REVISTA (ISSN 1887-2859)
nº 08 (2012).-QUINTÍA PEREIRA, Rafa: A Penela das Augas Vertentes. Un muro de seixo nas Terras do Norte
©Rafa Quintía Pereira © Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 8, ano 2012. __________ Este artigo foi previamente publicado no xornal no blogue Á sombra de Bouza Panda __________ ©Fotografías do autor e de Miguel Losada. __________ Os afeccionados ós libros de George R. R. Martin ou á súa adaptación para televisión, a serie Xogo de Tronos, estarán familiarizados co famoso Muro de Xeo que separa e protexe Invernalia e o reino de Poñente das desoladas terras do afastado norte. Un muro protexido por unha orde de cabaleiros castos —a Garda da Noite— encargados de custodiar tan sinistra fronteira, e que viven acantonados nunhas torres e castelos dispersos ó longo do Muro. Pois ben, nas montañas de Galicia, en Terra de Trives —a nosa particular Invernalia— existe un muro similar, un muro non de xeo senón de seixo, que separa Lugo de Ourense. Un lugar esgrevio, duro e descoñecido ancorado ás beiras do Navea e cuberto dun manto de neve grande parte do inverno. Un deses lugares do noso país —Terra de Trives— aínda por descubrir e que agocha auténticos tesouros naturais, arqueolóxicos e etnográficos. O muro do que lles falo é a Penela das Augas Vertentes. O evocador nome, digno dunha saga de Tolkien, é unha inmensa formación natural de seixo branco que agroma do terreo conformado unha veta cuarcítica que, pola súa fasquía de auténtico balado, foi utilizada para marca-la divisoria administrativa entre as dúas provincias galegas. Cando hai uns meses inspeccionei o lugar, en compaña do compañeiro Miguel Losada e dos dous veciños da zona, puidemos comprobar que a escasos cen metros do muro existían as ruínas dunha estrutura circular de grosos muros. Unha construción que, segundo contan os veciños, tiña a forma dun muíño de vento, con altas paredes circulares das que aínda quedaba en pe unha boa parte. Restos da construción circular Por desgraza, cando chegamos alí o estado e conservación destes alicerces non era o mellor posible, pois en datas recentes, e por mor duns traballos de repoboación de piñeiros, pasáranlle por riba cunha máquina de cadeas, desfigurando a súa estrutura e destruíndo parte dos muros que, a tenor do testemuñado polos veciños, ata había ben pouco estaban aínda en pé. Tendo en conta que dende o alto deste monte se domina todo o corredor natural de acceso ó interior da provincia de Lugo, e o único paso natural que hai entre estas montañas, é posible baralla-la hipótese de que esta estrutura se correspondese a algunha fortaleza ou, máis ben, unha torre medieval erixida coa intención de vixiar e controla-lo paso entre estes territorios de Trives. Non por nada, na veciña Pena Folenche, ó outro lado do río Navea, existía unha torre ou castelo deste tipo. Alicerces da fortaleza de Pena Folenche Temos pois dúas pezas interesantes do que puido ser esta antiga fronteira interior. Pero vaiamos máis alá. Os mapas e as crónicas latinas da época romana indican que a fronteira imperial entre os conventos de Lucus Augusta e Bracara Augusta pasaba por estes cumios. É posible, xa que logo, especular coa posibilidade de que este muro de seixo, igual que hoxe marca a fronteira administrativa entre a provincia de Ourense e Lugo, no tempo da Gallaecia marcase a fronteira entre ámbolos dous conventos romanos. Quen sabe incluso, se a destruída estrutura circular ou as descoñecidas ruínas das casas circulares e estruturas rectangulares dos Casaróns, na veciña aldea do Seixo, terían algo que ver en toda esta historia e este “limes” provincial. Ruínas dos Casaróns É posible que as pedras espalladas pola zona garden a resposta a estas preguntas. Mesmo é posible que lle podamos preguntar a elas. Fagámolo exercicio coa Pena das Bragas. Conta a xente que na aldea de Eirexa vivía un crego que non lle tiña moito respecto ó voto de castidade. O cura —como di a canción— andaba a loitas cunha muller da aldea. Debido a que toda a zona de Eirexe, Teixeira, Bexe, as Cabanas estaba traballada con veigas de pan, a parella, na busca dun niño de amor discreto, adoitaba subir ó alto do monte e xunto á Pedra das Bragas daban renda solta á súa paixón. Seica a cousa era xa tan escandalosa que o bispado chamoulle a atención e ordenoulle que cesara na súa lasciva actividade carnal, seica a carta mandada polo bispo dicía algo así como que “ou vuelve el canario a la jaula o….”, podemos intuír que o final sería “aténgase a las consecuencias”. O crego non debeu facer caso e o malestar veciñal foi en aumento, incrementándose aínda máis cando o cura deixou preñada á súa amante. A carraxe e o descontento popular chegou ata tal punto que o cura apareceu un día morto na súa casa. Alguén, quizais deshonrado ou despechado, decidirá cortar polo san coa paixón do clérigo. Algúns contan que isto sucedeu en tempos de Franco, outros din que foi moito antes. Esta é a explicación popular do peculiar nome destes penedos que se atopan xunto á Penela das Augas Vertentes. Como o crego ía facelos seus traballos extraoficiais a carón daquela peneda o pobo púxello por nome a Pedra das Bragas, imaxinen vostedes por que. É posible que esa historia sexa a verdade que xustifica o nome dos penedos, pero tamén é posible que se trate dun exemplo máis de etimoloxía popular, é dicir, unha creación popular e imaxinativa para explicar un topónimo que non saben de onde ven. Falando disto co compañeiro João Bietes saltou outra posible explicación. E se as Pedras das Bragas non fan referencia ó apetito sexual do crego senón a antiga fronteira romana? E se en vez de Penas das Bragas fose Pena de Braga, de Bracara Augusta? Non dirán que non ten certa lóxica. Para enredar máis o tema, na faldra destes montes, e xa sobre as augas do Navea, existen uns farallóns naturais coñecidos como as Penas de Rome. Non direi máis, ata aquí chega a nosa capacidade especulativa ou imaxinación creativa, pero de Rome a Roma hai un paso. Penas de Rome Un paso como o que deu, segundo lenda estendida na comarca, o cabalo de Santiago dende a aldea de Mouruás ata a Pena Folenche, onde deixaría a pegada das súas ferraduras, e dende aquí ata a Pena de Santa Mariña e despois ata a Pedra do Zapato. Pena da Santa Mariña A Penela da Augas Vertentes e a Pena das Bragas non son os únicos penedos peculiares deste cumio fronteirizo. Nun mesmo radio de 200 metros do muro de seixo atopámo-la Penela da Aigue e a Pena do Almorzo. A Penela da Aigue (variante dialectal da zona para referirse á aguia) é o pousadoiro das aguias. Alí levan as súas presas, xeralmente pitas, para dar conta delas, alí repousan e collen folgos para emprender de novo o voo sobre as frondosas selvas da ribeira do Navea. Pola contra, a Penela do Almorzo era a pedra a cuxo abeiro almorzaban os pastores que frecuentaban estes duros cumios. Penela da Aigue A tradición oral fala, ademais, de que existen varios túneles ou covas dos mouros pola zona. Zona xa de antiga tradición mineira. Un deses túneles iría dende os Peites ata os Biocos, outro sairía dende a aldea das Cabanas, xunto ás antigas minas. Tamén se fala de que hai outro que vai de Castro de Cotarros a San Xoán do Barrio. Todo un marabilloso mundo soterrado baixo estes montes e, como poden ver, todo un universo mítico e histórico tecido ó redor destes descoñecidos cumios: os montes onde se ergue o Muro de Seixo. Se collen isto os guionistas americanos…