VALCÁRCEL GIL, Xurxo L.: A Noite do Apalpador
Esta noite feiticeira,
loguiño de te durmir,
entre a neve silandeira
o apalpador ha de vir.
Baixará dende a Rogueira,
devesa moi misteriosa,
onde habitan a bidueira
e a faia máis preciosa.
Por Campelo pasará,
por Mostaz e por Moreda,
en Esperante estará,
e tamén irá a Noceda.
Por Pacios, por Mercurín,
Por Folgoso e a Seara...
como non, Ferramulín,
igual verá a súa cara.
Cubrirao a nevarada,
a boina branca terá,
e a toda casa abrigada
a sorpresa levará.
O carboeiro impoñente
moitos traballiños ten,
palpar barrigas da xente
e facer carbón moi ben.
Os rueiros serán seus
na xeada escuridade,
entrará en casa dos teus
coa súa inmensa bondade.
Irá polo corredor
sen facer ningún ruído,
retirará o cobertor
por ver quen está durmido.
Sexas neno ou rapariga,
durante a noite cumprida,
tocarache na barriga
e verá que está mantida.
E con agarimo fondo,
dende o seu corazón puro,
pedirá falar dondo
que non teñas porvir duro.
E ó acordares co abrente
sentirás un arrecendo,
de castañas, seu presente,
que poderás ir comendo.
Non busques logo a compaña
de quen che quere mantenza,
pois xa estará na montaña
na cabana da fervenza.
Sempre alí con Novoneyra,
o cantor dos tesos cumes,
sentados xunto á lareira
quecendo con moi bos lumes.
+ sobre o Apalpador/ Apalpadoira: Apalpador, Apalpador (poema), Apalpador (apuntamentos), Pandigueiro, Apalpadoira, Apalpador (novo testemuño).