Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xogos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Il gioco della pignatta

O etnógrafo Xesús Taboada Chivite publicou hai xa ben anos un artigo moi ben documentado sobre o xogo das olas en Galicia no que describe con detalle o que se sabía da historia e da xa entón escasa relevancia deste entretemento. Practicábase, sobre todo, nalgúns días do ciclo entroideiro (domingos Oleiro, Cacheleiro e Corredoiro, Xoves de Comadres, Sábado e Domingo de Piñata) e tamén nalgúns lugares o Domingo de Pascua de Resurrección.

As denominacións variaban dunha a outra parte de Galicia: Xogo das olas, Correr as olas, Cacheleiro (de cachela 'ola rota') e aínda, o termo máis estraño, Vasifragio. No pasatempo usábase como elemento básico unha ola, xeralmente deteriorada ou rota. En Portugal chámase Jogo da Pucarinha ou Pucarinho, da Caqueirada, do Cántaro, da Panela ou da Bilha.

O do Vasifragio explícano Francisco Javier Rodríguez e Marcial Valladares nos seus respectivos, e pioneiros, dicionarios bilingües. Era un xogo que practicaban en Santiago por Pascua de Resurrección usando olas e pucheiros vellos. Xogaban só as mozas (dúas, catro...) postas en roda e consistía en botárense unhas a outras os cacharros como se fosen unha pelota ata que, por descoido, caían ao chan e rompían.

A propósito disto lembramos que para o libro 'Memorias do San Froilán' recollemos o parecer de que a denominación Domingo das Mozas, día sinalado das festas maiores de Lugo, podía ter a orixe nun xogo de olas practicado exclusivamente polas mozas que asistían ás festas o domingo posterior ao día do patrón.

Taboada describe como xogaban homes e mulleres en Xinzo de Limia e noutras comarcas ourensás con olas cheas de plumas que se lanzaban, organizados en bandos ou non, uns a outros, Os que perdían, pagaban o viño. Outra variante deste xogo consistía en pousar no chan ou pendurar unha ola de cordas mentres un xogador armado cun pau e cos ollos tapados intenta atinarlle e rompela. Do que pode haber dentro da ola, comentamos máis adiante.

Un xogo similar combinado cun baile practicábase en Italia co nome de pignatta, e de Italia chegaron a España o nome, o xogo e baile asociados onde se acolleu con tanto entusiasmo que á fin de semana posterior ao Martes Gordo dicímoslle Sábado ou Domingo de Piñata.

A pignatta era, en orixe, unha ola pandada que ademais de servir para cociñar tamén se usaba para este divertimento. Dentro da pignatta, agora fabricada con cartón ou papel, pode haber doces, caramelos ou confeti que ao romper se libera para solaz da concorrencia.

No xogo das olas tradicional, en cambio, na variante de tentar rompela cos ollos vendados, a ola podería levar dentro fariña, auga, area, sarrio, serraduras, ferruxe, un galo, un gato, paxaros e ata ratos; en fin, toda unha alegría que lle cae enriba a quen a creba.

Antigamente, o Sábado e o Domingo chamados de Piñata non formaban parte do Entroido tradicional galego. Estas datas que o Entroido actual lle roubou á recatada Coresma fóronse incorporando desde o mundo urbano a partir de mediados do s. XIX, en memoria dos divertimentos de salón chegados de Italia ás grandes cidades españolas no s. XVIII.

Sexa como sexa; viva o Antroido!

© Antonio Reigosa

Artigo publicado en El Progreso, 24 de febreiro  de 2020


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: