DIDÁCTICA DA FANTASÍA
O CEIP de Cervo investiga e difunde o noso lendario co proxecto Erasmus 'Alén de Europa'
A biblioteca do CEIP de Cervo (Lugo) integrada no PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia), de xeito coordinado co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Coordinadora do Proxecto Erasmus, está a desenvolver o traballo documental previo á edición do CALENDARIO ANUAL sobre o PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO deste curso 2017-2018. Este ano a temática son as LENDAS ALÉN DE EUROPA, porque formamos parte dun Proxecto europeo ERASMUS, xunto con estes países: Rumanía, Portugal, Lituania, Grecia, Polonia e Turquía.
Cada clase do colexio, dende infantil ata primaria, elabora unha folla do calendario, de xeito que cada mes vai dedicado a unha lenda: As Covas do Rei Cintolo, o Apalpador, os Biosbardos, os Trasgos, As Lavandeiras, a Maruxaina... e outros moitos personaxes e seres míticos da nosa TRADICIÓN POPULAR GALEGA.
Previamente facemos un traballo de investigación e busca de información sobre estas lendas. Para documentarnos preguntamos ás persoas maiores do noso entorno, usamos os fondos da biblioteca e os recursos que atopamos nas webs, sobre todo a páxina de GALICIA ENCANTADA que coordina Antonio Reigosa.
O produto final será un CALENDARIO DE LENDAS que difundiremos entre a Comunidade Educativa do colexio e entre os países socios do Proxecto Erasmus.
Unha fermosa maneira de espallar a nosa cultura ALÉN DE EUROPA!!
CADERNOS DE TRABALLO
»Manfada e a Cova do Rei Cintolo
»A lavandeira das Penas da Salsa