REVISTA (ISSN 1887-2859)
nº 01 (2005).-EQUIPO CHAIRA: Unha polavila en Candelos
TÍTULO: Unha polavila en Candelos. Literatura popular do concello da Fonsagrada. [Traballo publicado no Boletín do Museo provincial de Lugo, Tomo X, Lugo 2002, páx. 137-176]
AUTORES:Equipo Chaira (Mª Ofelia Carnero Vázquez / Xoán Ramiro Cuba Rodríguez / Reigosa, Antonio / Mercedes Salvador Castañer).
"A Guillermo Fernández que estivo nesta polavila e deixounos para sempre na primavera do 2001. In memoriam".
Nas terras orientais de Galicia unha polavila foi e segue a ser unha reunión, normalmente nocturna, das xentes da veciñanza nunha casa do lugar. Antano, ó redor das lapas das lareiras, hogano, tras do lume das cociñas económicas, e había e hai un motivo para facela; a conversa, a parola, a partida de cartas, e, polo medio, cando tercia, algúns contos, coplas, historias e sucedidos doutros tempos. O día dez de decembro de 1999 houbo unha polavila en Candelos, casal da parroquia de Arroxo no concello da Fonsagrada (Lugo). Un amigo do Equipo Chaira, nacido no lindante lugar de Castro, Antonio Fernández, convocou para a ocasión a un grupo de veciños e citounos na casa de Manuel de Candelos para reunirse connosco, sabendo que a polavila dese día ía ser gravada polo Equipo Chaira e tamén por un equipo da Televisión de Galicia que estaba a realizar unha reportaxe sobre os nosos traballos de campo. Cando chegamos a Candelos, aquela noite pecha de néboa e chuvia, xa nos agardaban, á parte dos da casa, Manuel, Elsa, Azucena, Xosé e Vanesa, o veciño de Lamas de Moreira, Pacífico Díaz Pardo, Francisco Mon Anta, da Casa do Pacio, Gonzalo López Yáñez, e Guillermo Fernández, avó de Antonio Fernández, a muller deste, Fina, e os seus fillos, Iria e Iago. Coas dúas persoas do equipo da TVG e os catro membros do Equipo Chaira había alí representantes de catro xeracións de xentes do lugar e de fóra, xuntos nunha polavila, ó amor do lume e dun grande mesado; dezaoito persoas compartindo primeiro a cea: lacón asado, empanada de liscos, e de postre, castañas tamén asadas, mollado todo cun bo viño feito na casa. Logo varias horas de proveitosa e inesquecible conversa. A presencia das gravadoras, dos focos e das cámaras, que quizais comezou sendo causa de certo desasosego entre os presentes, acabou por esquecerse. Paseniño, coma nunha polavila noutras circunstancias, foron xurdindo contos, lendas, coplas, historias e adiviñas, baleiradas do fardelo da memoria dos, xa para sempre, nosos amigos da Fonsagrada. O que se publica neste traballo non é máis ca unha mostra daquela xuntanza. Textos minimante organizados en cinco apartados: Historia oral, lendas, contos, adiviñas e poesía. Ó pé de cada texto poñemos o nome e a idade da persoa que nolo aportou. As trascricións son fieis ás variantes dialectais propias daquela zona.
HISTORIA ORAL
“Cando se acabou a guerra” narra un suceso real da posguerra. Deixámolo aquí como mostra das posibilidades, aínda pouco exploradas, da fonte oral como documento para historiar a vida das xentes e dos lugares máis pequenos. Cando se acabou a guerra Cuando se terminou a guerra viñan vendendo aretes, cadenas e medallas, e chegou un señor moi fino, de corbata, un tío por aí de corenta anos. Vendía relojes, eso, vendía aretes, bueno, viña vendendo ...; era a terminación da guerra aí polo cuarenta e pico. E taba un tío deste (de Manuel) na miña casa, i un tío meu viña de fóra. I entre os dous, se un era bon o outro era pior. E entonces o tío deste estaba dentro da casa e petou á porta (o tío do narrador). E xa o conoceu na fala, e dixo:
—¡Ai, Dios, que vén aí o tolo! ¡Ai, Dios, que vén aí o tolo! –dice o tío deste.
Entra meu tío cunha escopeta, e dixo:
—¡Brazos arriba! Fai o tío deste:
—¡Ai, Dios, que lle roubou a escopeta ó irmao! ¡E vainos matar a todos! O señor aquel que tiña a maleta alí toda chea de cadenas e aretes, un tío ben ves
( ... seguir lendo)
(PDF) Unha polavila en Candelos. Literatura popular do concello da Fonsagrada