ÁREA RE-CREATIVA
FERRER MOREIRA, A.: As orixes de Galicia
Debuxos de Faustino Ucha Alvariñas
A CREACIÓN DAS RÍAS E DAS ILLAS DE GALICIA
Como ben saben algúns, e outros poden imaxinar, Galiza foi antes de que se fixera o mundo o Paraíso. Aquí, Deus, no sétimo día -despois do arduo traballo- sentou para contemplalo. Ó pousar unha das mans marcou o que hoxe son as cinco grandes rías galegas. A outra man pousouna na auga, e cun dos dedos marcou nas profundidades a falla onde hoxe se atopa o monstro do Prestige.
Non lle dera tempo a contemplalo todo porque lle molestaba un pouco o barro e a lama que lle quedara na man. Ergueuse e sacudiu a man, facendo deste xeito tódalas fermosas illas que temos na costa.
A FUNDACIÓN DE NOIA E OS XIGANTES
Máis adiante, na época de Noé, a pomba que atopou terra despois do diluvio, albiscou primeiramente as grandes carballas, os bidueiros e ameneiros, as faias, as concheiras..., todas gardadas polos mouros xigantes que soportaron os temporais e treboadas do diluvio. Pouco despois de atracar nunha das rías, fundou a cidade de Noia na comarca do Barbanza. Co tempo, os descendentes foron espallándose por outras terras, entre eles Céltigo, neto de Brigo (irmán de Noé) por Fisterra, Cessair marcharía para Irlanda, Leucoiña, convertida en serea quedaría en Thalavo e namoraría máis tarde a Teucro, terminando este por suicidarse nas augas de Ons, preto do Burato do Inferno; e así outros polo mundo adiante. Eles foron os primeiros conquistadores despois do diluvio.
Algún estarase a preguntar como é posible que estiveran os xigantes gardando as árbores, e os montes, e as covas ... Pois disto ben saben as xentes galegas, i en xeral todo o mundo celta, que hai outros seres que viven nos dous mundos, o de aquí e o de alá, e que fan cousas que non che son -por veces- boas de entender. Cando queren escóndense, desaparecen, e cando lles peta ou ... os chaman, aparecen. Disto saben moito os druídas, as nosas meigas, os menciñeiros, os compostores, e mesmo moita xente que máis dunha vez conseguiu velos, e mesmo falar con eles.
SANTO ERO DE ARMENTEIRA E O PAXARO
Unha das historias que imos contar semella unha situación parecida -polo do éxtase da felicidade- á do Santo Ero de Armenteira, que estivo vendo o Paraíso (1150-1350) escoitando cantar un paxaro ó lado dunha fonte, como ben nos conta o rei Alfonso X "O Sabio" na cantiga 103 a Santa María .
Cando lle preguntamos a alguén que paxaro puído ser o de tan doce canto, moitos din que seguro que foi un paifoco, pero non só polo canto, senón porque saben que é un paxaro de bo agoiro. Este, xunto coa lavandeira e a andoriña, foron os que axudaron a Xesucristo a sacarlle as espiñas cando estaba na Cruz. Tamén se di, que nos tempos en que os animais falaban , o paifoco, entre outros nomes, tamén chamado paporroibo, foi o encargado de ir busca-lo lume ata o Sol. Conseguiuno pero quedoulle un pouco chamuscado o papo.
SAN BARANDÁN E A ILLA-BALEA
Mentres o noso Santo gozaba coa comentada melodía, xentes de outras terras, uns con boa e outros con mala fe, querían coñecer ou conquistar as nosas costas . Un deles, San Barandán ou San Brandán, prior de máis de tres mil monxes, das terras de Irlanda, veuse un día envolto nunha nubeira viaxando nun dos seus barcos, e arrastrado polos ventos foi parar preto dunha das nosas illas. Como inda non tocaba terra, unha balea protexida polos mouros deulle un pulo e arrastrouno dentro da ría . Ó achegarse tanto a costa a balea quedou varada en non puído saír. O Santo salvouse, e sentíuse tan agradecido que implorou durante noventa días ós deuses pola balea, conseguindo, deste xeito, que inda hoxe se poida ver a "Balea Varada" (Illa de Tambo) dentro da ría de Pontevedra, no mesmo sitio onde quedara encallada.
San Brandán, ó igual que Santo Ero, quedou prendido destas terras, e contan que viu a luz da felicidade, outros din que a intensa luz foi o resplandor que fixeron as Xacias e as Mouras cando sacaron o ouro para darlle a benvida o Santo, pois había tempo que non viran ningún barco polas costas. Outros din que foron os Carbuncos -coas súas pedras preciosas na fronte- que provocaron lóstregos envelenados e cegadores para asusta-lo Santo e marchara axiña, ou mesmo matalo, pero Balán -rei dous mouros- dende o seu castelo no monte Siradella -no Grove- antepuxo os seus poderes para que todo quedara nunha luz cegadora pero non asasina.
O Santo, despois dun tempo, quixo volver a súa terra e contarlles a todos o que acababa de descubrir, levándolles a Luz que lle dera a el a felicidade. Botouse ó mar despois de recompoñer o súa dorna de coiro. Quixo recordar ben o sitio e xirou a cabeza, vendo sen querer unha luz na furna do Burato do Inferno na Illa de Ons, onde se atopaba o Boi de Ouro , encarnizando ó demo e gardando a porta. Nese momento outro Nuboeiro envolveu o barco e non puído ver nada ata chegar mar a dentro, xa moi lonxe das nosas costas.
O Santo pasou o resto da súa vida intentando volver a facer aquela travesía e compartir aquela felicidade cos seus, pero o Boi de Ouro xa avisara a tódalas forzas do mal : os congros, os sapos, os mouchos, as serpes, as pegas, os corvos,... para , entre todos, poder impedir a volta do Santo. Temos que recordar que as grandes portas do outro mundo, entre as que están a de Santo Andrés de Teixido, a de Muxía e a de Ons están perfectamente comunicadas. A pesar da gran devoción do Santo, nas seguintes travesías non conseguiu alcanzar as costas galegas, sempre atopaba tempestades na costa que o facían retroceder. Deu moitas voltas pero o único que conseguiu foi descubrir outras terras, entre elas a costa americana. Moitos son os que din que foi o primeiro europeo que pisou esas terras.
DRAKE E A ILLA DE TAMBO
Outro dos homes, de non tan boa fe, foi o famoso capitán Drake, que destruíu todo canto se tiña feito nas illas. Na de Tanavo -así se chamaba daquela- inda que non era moi grande, había unha pequena ermida feita polas xentes de San Fructuoso, casas, un precioso faro con escaleira de caracol, pecios e moitos tesouros.
No ano 1195, cando Santo Ero quedou prendido, a illa chamábase Thalavo, pasando despois a Tanavo, e cando espertou xa cambiara a Taambo (1495). Tanto cambio foi para confundir ós saqueadores que viñan buscando os tesouros. Entre estes tamén houbo algunhas princesas que viñan buscar os aneis feiticeiros e protectores das mouras . Outras querían só a herba namoradeira, ou a auga milagreira da fonte de San Miguel, ou os Toxos de Meigas que abundan na illa.
Hoxe atópanse no Museo de Pontevedra o anel das Illas Cies e o de Ons. Tamén, pero de bronce, está o anel da Lanzada.
Sobre os Toxos das Meigas tamén nos fala o Padre Sarmiento, nas súas viaxes, cando visitou a illa bordeándoa nunha barca, pois estaba prohibido entrar por ser recinto militar.
As illas que perderon o anel perderon parte da súa protección e por isto están expostas a moitas maldicións. A moitas delas, non fai pouco que lle aconteceu a maldición do Prestige.
CONXUROS CONTRA AS MALDICIÓNS
Para rematar estas historias, e desexándovos que teñades sorte se facedes algún, cóntovos que existen conxuros para desfacer estas maldicións, hainas que consultar no Ciprianillo ou ben escoller algúns destes tres que eu propoño:
1º.- Coller un congro ou outro animal maldito, e bendicilo o día do Samain nunha das covas das illas atlánticas (por exemplo no Burato do Inferno , na Cova dos Farallóns, na Cova das Pombas...). No Samain ( un de novembro) o demo pode saír de moitas formas, pero o igual que a Santísima Trinidad, se capturamos un dos animais que o representan, acabaremos coa maldición.
2º.- Recitar nove veces, despois de ver no mesmo día o Arco da Vella (polo día) e o Arco da Lúa ou do Trono (pola noite) na Lanzada, as seguintes frases: "Arco da Lúa, Arco do Trono, non deixes caer máis pestes, que agora son o teu dono".
Ten que ser na Lanzada ou en calquera sitio onde se vexa a illa de Ons, pois esta é unha das que ten unha entrada principal do Outromundo .
Segundo Frei Manuel tamén pode ser na Balea Varada, pois noutro tempo esta illa foi templo de Neptuno. Se se fixera aquí, tería que ser na Cova das Pombas, e teriamos que conseguir que durante o conxuro un pomba levara unha folla ou unha rama de oliveira.
Contan que é fácil ver o Arco da Lúa na Lanzada, pois atopouse unha necrópole nesta zona e a Santa Compaña vai decote alí para transportar a xente ata o Burato do Inferno a través do Arco, pois non lle gusta molla-los pes.
De todos xeitos, está máis preto "Balea Varada", pois mesmo podemos estar tomando un café en Combarro mentres esperamos ver, sobre todo , o difícil Arco da Lúa. Mellor que o café, pode axudar mellor a velo unha boa infusión de ruda.
3º.- O terceiro e último é o máis fácil. Trátase de facer unha apócema coas herbas que o Padre Sarmiento viu na illa , sacándolle o zume e tendo que quedar coma a augardente,. Primeiramente teredes que saber como son, daravos un pouco de traballo, pero tedes sorte de ter información en moitos sitios. Logo igual teredes que esperar a que vos deixen entrar na illa, pois pódevos pasar o que lle pasou ó noso frei. Despois teredes que levar unha pota grande para mesturar os elementos e rematar bebendo e repetindo tres veces o mesmo tempo o conxuro que temos na Galiza para espantar as meigas, o meigallo e tódalas maldicións.. É típico cando facemos a queimada. Sóavos? A derradeira condición é a ter que levar unha ducia de amigos e facelo o día do Samain. Pódese levar tamén unhas boas botellas de viño de Barrantes
Se decidides facer o terceiro conxuro, aquí tedes as plantas que viu o Padre Sarmiento e o conxuro. Plantas: herba da becerra, perexil do mar, toxos de meigas, cebola do mar, fiúncho bravo, fabas bravías, trobisco, espora de cabaleiro amarelo, cardos, borrallas bravías, pimpinela, trobisco, carnabazas, chicorias silvestres, codesos, e malvas entre outras.
Conxuro: "Mouchos, curuxas, sapos e bruxas. Demos, trasgos e diaños, espíritos das nevadas veigas. Corvos, píntegas e meigas, feitizos das menciñeiras. Pobres cañotas furadas, fogar dos vermes e alimañas. Lume das Santas Compañas, mal de ollo, negros meigallos, cheiro dos mortos, tronos e raios. Ouveo do can, pregón da morte; fociño do sátiro e pé de coello. Pecadora lingua da mala muller casada cun home vello. Averno de Satán e Belcebú, lume dos cadáveres ardentes, corpos mutilados dos indecentes, peidos dos infernais cus, muxido da mar embravecida. Barriga inútil da muller solteira, falar dos gatos que andan a xaneira, guedella porca da cabra mal parida. Con este fol levantarei as chamas deste lume que asemella ó do inferno, e fuxirán as bruxas a cabalo das súas vasoiras, índose bañar a praia das areas gordas. ¡Oíde, oíde! Os ruxidos que dan as que non poden deixar de queimarse no augardente quedando así purificadas. E cando este beberaxe baixe polas nosas gorxas, quedaremo s ceibes dos males da nosa alma e de todo enmeigamento. Forzas do ar, terra, mar e lume, a vós fago esta chamada: se é verdade que tendes máis poder que a humana xente, aquí e agora, facede que os espíritos dos amigos que están fóra, participen con nós desta queimada.
Véxase o traballo escolar denomindado Balea Varada, fonte deste documento.
[Texto remitido por Antonio Ferrer Moreira, do CEIP Isidora Riestra, de Poio (Pontevedra)]
COMENTARIOS ENVIADOS
http://www.blogoteca.com/galefas/index.php?cod=108603
Dicir tamén que este mestre agora está no CEIP Campolongo de Pontevedra, xa non está no anterior de Poio.
Axiña animará os seus alumnos para facerse colaboradores de Galicia Encantada. Pois estamos imos traballar todos os anos o río Gafos:
http://www.blogoteca.com/galefas/index.php?cat=12526
Aquí xa hai un conto recén creado que estou a espera de que un compañeiro lle faga os debuxos para enviárvolo tamén a vós:
http://www.blogoteca.com/galefas/index.php?cod=109089
Un saúdo
Os coñecidos murcegos dise deles que cando chega a noite adoitan converterse en vampiros así cos seus dentes afiados chupar o sangue.