes; servos, escudeiros e vasallos; músicos, escritores, e poetas; curas, e ex-curas; políticos, e expolíticos; e tamén parece ser, que por elí pasaron ex-monxas, putas, e ex-putas.
—¡Moitas e das veces meus neniños, as crenzas, os ritos, llas tradicións parece que dan bo resultado; pro se alguén quere sabelo non ten máis que ir as Penas Colloeiras do Monte da Silva pra in situ comprobalo.-!


[Recreación de Antón Cando basada na tradición oral das Penas Colloeiras e do muíño de Monte da Silva, O Corgo (Lugo)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: