Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 07 (2011).-BLANCO PRADO, José Manuel: Algunhas consideracións sobre o Entroido na parroquia de Salcedo (A Pobra de Brollón)

©José Manuel Blanco Prado © Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 7, ano 2011. ( Artigo publicado en “Lucensia” (Biblioteca Seminario Diocesano de Lugo), nº 40, 2010 _________ O Entroido –segundo Marcial Gondar-[1] reflicte o triunfo do público sobre o privado, vivido dunha maneira igualitaria. Trátase dun tempo no que se vive nun continuo exceso de comida, de bebida, e de diversión. De aí que o ser humano por medio das súas accións proiecte ao exterior a súa animalidade. Sen embargo, estas accións propias dun tempo de festa lévanos a recoñecer como a moderación e a mesura son necesarias no comportamento cotiá. Esta festa abrangue un ciclo de 17 días que comenza dous domingos enantes do Entroido: Domingo Fareleiro, Xoves de Compadres, Domingo Corredoiro, Xoves de Comadres, Domingo, Lús e Martes de Entroido, e o Miércoles de Cinsa, en que ten lugar o Enterro da Sardiña [2] . Ven a sinalar o remate do inverno e o comezo da primaveira, e celébrase tódolos anos entre os meses de febreiro e marzo. A duración destas festas varía de forma anual, aínda que podemos considerar que os días fundamentais para conmemorar estas xornadas abranguen desde o sábado de Entroido ata o mércores de cinza. Salcedo é unha entidade de poboación, pertencente á parroquia de San Xoán de Salcedo, no concello da Pobra de Brollón, na provincia de Lugo. A efectos eclesiásticos pertence ao arciprestado de Santalla de Rei e a diócese de Lugo. Componse de 70 vivendas de xeito rústico con pequenas prazas e rúas sen simetría. Está situada a 576 m. de altitude nos contrafortes da serra de Courel. Segundo o IGE, no ano 2007, posuía unha poboación de 173 habitantes [3] . Dista 4,8 km. da capital do concello e 70 da cidade de Lugo. Esta freguesía foi sempre unha referencia importante no Val de Lemos e na Serra do Courel polo seu Entroido, que sempre foi organizado polos veciños da localidade, hoxe organizados nunha asociación da que forman parte non só os residentes de Salcedo senón tamén outros veciños da localidade, que viven noutras vilas, mais adoitan vir nalgunhas datas, case obrigadas, como a do Entroido. Dende hai algúns anos, as actividades do Entroido [4] están planificadas pola Asociación de veciños de Salcedo [5] , que nestas datas conta coa colaboración non só dos seus integrantes cotiáns, senón tamén coa doutros veciños que se afanan por fomentar o espírito lúdico do Entroido. As primeiras celebracións corresponden ao chamado “xoves de compadres”, que teñen lugar na segunda semana anterior ao Entroido; neste día as mulleres fan uns bonecos de palla ou cartón, que representan a una serie de homes da localidade e aos que tratan de vencer empregando o lume como medio básico do seu dominio. Sen dúbida, os homes tentarán, mediante todo xeito de enganos e artimañas, apoderarse dos bonecos para que non se cometa tal aldraxe. O xoves seguinte, celébrase o “xoves de comadres”, que vén ser a inversión do anterior. No ano dous mil cinco non houbo participación ningunha por parte dos homes. De tódolos xeitos námbolos dous casos o que se estaba a facer non era outra cousa máis que a representación simbólica dunha loita de sexos. Esta actividade segue latente, aínda que xa oficializada, noutros concellos da Terra de Lemos, como poden ser Bóveda, Monforte e Sober, por citar algúns. Antano, entrámbolos dous xoves celebrábase o “domingo corredoiro”, día no que os máis dos veciños da parroquia se perseguían botándose os uns ós outros diferentes sustancias coma o sarrio, que quedaba nas cociñas tradicionais galegas. No “domingo do Entroido” saen as madamas e os danzantes, en número que vai entre cinco a sete parellas. As madamas levan unha blusa e faldra branca, e van tocadas con sombreiros ornamentados con flores e cintas de papel, que recibían o nome de colonias; as súas caras ían cubertas por antifaces de diferente cromatismo. Os danzantes van vestidos cun traxe escuro, camisa branca, gravata negra, sombreiro e unha careta branca. Segundo algúns veciños, ámbolos dous persoaxes poderían simbolizar ás persoas ricas da localidade; por tal motivo non era estrano que, para representaren as súas vestimentas, houbese que ir, coa debida antelación, aos tendais dos ricos para collerlles as roupas axeitadas. Asemesmo, teñen como misión ir buscar, cos gaiteiros de Salcedo, ao morrión, é dicir as máscaras que, acompañadas por cativos, levan a cabo unha representación mímica nun local á xeito, sobre algún comportamento social ou evento, que tivera gran transcendencia na localidade. Así, por poñer un caso, hai algúns anos veu a Salcedo un home que, segundo comentaba, vendía lavadoras; andou por diferentes casas ofrecendo o producto cunhas importantes vantaxes económicas, de tal xeito que, aínda que non traía canda él ningún electrodoméstico e pedía un adianto económico antes de entregar o producto, días despois algúns veciños aceptaron a proposta de quen logo resultou ser un timador. Na localidade o caso foi moi comentado, o que motivou que no Entroido do ano seguinte fixérase unha parodia da estafa.. Por outra banda, antano fixéronse parodias sobre a guerra de Africa e a proclamación da República no lugar do Modillón, situado por riba do adro da igrexa parroquial [6] . Á noite, celébranse no local multiusos da localidade varias representacións teatrais dialogadas, que abranguen desde obras elaboradas por membros da localidade ata adaptacións realizadas ao galego de clásicos como Moliere ou Shakespeare. Cada función planifícase en diferentes obras: infantil, xuvenil e adulta, participando como actores diversos veciños, de diferentes idades, da localidade. No ano 2008 cumpriuse o cincuenta aniversario das representacións teatrais do Entroido. O concelleiro de Cultura de Salcedo, Javier González, mencionaba “ que el teatro es un nexo de unión en la localidade. Allí vivimos 70 vecinos, de los cuales 40 nos juntamos en las noches de invierno para escribir y representar estas pequeñas obras” [7] . Tanto neste ano como no seguinte – 2009- realizouse unha función teatral tanto o sábado como o domingo, na que se representaron sete obras. Houbo unha gran afluencia de público ata o punto de que o local fíxose pequeno para dar cabida á cantidade de persoas, que querían asistir. O luns de Entroido, antes da saída do oso, un pequeno grupo da localidade adícase a recitar unhas cantigas de cego, nas que se fai alusión a algúns eventos ocurridos na comunidade. Logo, sobre as cinco e trinta da tarde oénse voces, que anuncian a chegada do célebre plantígrado: ¡ Aí ven o oso! ¡ Aí ven o oso! . Polo cume dunha das rúas de Salcedo xorde un persoeiro enigmático, vestido con peles de ovella e unha caraúta, que asemella a un oso. Inicialmente era levado amarrado cunhas cadeas por un número variable de servos [8] para soltalo a continuación entre a veciñanza da localidade e demais asistentes. A aparición do oso, anunciada tamén polo repicar dunha campaiña, provoca continuas carreiras e gritos no público asistente, que alborotan a toda a localidade. “ La verdad es que da miedo, porque impone mucho respeto la figura y el ruído que hace al mover las campanillas” [9] . “ O oso impresiona, incluso ós que estamos afeitos a velo nos da medo…” [10] . O animal non respeta a ninguén ata o punto que irrumpe nos bares para acceder as súas presas. Nesta tarefa o oso conta coa importante colaboración dos seus servos, que suxetan ás victimas, para que logo poida tisnalas con “sarrio” [11] e, mesmo, tirar ao chan a máis dunha. “ Antano o oso envorcallábase nas pozas dos carreiros e logo cargaba contra os grupos de xente para mancharlles as roupas coa lama que tiña pegada ás pelicas” [12] . As continuas persecucións, que manteñen tanto o oso como os seus criados con respecto aos asistentes ao acto, continuan ata o anoitecer, momento no que o ritual festivo remata, debido preferentemente á fatiga, que amosan tanto o animal como os seus servos. No intre actual contamos con varias interpretacións sobre o oso de Salcedo, dadas por investigadores, que analizaron non só a este oso cercano á serra do Caurel, senón tamén a outros doutras vilas e cidades, pertencentes ao Estado español ou ben a outras nacións ou estados europeos [13] . O oso, segundo Felipe Castro [14] , podería estar relacionado coa chegada de grupos de zíngaros, que levaban atado un oso como atracción e que en máis dunha ocasión se lles escapaba alterando a actividade normal de calquera localidade. Tamén, a representación deste animal podería simbolizar o medo que os habitantes desta zona tiñan aos osos, que baixaban ás albarizas cercanas a Salcedo para se alimentar [15] . Asi mesmo, podemos encontrar simboloxías que relacionan a este plantigrado coa Lúa [16] . Nas sociedades antigas europeas asociábase aos osos cos seres do inframundo, xa que se creía que os seus espíritos vivían no interior da terra, e o oso no seu letargo invernal permanece nunha cova durante uns meses. Comentase que se o oso ao despertar sae da cova e o ve todo negro –periodo de lúa nova- remata o periodo invernal; mais se é lúa chea volverá a dormir corenta días máis. De aí que nos carnavais dalgunhas localidades españolas e europeas non é estrano ver como os mozos se tisnan de negro para que o oso o vexa todo negro [17] . Pola contra, en Salcedo, o individuo non se tisna a si mesmo, senón que é tisnado polo propio oso. Ademais, poderíamos considerar ao oso como un animal protector das aldeas, ao tempo que un ser temido e relacionado co alen. Neste sentido, é mester aludir a que Salcedo – segundo Mercedes Vázquez- atópase na ruta do oso. E, nesta, fálase da ursa de Seoane, que nun dos seus itinerarios pode que fora buscar a festa ao Entroido de Salcedo, e en vez de baile atopase cos oseiros do Caurel, como os denominou o decimonónico zoólogo López Seoane [18] . Por outra banda, o profesor Yvon Dupouy menciona que noutros lugares os criados relacionanse máis coa figura do cazador e defenden ás victimas, de tal xeito que non dubidan en matar ao oso [19] . Pola contra, en Salcedo o oso é unha importante entidade á que se lle rende veneración para que protexa á comunidade. Constitue un importante símbolo, que anuncia a primaveira e ao mesmo tempo mostrase benefactor da fertilidade, que ten lugar na mesma. Trátase dun oso que entra na localidade de Salcedo como rei da festa, que se vai celebrar, mais tamén marcha da mesma con ese status. Como remate ás interpretacións existentes sobre as diferentes representacións do oso en xeral, e do oso de Salcedo en particular, cómpre ter en conta a opinión do etnólogo francés Jean Dominique Lajoux [20] quen menciona “ que as mascaradas protagonizadas por osos son pervivencias lejanas de una religión de origen paleolítico, un antiguo culto al oso, que existió en todos los lugares donde viven o vivieron estos animales” [21] . Para finalizar este traballo convén facer alusión a que no ano 2008 o traxe e a máscara do oso de Salcedo pasou a formar parte da colección permanente do Museo Internacional do Carnaval e da Máscara, situado na localidade belga de Binche. Isto motivou que a Asociación de Veciños de Salcedo tivese que encargar novas peles para realizar de novo o traxe do oso e a súa máscara. Este feito, ao igual que certas expresións populares referentes ao oso, marcan –segundo González Reboredo- a identidade da comunidade e, por extensión, poden ser utilizados como elementos referenciais da identidade galega [22] . BIBLIOGRAFÍA SOBRE O ENTROIDO NA PROVINCIA DE LUGO ASOCIACIÓN CULTURAL “VAL DE FRANCOS”. Máis de media ducia de Escritores chairegos e o antroido, Lugo: Gráficas Lucenses, 1993. BLANCO PRADO, José Manuel.: “Exposición sobre o Entroido na provincia de Lugo”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo. Servicio de Publicacións da Deputación Provincial, 2005, paxs. 203-222. BLANCO PRADO, X.M. e GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. : “ O Entroido na Ribeira Sacra e en Salcedo. O volante, o peliqueiro e o oso”, en Tempos de Festa. T.I. Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2006, páxs.127-137. BLANCO PRADO, X.M. e PERNAS BERMÚDEZ, Carme.:Achegas históricas ao Antroido do Val de Francos (Castro de Rei) no século XXI. No prelo. CARO BAROJA, J.: El Carnaval, Madrid: Taurus, 1983. COCHO, Federico.: O Carnaval en Galicia, 2ª ed, Vigo: Xerais, 1992. GONDAR PORTASANY, Marcial.: “ As máscaras do Poder. A linguaxe do Carnaval”, en Crítica da Razón Galega. Entre o nós-mesmos e nós-outros. A Nosa Terra, Vigo, 1993, páxs. 161-166. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. e MARIÑO FERRO, X.R.: Entroido en Galicia. A Coruña: Deputación, 1985. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: Guía de festas populares de Galicia, Vigo: Galaxia, 1997. LISÓN TOLOSANA, C.: Antropología Cultural de Galicia, Madrid: Ed. Siglo XXI, 1971. LISÓN TOLOSANA, C.: Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega, Madrid: Akal, 1974. MARIÑO FERRO, X.R.: O Entroido ou os praceres da carne, 2ª ed., Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2003. RISCO, Vicente.: “Etnografía: Cultura espiritual”, en Historia de Galicia. T. I, Madrid, Akal, 1979, pp. 225-763. SABELA FIGUEIRA TENREIRO.: O Antroido onte e hoxe.. Achegas ao estudo desta festividade na Terra Chá.. Revista de Investigación de Galicia Encantada. Revista electrónica de investigación / ISSN 1887-2859. Lugo, 2008. TABOADA CHIVITE, Xesús.: Etnografía Galega. Cultura Espritual. Vigo: Galaxia, 1972 VÁZQUEZ RODRÍGUEZ, Xosé Manuel. “ O entroido nas ribeiras de Chantada. A persistencia da festa”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo. T. VII. Vol. 2, 1995, pp. 249-258. NOTAS: 1.-GONDAR PORTASANY, Marcial.: “ As máscaras do Poder. A linguaxe do Carnaval”, en Crítica da Razón Galega. Entre o nós-mesmos e nós-outros. A Nosa Terra, Vigo, 1993, páxs. 161-166. 2.-TABOADA CHIVITE, Xesús.: Etnografía Galega. Cultura Espritual. Vigo: Galaxia, 1972, páx. 56. 3.-Equipo Ir Indo. “Concellos. A Pobra de Brollón”, en Galicia en Comarcas. Lemos e Sarria, La Voz de Galicia. Ed. Ir Indo. Vigo, 2005, páxs. 127-133. 4.-O Entroido é unha festa popular, que sinala o remate do inverno e o comezo da primaveira. Celébrase tódolos anos entre os meses de febreiro e marzo. Os días de celebración varian de forma anual se ben os días fundamentais para a conmemoración destas xornadas son cinco, a saber do sábado de Entroido ata o mércores de cinza. 5.-Nesta localidade os veciños sempre interviron na organización dos diferentes actos, que tiñan lugar no Entroido, festa que sempre se celebrou agás os anos da guerra civil. 6.-RIVERA SOUTO, Antonio.Informante de Salcedo, 91 anos. 7.-G.. UBIERNA, Gadea. El Oso se toma las medidas. Diario “La Voz de Galicia” / Comarca de Lemos. 26-1-08. 8.-Hai anos había dous criados; co paso dos anos houbo catro, e no ano 2009 saíron oito. Antes do 2001 os criados ían vestidos con monos de cor azul. A partir deste ano van provistos de traxes de tea de saco e veos do mesmo material. 9.-CASTRO NOVO, Juanjo. Diario “El Progreso de Lugo”, 27-2-01, páx. 21. 10.-SINDA GONZÁLEZ. Diario “El Progreso de Lugo”, 24-2-04, páx. 19. 11.-Sustancia negra e graxa que forma o fume ao pegarse ás paredes e ós obxectos. 12.-BLANCO PRADO, X.M. e GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. : “ O Entroido na Ribeira Sacra e en Salcedo. O volante, o peliqueiro e o oso”, en Tempos de Festa. T.I. Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2006, páx. 133. 13.-É mester considerar as opinións que dan Mercedes Vázquez, Felipe Castro e Alberto González sobre o Oso de Salcedo. Tamén son importantes as referencias dos profesores franceses Yvon Dupouy e Jean Dominique Lajoux, non só con respecto ao oso, que nos ocupa, senón tamén sobre outros de Centroeuropa, Finalmente e importante a interpretación que da o antropólogo galego X.M. González Reboredo sobre esta cuestión. 14.-Antigo presidente da Asociación de Veciños de Salcedo. 15.-Alberto González, membro da Asociación de Veciños de Salcedo. 16.-GAIGNEBET, Claude.: El Carnaval. Barcelona: Alta Fulla, 1984.- 17.-E o caso de Bielsa (Huesca) e doutras localidades dos Pirineos. 18.-VÁZQUEZ, Mercedes.: “ Un emblema”. Diario “El Progreso” de Lugo, 27-2-01, páx. 21. 19.-DUPOUY, Yvon.: “Mantener la tradición”. Diario “El Progreso” de Lugo, 24-2-04, páx. 19. A morte do oso ten lugar na Vijanera de Silió (Cantabria), en Bielsa (Huesca), nalgunhas localidades catalanas do Vallespir, como Prats-de-Molo, Arles-sur.Tech ou Saint-Laurent-de-Cerdans etc.O oso é capturado e matado polos cazadores, que se apropian do seu vigor. 20.-Investigador do Centre Nacional da Recherche Scientifique de Francia. Estudiou innumerables tradicións folklóricas relacionadas co oso en lugares tan diferentes como Austria, Rumanía, o País Vasco, Laponia e Siberia. 21.-ALBO, Francisco.: “ Expertos de Francia y Japón vinculan el Oso de Salcedo con una religión paleolítica”. Diario “A Voz de Galicia”, 18-02-07. 22.-BLANCO PRADO, X.M. e GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. : “ O Entroido na Ribeira Sacra e en Salcedo. O volante, o peliqueiro e o oso”, en Tempos de Festa. T.I. Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2006, páx. 136.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: