Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

CATEGORÍAS RELACIONADAS

PIÑEIRO, Francisco: Conxuro

C armina vel , esconxuro ou fórmula máxica para arredar maleficios e todo aquilo que poida producir danos psíquicos ou físicos, segundo se fai constar no sétimo libro da Sabedoría Popular das Terras Realengas:

… “estes benéficos poderes procedentes dos espíritos ancestrais que barbullan nesta Fonte do Rei, entre as tebras do Padornelo, entregámoschos a ti, segundo fillo de Rosalía de Castro do Realengo, para que os gardes celosamente en segredo coa obriga de que envolvas en grolos de lume os seus máxicos efluvios cos que agasallarás a tódalas personas de limpo corazón nas que prenderá para sempre esta semente de irmandade...

CONXURO QUEIMADA C ARMINA VEL

Serpes, diaños, meigas e tangaraños. Trasnos e demachiños. Santa Compaña que nos vivos apaña polas encrucilladas dos sete camiños. Aires de lurpia.Pelos de meiga. Sumicios. Escoleres. Homes das bubas que quentes andades detrás das mulleres. Arrenégovos á feito. Ides arder nas chamas deste lume cos Tardos que sentan nos peitos para rirse da xente mentres se durme.

¡Lume! ¡Lume! Auga con lume. Doas de buxo. Loureiro e fume. Meigas marondas, barrigas de trapo, aleitadas con cuspe de sapo nunha seda de arañeira. Ladroas de mozos que andades á xaneira coas pernas recachadas no bico dos toxos e nos marcos das leiras.

Íncubos e súcubos. Cucos das camas alleas. Zánganos. Fillos do meigallo. Larada de cornudos xogando ó rebomballo.

¡Arrenégovos a todos! Ides arder neste pote de Queimada xunto co RamoCativo, mal dos tolos que entra no corpo dos vivos cando non témo-la boca pechada.
¡Lume! ¡Lume! ¡Lúme de auga! Corno de alicornio. Pau de avelaira!

Lavandeiras malditas dos lenzos retortos. Xacios dos pozos. Ladrares dos orcos. Ananos. Xigantes. Nubeiros e Tronantes. Castrón Lambirón imán das catástrofes. Saíde das mámoas, furnas e penedos. Á carón deste lume non vos temos medo.Mirade como arde a auga dos sete gurgulliños , a purificadora dos home mulleres e meniños.

¡Lume! ¡Lume! ¡Lume contra tódolos males! O lume da auga sementa a igualdade, sementa a xustiza na sociedade.

¡Agora, agora! Botade todos a camisa de fóra para axudarlle a augardente deste pote a invoca-los atavíos da sorte. Berrade comigo, berrade moi forte: Figas e allos contra os meigallos; Pedra do raio, sae do carballo; pluma de carrizo contra o feitizo; Dente de xabarín, leva a envexa lonxe de min; Ferradura de cabalo, tráeme o bon e leva malo. Ollo de boi vidal, líbranos de todo mal.
¡Shhh! ¡Calade, calade, para que durma o lume e o mal se apague. “Carmina vel , versus Lucifer”.
Ó brindaredes con esta augardente quedaredes purificados para sempre.Polo poder das vosas forzas ben conxuntadas , símbolo da unidade humana , que vos dea Paz e Saúde esta máxica Queimada”

Orixinal de Francisco Piñeiro


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: