nº 07 (2011).-ORDÓÑEZ, Alberto: A lenda da Cova do Xacintón (Cerqueda. Malpica de Bergantiños)
©Alberto Ordóñez (http://www.galiciaencantada.com) _________ O bo das lendas e das historias que se van contando polo que chaman tradición oral, é dicir, as historias que contan os avós, é que ó NON haber nin documentos escritos nin autores coñecidos, cada un cóntaa como lle parece: poñéndolle detalles, metendo dentro outras historias pequenas, inventando adornos... O caso é que, como ninguén pode protestar nin queixarse de que a historia non foi así (porque para iso son lendas), cada un cóntaas como lle parece. Eu, coa historia de Xacintón, debín oír 7 ou 8 versións diferentes. Vou contar a que me parece a máis tradicional. Pero despois, tamén hei de conta-las outras. O conto é que Xacintón era un home moi grande moi grande, e moi forte moi forte. A xente daquela non tiña palabras para definilo doutra forma: só ghrande e forte. Disque daquela, cando el viviu, nin sequera se inventara a palabra xighante. Pero Xacintón, sen sabelo, érao: un xigante. O xigante da Ribeira. Disque vivía coma calquera outra persoa, era un home coma outro. Pero era tan forte que, ás veces, sen el querelo, non daba controlado a súa forza. O seu corpo esaxerado, a súa corpulencia extrema e a súa forza descontrolada facíanlle quedar sen delicadeza ningunha. Era imposible que fose delicado nin curioso. Pouco a pouco foise desmoralizando, porque vía que non era como o mundo, que sempre andaba rompendo cousas. Que tentaba arrimar unha porta e acabábaa esnaquizando en mil anacos. Que tentaba carga-la herba no carro e acababa rebentando os bois. Que tentaba tornar unha vaca e acabábaa desghraciando. E tamén os veciños se foron fartando e colléndolle xenreira. Esnaquizaba canto atopaba por diante, non había comida que lle cheghase, sopraba e arrincaba os tellados... converteuse nun elemento insoportable. Ou Xacintón ou a xente. E Xacintón, que era ghrande pero non era malo, decidiu marchar. Marchar onde non lle estorbase a ninguén. ¿Pero a onde? O destino estaba claro: onde non houbese xente. E foi a unha zona de monte preto do mar, na costa entre Cerqueda e Cambre. Non había xente, non había a quen molestar, non había quen se molestase. Disque o primeiro que fixo foi construír unha casa, un sitio no que durmir tranquilo. Andou buscando por pedras para a construción, pero todas lle parecían pequenas. Daquela, acordou ir ó fondo do mar. Andou, andou e andou mar a fóra, porque a auga non o cubría. E en mar aberto, atopou tres pedras longas e chans: tres laxes. Colleunas debaixo dun brazo, levounas para terra e fixo a súa casa. Aínda hoxe se mantén o que a lenda di que era a súa casa. Realmente é unha cova, unha especie de furna da que sobresae a laxe máis grande, a do teito: o teito que colocou Xacintón para protexerse da auga. Aínda hoxe se pode ir á Casa de Xacintón, pero cómpre reparar ben porque o tempo foina agochando entre arume, piñeiros e silvas. De Xacintón non se soubo máis nada. Era mortal, así que debeu morrer. O único que acorda a xente é de que oíra que dixeran que era un home forte que vivía nunha cova afastada. .....Alghúns aínda o usaron para poñer medo. Aínda me acordo cando, de neno, se me portaba mal ou había malas notas, sempre había dúas ameazas: ti vas ir ó mar facer unha marea para que saiba-lo que é bo, e ímoste deixar na Casa de Xacintón. ....E é que o que hoxe é un paraíso, un dos maiores paraísos do mundo, a costa de Cerqueda, hai uns anos NON o era, senón que era (permítanme dicilo) o cu do mundo. O sitio a onde ninguén querería ir: corredoiras, lameiras e toxeiras. Hoxe só quedan as toxeiras, cada vez máis grandes. O caso é que hai moitas versións do conto. A memoria cada vez é máis fráxil e o tempo vai esvaecendo o que era nítido. O recordo, outras historias e mesmo as películas do cine. A lenda agora xa se mestura coa de Shrek, aquel xigante verde protagonista de dúas películas de animación. Mesmo hai quen di que aquel Xacintón non existiu e que en todas as culturas hai un xigante non socializado. Mesmo hai quen di que Xacintón non era un xigante incomprendido. Hai quen di que era xigante malvado e que, entre os veciños, conseguiron botalo fóra e recluílo aló onde só lle podía estorbar ó vento. E mesmo chegou ós meus oídos outra versión máis: que Xacintón viviu nos tempos da Gherra Civil. Que era un republicano, un roxo forte ó que ninguén ousou atacar, por medo. Pero o réxime disque o obrighara a marchar onde non había xente. E el marchou para a ribeira de Cerqueda. Ighual debía dicir que quen mo contou tamén dicía que era algho roxo e que tamén tivo que agocharse.
COMENTARIOS ENVIADOS