REVISTA (ISSN 1887-2859)
nº 02 (2006).-RICO VEREA, Manuel: O cancioneiro galego de tradición oral infantil.
Autor: RICO VEREA, Manuel. Titulo: O poder educativo e emocional do cancioneiro galego de tradición oral infantil. Revista de Investigación 2, 2006. ISSN 1887-2859 URL: http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=34&id=476 [Traballo publicado anteriormente en: Visual 03, Excma. Deputación da Coruña, novembro de 2004] O cancioneiro de tradición oral infantil As composicións líricas infantís conforman un suxestivo capítulo dentro do corpus xeral do cancioneiro de tradición oral que se foi transmitindo dunha forma lúdica e recreadora boca a boca, de pais a fillos, de fillos a netos e, en xeral, dun ser querido ao neno ou nena nada no fogar tradicional. Os tipos de composicións desta parte do corpus xeral do cancioneiro son moi variadas: rimas e recitativos en xeral, trabalinguas, encadeados, diálogos, contos mínimos, mentiras, disparates e interrogantes para cantar, contar, saltar, sortear e xogar. O poder evocador destas pequenas composicións rítmico literarias, o seu valor pedagóxico actual e, sobre todo, o proceso recreador de tantos pais, avós e seres queridos, chama a atención de todo estudoso que se aproxima a este corpus. Eles, os creadores, sen seren ilustrados, de forma intuitiva, foron creando un corpus de material lírico musical que serviu e serve para o desenvolvemento de toda a educación psicomotriz espacial, temporal e sensorial dos nenos e nenas nos seus primeiros anos. Cada rima, recitativo ou canción reproduce unha estrutura rítmica e melódica e unha composición lírica que foi creada cunha finalidade concreta. No espazo lúdico de transmisión do ser querido e o neno ou nena, aprendíanse formas de ser, de estar e vivir nun mundo cultural propio; desenvolvíanse as súas capacidades psicomotrices; adquiríanse as ferramentas básicas para ser donos da palabra e transformaban este acto de transmisión lúdico afectivo nun forte vínculo de unión entre a infancia dos pais e dos fillos. Se houbo un tempo en que foi infravalorado este corpus lírico musical, na actualidade ningún pedagogo que realizara esta aproximación é descoñecedor da súa importancia para traballar a lingua, a psicomotricidade, o ritmo silábico e a interacción, ao fin, da lingua e da música. Investigadores, pedagogos e etnomusicólogos –Bartok, Schubart, Kodaly, Montesori, Orff, Dalcroze, Decroly, entre os máis recoñecidos- fixo posible a súa xusta valoración e a nova introdución como material pedagóxico na escola actual. Neste pequeno artigo só intentamos facer unha pequena aproximación a estas frases rimadas cantadas e decantadas pola memoria colectiva e que seguen tendo o valor lúdico e pedagóxico para o que foron creadas: desenvolver as capacidades lingüísticas, musicais, psicomotrices, auditivas, expresivas e creativas dos máis pequenos. Reescribimos dúas rimas que teñen por protagonista dous animais máxicos e que se canta con melodías de ámbito de cuarta: Xoaniña, voa, voa que che hei da pan de broa Xoaniña, voa, voa vai e tráeme algunha nova Xoaniña, voa, voa que teu pai vai en Lisboa. O feitizo deste insecto máxico é tal que o ser querido xogaba coa fantasía dos nenos e nenas –facendo cóxegas na palma da man imitaba o andar sensorial da xoaniña- ó mesmo tempo que recitaba ritmicamente a fórmula máxica. Donicela, bonitiña, garridiña e fermosiña; donicela, torresmeira, borrallenta, caldeirona; ¡malo raio que te coma! Este animal máxico, coñecido por outros nomes -denociña, doniña, dona das paredes e dos soutos- é un mamífero atractivo, lixeiro, esvelto e mirada expresiva que representa a dualidade do ben e do mal no mundo rural. Das partes do corpo hai moitos xogos iniciáticos: Catro azoutes no teu cu, este olliño pimpilín, este dedo é o mainiño ... e tantarantán. Tantarantán, tarantán, tarantiña o que non come non ten barriguiña; tantarantán, tarantán, tarantola o que non come non ten barrigola. Reproduce lingüisticamente o ritmo da muiñeira e executábano as nais realizando actividades psicomotrices<