nº 02 (2006).-VILLAR JANEIRO, Helena: Coutar o ano
Autora. VILLAR JANEIRO, Helena. Título: Coutar o ano. Revista de Investigación 2, 2006. ISSN 1887-2859 URL: http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=34&id=960 [Artigo publicado orixinalmente no xornal O Correo Galego de Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2001] ANÍMAME o antropólogo e amigo Xosé Manuel González Reboredo a que describa nunha das columniñas que comparto con vostedes un costume do que lle falei e que debeu existir polas miñas terras de Becerreá hai moitos anos. Eu tiven coñecemento del na miña infancia a través dalgunha simulación —xa moi lonxe da seriedade daquel vello ritual cargado de significados— que ás veces facía meu pai para reproducir o que aínda sucedía nunha casa do barrio de Letrún cada final de ano aló polo primeiro cuarto do século pasado. O señor Alexandro, un viúvo que tiña moitos fillos e fillas, organizaba tras da cea frugal do derradeiro día de decembro unha cerimonia dialogada a carón das táboas que tabicaban a parede do cuarto principal da súa casa. Tan importante cerimonia debía coincidir co cambio exacto de ano, o que non resultaba nada doado. Pola dificultade de precisar a cronometría naquela época —a medición do tempo no só carecía da exactitude que hoxe lle presta a elegancia do cuarzo, senón que se baseaba na presencia de luces, de sombras e de estrelas que ás veces nin se podían alusgar— todo aquel ritual tiña que durar bastante para que, en todo caso, quedase garantida a coincidencia con ese intre no que se saúdan e despiden os anos novo e vello. Só así surtiría o seu benéfico efecto. Colocado el dun lado do tabique e a prole do outro, o señor Alexandro constituíase en sacerdote conductor dunha ledaíña á que cumpría responder cunha seriedade da que a rapazada era bastante incapaz. Daquela, raro era que non houbese que interromper e volver atrás a execución da crenza ancestral que acabou arrasada por un vulgar engullido de doce uvas a toda présa dirixido a distancia. Como elemento auxiliar estaba a cota dunha ferramenta, case sempre a dun machado, para golpear nas táboas de castiñeiro antes de cada invocación. Tras cada golpe, o acto liberador da palabra máxica que comezaba cun "vou coutar o ano'', ó que debía responder o coro "vai coutar o ano''. Despois viña o recordo de todos os males posibles que, sen dúbida, terían acontecido con frecuencia a través dos trescentos e pico de días promovidos, daquela coma hoxe, pola mala xente. "Couto ós ladróns''. "Couta ós ladróns''. "Couto ós estafadores''. "Couta ós estafadores''. Non era doado. Nada levaba escrito, pero tampouco nada malo debía ser esquecido para que non se coase, envolto no imperdoable silencio, por esa regandixa imperceptible que se abría, e se abre, en cada cambio de futuro. _________________________________________________________________